Pontón pide máis competencias para Galicia cun novo status territorial e Rueda fai ver que está conforme coa situación actual

Pontón e Rueda durante a súa xuntanza hai un ano tras a chegada do segundo á presidencia da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A portavoz do BNG di que a súa formación non vai investir a Feijóo por ser galego porque "tamén Franco o era e non o imos apoiar nunca" e o presidente retrúcalle que "tampouco Putin o é e vostedes o apoian"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrou a sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento nas aspiracións de Galicia ante o debate territorial que se está a abrir en España no marco da investidura dun novo Goberno central. Porén, fronte ás reclamacións nacionalistas, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, fixo ver que está conforme coa situación actual con Galicia como "unha nacionalidade histórica". Foi nun debate no que Pontón e Rueda tamén debateron sobre os resultados das eleccións xerais do pasado 23 de xullo asegurando os dous que a outra formación pasou a ser irrelevante.

[No debate deste mércores o portavoz socialista tamén criticou as políticas educativas da Xunta e Rueda apropiouse da visita da raíña Letizia a un colexio de Oroso como aval das mesmas]

O Parlamento no Pleno deste mércores © Parlamento de Galicia

Pontón formulou durante a súa intervención tres propostas de acordos "de país" para mellorar o financiamento de Galicia, reclamar "todas as competencias pendentes do Estatuto de Autonomía" e renovar o status actual de nacionalidade histórica e "avanzar no autogoberno real". A nacionalista criticou que durante os 14 anos de goberno do PP Galicia non recibiu nin unha soa nova competencia mentres que nese tempo Euskadi obtivo 26.

A resposta de Rueda foi amosar a súa conformidade co status e as competencias actuais de Galicia e só lamentar o actual sistema de financiamento autonómico, caducado desde o goberno de Mariano Rajoy. O popular esgrimiu os resultados das eleccións xerais do 23 de xullo para asegurar que, fronte ás reclamacións do BNG, "Galicia non é nin independentista nin nacionalista".

Ao fío desas eleccións, no debate deste mércores Pontón criticou que o PP diga que a súa formación ten que "apoiar a Feijóo porque é galego" xa que "tamén Franco era galego e non o imos apoiar nunca". "Hai que estar en Marte ou ser moi marciano para pensar que o BNG vai apoiar o PP", insistiu. A réplica de Rueda foi asegurar que "tampouco Putin é galego e vostedes o apoian", en referencia a discursos ambiguos a respecto da invasión de Ucraína por parte dalgúns membros do BNG.

A respecto das eleccións xerais, Pontón e Rueda tamén aseguraron que os comicios constataron a irrelevancia da formación contraria. Segundo Rueda, iso é así porque o BNG só obtivo un escano dos 23 en xogo, mentres que para Pontón será Feijóo o irrelevante ao non lograr apoios parlamentarios para a súa investidura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.