O BNG ultima as peticións ao PSOE para o "si" a Sánchez e reafirma que non facilitaría un Goberno das dereitas

Carme da Silva e Néstor Rego, senadora e deputado do BNG, na sede nacional da formación este 2 de agosto CC-BY-NC-SA BNG

Sen "cheque en branco", pero dende a convicción de non facilitar en ningún caso un Goberno das dereitas. É o equilibrio no que o BNG aspira a moverse no inicio dunha nova lexislatura estatal na que, malia manter a representación, o seu único escano no Congreso pode gañar relevancia por mor do axustado xogo de maiorías emanado do 23X.

A dúas semanas das sesións constitutivas das novas Cortes, onde o voto da formación soberanista xa será relevante para a elección da presidencia do Congreso, o deputado do Bloque, Néstor Rego, e mais a súa nova senadora por designación do Parlamento, Carme da Silva, ratifican que ultiman a concreción das peticións ao PSOE para dar un "si" á investidura de Pedro Sánchez. Trátase, explican, de seren "coherentes co anunciado na campaña" e combinar o "non" á dereita coa esixencia de "compromisos coa axenda galega" que sexan "claros e verificábeis".

Rego e Da Silva, flanqueando a Ana Pontón na noite electoral do 23X CC-BY-NC-SA BNG

Neste contexto, e á espera da concreación definitiva, Rego e Da Silva sinalan que, xunto a cuestións transversais como o novo sistema de financiamento autonómico -o vixente está caducado dende 2014-, o BNG prevé "centrar o debate en catro grandes eixos", a comezar polo "investimento, fundamentalmente en infraestruturas". Tamén, sinalan, teñen entre as prioridades "o avance en políticas sociais, especialmente en materia de igualdade" e de financiamento das prestacións da lei de dependencia. 

O Bloque avanza a súa intención de centrar o posible pacto de investidura co PSOE en investimento en infraestruturas e políticas sociais, industriais e ambientais. Non será, mantén Rego, un "cheque en branco"

Xunto a estes dous ámbitos, indican, reclamarán "un compromiso dunha acción clara para frear e paliar a crise industrial" e mais poñer o foco nas "políticas ambientais" e no que consideran "espolio enerxético" para que Galicia "non sexa utilizada para extraer recursos" con "custos ambientais" pero "sen compensación", indica Da Silva. En síntese, sinala Rego, "estamos en disposición de falar, mais seremos moi esixentes á hora de defender o pobo galego".

Alén das reivindicacións máis inmediatas, Néstor Rego indica que a "posición reforzada do BNG en Madrid nesta lexislatura" debe servir tamén para "lograr avances no autogoberno". Non obstante, matiza, para logralo "non basta cun Goberno do Estado proclive", senón que cómpre "tamén un Goberno da Xunta que reclame o traspaso de competencias" e neste ámbito, "o Goberno do PP non fixo nada", toda vez que o pasado xullo se cumpriron 15 anos dos últimos traspasos asinados. Por iso, resalta, "teremos que traballar tamén para que haxa un Goberno galego que teña interese en fortalecer as capacidades de toma de decisións en Galiza, un Goberno do BNG".

Con este pano de fondo, o BNG ratifica tamén que ten xa abertas conversas para "avanzar na composición dos grupos parlamentarios tanto no Congreso como no Senado" co obxectivo de "tentar lograr a mellor posición posíbel e a máxima capacidade" para formular iniciativas e intervir. Na pasada lexislatura Rego non quedou no Grupo Mixto, senón que formou parte do Grupo Parlamentario Plural xunto a membros de JxCat, Más País, CC-NC, , PRC e Teruel Existe, o que lles permitiu ter máis marxe de manobra mantendo a independencia política na Cámara.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.