"De todos os centros que hai en España, alégrome de que fora aquí onde a Casa Real quixo dicir que a educación pública funciona", di o presidente ante as peticións do PSdeG de máis axudas para as familias e mellores condicións para o profesorado
"De todos os centros que hai en toda España, alégrome de que fora aquí onde a Casa Real quixo dicir que a educación pública funciona". Con esa frase defendeuse este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, das críticas que lle lanzou o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, na sesión de control do Parlamento de Galicia. Unha frase coa que Rueda presentou a inauguración o pasado luns do curso escolar por parte da raíña Letizia nun colexio de Oroso como un aval ás políticas educativas da Xunta.

O portavoz socialista centrou a súa intervención no Pleno deste mércores en pedir á Xunta máis axudas para as familias ante o custo do inicio do curso escolar e mellores condicións para o profesorado. Álvarez tamén criticou os sucesivos peches de unidades educativas por parte do Goberno galego, "particularmente no ensino rural", así como o "goteo constante" de problemas no transporte escolar.
Fronte ás críticas do socialista o presidente, ademais de presentar a visita da raíña como un aval da súa xestión e asegurar que o comezo do curso foi "bastante normal", desviou o debate cara á demora do PSdeG en elixir o seu candidato ás próximas eleccións galegas. Un cambio de tema que Álvarez considerou "unha falta de respecto" tanto ás familias con problemas económicos neste inicio do curso escolar como ao profesorado que reclama mellores condicións laborais.
Nese eido Rueda rematou a súa intervención asegurando que o próximo ano a Xunta prevé realizar unha nova oferta pública de emprego de consolidación de prazas de profesorado.