A Xunta subvencionará con 200 euros 5.000 persoas mozas para que fagan o Camiño de Santiago

Alfonso Rueda nunha imaxe de arquivo con mozos e mozas peregrinos en Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda anuncia un millón de euros en descontos en aloxamento e restauración para "animar a que máis mozos sigan facendo o Camiño" tras un novo récord de peregrinacións

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este xoves a posta en marcha o próximo mes de xullo dun novo bono, denominado Xacobeo Xove, co que subvencionar vacacións á cidadanía, desta volta para que mozos e mozas fagan o Camiño de Santiago, que o pasado ano rexistrou un novo récord de afluencia, con preto de 440.000 compostelas seladas. Rueda indicou que o Goberno galego destina a esta medida un millón de euros cos que prevé a xudar a 5.000 mozos e mozas con 200 euros por cabeza.

Ao igual que fixo no seu momento co bono turístico dirixido á cidadanía en xeral, a nova medida do Goberno galego achegará un máximo do 40% do gasto ou de 200 euros por persoa beneficiaria para estas adquiran produtos turísticos como “aloxamentos ou gastos en manutención” ligados ao camiño de Santiago que comercialicen “exclusivamente as axencias de viaxes galegas”.

O gasto en "aloxamentos ou manutención" deberá facerse "exclusivamente" a través de "axencias de viaxes galegas"

Rueda tamén indicou que para acceder ao novo bono será “imprescindible ter o carné xove da Xunta, limitado para persoas de entre 12 e 30 anos. Outro dos requisitos do bono divulgados este xoves pola Xunta é que as persoas beneficiarias deberán aloxarse un mínimo de catro noites en establecementos do Camiño.

Rueda facendo un treito do Camiño de Santiago hai un ano CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A nova medida, que estará en vigor ata decembro, desenvolverase mediante un convenio coa Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia, a través da que a Xunta vén privatizando a xestión e deseño das súas políticas turísticas. Tamén participan no acordo a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia e a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia.

O presidente do Goberno galego presentou este xoves o novo bono como unha medida tanto de apoio ao sector turístico ligado ao Camiño de Santiago como de impulso das peregrinacións dos máis novos. Porén, el mesmo salientou que no que vai de ano “un terzo dos peregrinos son menores de 30 anos”. Canto ao sector turístico ligado ao Camiño, o pasado ano volveu rexistrarse un novo récord de peregrinacións, con preto de 440.000, e a Xunta avoga por manter a intensidade do seu apoio ao fenómeno durante a próxima “década xacobea”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.