Rueda gaba que a proposta de Urkullu de máis autogoberno estea "enmarcada na Constitución"

Urkullu e Rueda nun encontro o pasado marzo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O popular di que "o obxectivo da Xunta e o meu como presidente é evitar desigualdades entre territorios"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pronunciouse este xoves sobre a proposta formulada polo lehendakari, Iñigo Urkullu, de ampliar o autogoberno de Euskadi, Galicia e Catalunya a través dunha "convención constitucional" que "reinterprete" o texto de 1978. O popular dixo que lle parece "ben" que o proxecto do seu homólogo vasco "sempre fala de estar enmarcado na Constitución".

Rueda e Urkullu nun encontro o pasado marzo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Para Rueda "o obxectivo da Xunta e o meu como presidente é evitar desigualdades entre territorios". Segundo di, "a Constitución permítenos desenvolvernos evitando desigualdades", e nesa liña considera a proposta de Urkullu como "ben encamiñada" ao ter a Constitución como "camiño, como marco e como límite". "Ese marco de igualdade é fundamental", insistiu.

Pola contra, o presidente galego contrapuxo a proposta de Urkullu coas negociacións "case clandestinas" doutros partidos para facilitar a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España. Segundo Rueda, esas conversas "poderían ir por favorecer unhas comunidades en detrimendo doutras".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.