O lehendakari pide máis autogoberno para Euskadi, Galicia e Catalunya cun novo "pacto territorial"

O lehendakari Íñigo Urkullu recibindo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado13 de marzo en Vitoria-Gasteiz CC-BY Irekia-Goberno Vasco

Iñigo Urkullu lembra os 90 anos de Galeusca, "unha proposta construtiva, cunha visión de futuro para un novo modelo de Estado"

O lehendakari, Iñigo Urkullu, publica este xoves en El País un artigo de opinión no que reclama "unha reinterpretación da Constitución" para acadar un novo "pacto territorial". No texto, titulado Autogoberno vasco e modelo plurinacional do Estado. Se hai vontade, é posible o acordo, Urkullu pide máis autogoberno para Euskadi, Galicia e Catalunya e di que a súa "non sería unha fórmula máxica nin un camiño expedito, pero podería abrir novas posibilidades de desenvolvemento futuro". 

"Así o formularon quen hai 90 anos, o 25 de xullo de 1933, constituíron Galeuzka, unha institución de irmandade entre galegos, vascos e cataláns. Foi unha proposta construtiva, cunha visión de futuro para un novo modelo de Estado territorial", di.

Artigo de Urkullu en El País © El País

A proposta de actualización de Galeusca formulada agora por Urkullu, que leva anos reclamando un novo modelo territorial do Estado, pasaría por convocar no prazo dun ano unha "convención constitucional" para "pactar unha interpretación sobre aquilo que a Constitución de 1978 non resolveu ben en relación coa cuestión territorial". "Por que nun Estado só pode haber unha nación? e por que o Estado español non pode ser plurinacional, como o foi na práctica ata o século XVIII?", pregúntase.

Urkullu di que a súa proposta debe partir do "acordo e o pacto". "É obvio que o pacto non se lle pode impoñer ao Estado. Nisto consiste a bilateralidade: as dúas partes deben estar de acordo e han de actuar cun compromiso de lealdade recíproca", engade, para matizar que ao mesmo tempo "tampouco podemos aceptar que se impida ao pobo vasco manifestar a súa vontade".

Feijóo e Urkullu, nunha xuntanza no Palacio de Ajuria Enea en 2016 CC-BY-SA Xunta

A proposta de Urkullu é convocar nun ano unha "convención constitucional" para "pactar unha interpretación sobre aquilo que a Constitución de 1978 non resolveu ben"

Para o lehendakari a Constitución de 1978 tentou "abrir un camiño" pero quedou "nunha descentralización política e administrativa, pero non foi máis alá" porque "non se descentralizou o poder xudicial, non se quixo facer do Senado unha auténtica Cámara de representación territorial e deseñouse un Tribunal Constitucional como árbitro entre o Estado central e as comunidades". Porén, ao seu ver agora "debemos ser quen de atopar os vimbios constitucionais e legais pertinentes para dar forma xurídica a un novo pacto, utilizando a vía da 'actualización dos dereitos históricos', tal e como establece a disposición adicional primeira da Constitución".

O artigo de Urkullu propoñendo unha "convención constitucional" no prazo dun ano chega un día despois de que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, propuxese que o PSOE o deixe gobernar dous anos durante os cales tentaría reducir a influencia do resto de partidos na política estatal. Tras esa proposta Feijóo e Urkullu falaron por teléfono na tarde deste mércores e o segundo fíxolle ver que non é o lehendakari senón o PNV quen decide sobre a investidura pero que en todo caso a súa formación está moi afastada de Vox, principal apoio dos populares. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.