O BNG comeza o curso político "preparado para liderar a posta en marcha do mellor goberno na historia de Galiza"

Executiva do BNG este luns 28 de agosto de 2023 CC-BY-SA BNG

“Con Galiza todo para acordar e falar, sen Galiza nada”, advirte Pontón respecto das negociacións para un novo Goberno de España

O BNG celebrou este luns unha reunión da súa executiva tras a que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, asegurou que a formación política está preparada "para liderar a posta en marcha do mellor goberno na historia de Galiza". “Non chega con sacar o PP da Xunta, nin con facer que por primeira vez Galiza teña unha presidenta, queremos construír o mellor goberno da historia dos galegos e as galegas, facer realidade un goberno que conte con todo o mundo e con todo o noso talento para poñer en marcha un ambicioso proxecto de modernización e avance do país”, dixo Pontón.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, este luns CC-BY-SA BNG

Segundo a portavoz nacionalista, co comezo do curso político "empeza a conta atrás para o cambio galego", un cambio no que o BNG di que vai traballar "dende a súa posición de liderado político, e cunha firme aposta polo diálogo para facer o mellor proxecto de futuro para todos os galegos e galegas.

O BNG avanzou "un traballo intenso nos vindeiros meses" para conformar unha "verdadeira axenda do cambio" e afrontar retos de país como "a innovación e transformación industrial, a crise climática, un modelo enerxético xusto, a axenda territorial urbana e de desenvolvemento rural, o compromiso feminista e coa diversidade, o benestar social, a modernización da Administración, un modelo fiscal máis xusto e progresivo, o avance nos dereitos democráticos e sociais ou a estratexia de Galiza no mundo". Para iso, a formación nacionalista "vai contar con centos de persoas" expertas para a elaboración da súa alternativa de goberno, “xente do BNG e de fora do BNG coa que traballaremos co único criterio de servizo a Galiza”, explicou. 

Ana Pontón durante unha sesión de control do Parlamento de Galicia CC-BY-NC-SA BNG

Pontón tamén se referiu este luns ás negociacións para conformar o vindeiro Goberno do Estado, aludindo á escenificación desesperada do PP, que non acaba de asumir a realidade democrática dos resultados electorais”. Estamos, dixo, ante un “proceso de investidura falida que semella unha operación de supervivencia política dun Feijóo que está na picota e cuestionado polos mesmos que o puxeron ao fronte do PP”.

Fronte aos populares, o BNG di ter “toda a vontade” de facer posible un Goberno alternativo. Con todo, advertiu Pontón, “o noso non vai ser un agasallo a ninguén”. “A proba do algodón será que ese goberno cumpra coa sociedade galega”, agregou, reiterando que o Bloque non vai dar un cheque en branco nin un apoio gratuíto. “Con Galiza todo para acordar e falar, sen Galiza nada”, aclarou. “A única nosa lealdade é Galiza”, insistiu noutro momento da súa intervención.

O BNG pedirá no Parlamento a renuncia de Louzán como representante do fútbol galego

Estes luns Pontón tamén reiterou as súas críticas, xa lanzadas o venres, contra os presidentes das federacións galega e estatal de fútbol. Do primeiro, Rafael Louzán, insistiu en que “as súas declaracións son inaceptables, non pode seguir nin un minuto máis no seu cargo, porque se o machismo é repugnante tamén é repugnante quen o branquea”, aseverou, anunciando que o BNG esixirá no Parlamento a súa renuncia como representante do fútbol galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.