Nos nove primeiros meses do ano chegaron a Santiago 378.914 peregrinos e peregrinas, fronte ás 370.985 do mesmo período do ano 2022
Dende hai décadas a cifra de peregrinos que chegan a Compostela amosa unha constante tendencia á alza, especialmente marcada nos Anos Santos Xacobeos. Os últimos foron os de 2004, 2010 e 2021 (estendido a 2022 por mor da pandemia de COVID) e neles sempre se superan os récords históricos, que habitualmente tardan varios anos en volver ser superados.
Así, a marca histórica de peregrinos acadada en 2004 non foi superada ata o 2010. E a cifra fixada nese 2010 non foi excedida ata o 2016. 2022 bateu todos os récords, con máis de 438 mil Compostelas concedidas, pero nesta ocasión non haberá que agardar tanto para o novo máximo. No que levamos de ano os rexistros de peregrinos chegados a Santiago están a presentar cifras mesmo superiores ás de 2022, a pesar de que este 2023 non ten consideración de Ano Xacobeo.
Hai un mes Rueda destacou que podía haber un 30% de peregrinos realizando o Camiño de Santiago que non aparecen nas estatísticas, porque por distintos motivos non recollen a Compostela
Nos nove primeiros meses do ano chegaron a Santiago 378.914 peregrinos e peregrinas, fronte ás 370.985 do mesmo período do ano 2022. De manterse esta tendencia, sería a primeira vez que as cifras dun Ano Santo son superadas ao ano seguinte, nun ano non Xacobeo. De momento, o mes pasado situouse como o setembro con máis peregrinos da historia, con 68.371, fronte aos 66.179 do ano 2022. No conxunto do pasado ano a cifra total de peregrinos foi de 438.589 e é moi probable que este indicador se vexa superado neste 2023.
Así, os 438.000 peregrinos rexistrados o pasado ano converteríanse en 626.000, unha cifra que probablemente sexa superada este ano
É máis: estas cifras poderían ser moi superiores en realidade. Hai un mes o presidente do Goberno Galego, Alfonso Rueda, comentou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que podía haber un 30% de peregrinos realizando o Camiño de Santiago que non aparecen nas estatísticas, porque por distintos motivos non recollen a Compostela. Este documento só se entrega ás persoas que realizan un mínimo de 100 quilómetros a pé ou 200 en bicicleta ou a cabalo e sempre que vaian recollendo os selos nos establecementos autorizados para o rexistro ao longo do percorrido.
Así, os 438.000 peregrinos rexistrados o pasado ano converteríanse en 626.000, unha cifra que probablemente sexa superada este ano.
Dende o ano 1993, o Xacobeo é unha historia de éxito evidente a nivel turístico e económico, xerando ingresos importantes en todas as localidades polas que pasa. Porén, nos últimos tempos agromaron tamén críticas pola saturación de visitantes que se produce, especialmente en Compostela, e nomeadamente nos meses do verán e polos efectos negativos que sobre a poboación local ten esta alta densidade de turistas concentrados no casco histórico e barrios próximos.
Nos últimos tempos a Xunta vén facendo fincapé pola "desestacionalización" do Camiño de Santiago, apostando por promover a chegada de peregrinos fóra do verán. Con todo, dende entidades veciñais de barrios composteláns polos que pasa o Camiño mantense a preocupación pola saturación de peregrinos, agora estendida a case todo o ano.
As mulleres, maioría no Camiño
Entre xaneiro e setembro as mulleres recolleron o 52,79% do total de Compostelas, por riba da porcentaxe do pasado ano (52,61%), que xa supuxera un récord
Afondando nos datos ofrecidos pola Oficina do Peregrino, vemos como no que vai de ano se consolida a tendencia iniciada hai décadas, pola que as mulleres son cada vez máis maioritarias entre os peregrinos. Entre xaneiro e setembro as mulleres recolleron o 52,79% do total de Compostelas, por riba da porcentaxe do pasado ano (52,61%), que xa supuxera un récord. 2018 foi o primeiro ano no que as mulleres foron maioría, unha situación que se repetiu no 2019 e á que só a pandemia deu a volta, devolvendo ao Camiño unha maioría masculina.
Máis peregrinos de fóra do Estado
O 54,2% dos peregrinos chegan dende fóra do Estado español
O que si mudou neste 2023 foi a relación entre peregrinos procedente do Estado español e os chegados do estranxeiro, que volveron ser maioría (54,2%) por primeira vez dende o 2019. Entre 2012 e 2019 sempre houbera máis estranxeiros que españois facendo o Camiño, pero a pandemia de COVID, que limitou as viaxes internacionais, mudou temporalmente a situación, que agora regresa ás tendencias precedentes.
En canto ás nacionalidades máis comúns dos peregrinos chegados a Compostela, destaca o gran número de estadounidenses, que superan a italianos, alemáns, portugueses, franceses, británico e mexicanos.
O número de peregrinos do Camiño Francés baixa do 50% por primeira vez
O Camiño Francés suma o 49,3% dos peregrinos chegados a Compostela, moi lonxe do 70,3% de hai tan só unha década. Neste tempo outros camiños foron gañando en importancia, especialmente o portugués, tanto o do interior coma o da costa
O Camiño Francés continúa a ser, con gran diferenza, o máis utilizado. Porén, neste 2023 pódese acadar un fito histórico, de xeito que o número de peregrinos chegados por esta vía sexa por primeira vez inferior ao 50% do total. De momento, entre xaneiro e setembro, o Camiño Francés suma o 49,3% dos peregrinos chegados a Compostela, por debaixo do 51,8% do pasado ano e moi lonxe do 70,3% de hai tan só unha década.
Neste tempo outros camiños foron gañando en importancia, especialmente o portugués, tanto o do interior coma o da costa. Entre os dous suman xa case un terzo dos peregrinos a Compostela, uns 127 mil no que levamos de ano. Inglés, Norte e Primitivo, con ao redor de 20.000 peregrinos cada un entre xaneiro e setembro, aparecen a continuación, moi por riba das demais vías: Vía da Prata, Camiño de Inverno ou o camiño a Muxía e Fisterra, entre outros.
Sarria segue a configurarse como o principal punto de inicio do Camiño, por diante de Porto e Tui
Así, Sarria segue a configurarse como o principal punto de inicio do Camiño, neste caso do Camiño Francés, con case 118 mil peregrinos no que levamos de ano. Esta localidade sitúase a pouco máis de 100 quilómetros de Santiago e é, polo tanto, o lugar máis cómodo para comezar a ruta e facela en poucos días. A continuación aparecen Porto (máis de 41 peregrinos) e Tui (uns 30 mil), mostra do crecemento do Camiño Portugués, por diante de Saint-Jean-Pied-de-Port, nos Pireneos, e de Ferrol, punto de inicio do Camiño Inglés.