A dirección xeral de Patrimonio Cultural promove a protección da acollida tradicional xacobea diante da "mercantilización e turistificación" do Camiño de Santiago, que a pon "en grave risco" ao estar baseada en valores como o altruísmo e o espírito fraterno
"A acollida tradicional xacobea é un sistema fraterno de hospitalidade e albergue do peregrino a Santiago, caracterizado pola austeridade e a preservación do carácter espiritual e transcendente da peregrinación, no que os servizos se ofrecen de maneira desinteresada e sen ánimo de lucro, mediante o traballo voluntario dos hospitaleros, por regra xeral tamén peregrinos, e a creación dun ambiente acolledor".
Así a define a dirección xeral de Patrimonio Cultural, dependente do Ministerio de Cultura, na resolución publicada este xoves no BOE pola que se incoa o expediente de declaración da acollida tradicional xacobea como manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial ao considerala "ameazada" polo propio éxito do Camiño. "A mercantilización e turistificación do Camiño de Santiago e demais manifestacións culturais asociadas pon en grave risco á práctica obxecto desta declaración", afírmase no texto que chegará ao Consello de Ministros no prazo máximo dun ano para que se formalice esta protección mediante un Real Decreto.
Esta hospitalidade practícase dende o Medievo e responde a unha mesma vontade social, política e espiritual, mediante a cal se dota ao 'estranxeiro' dun status especial que tende a reducir as desvantaxes de tal condición, asimilando os seus dereitos –dalgunha forma– aos do grupo nativo ou dominante que actúa como receptor. Desde a perspectiva antropolóxica, esta atención ao viaxeiro foráneo ten en orixe unha concepción espiritual que transcende ao mero aloxamento e propón o descanso do corpo e a alma.
Considérase que a acollida tradicional xacobea constitúe "un elemento definido, destacado, diferencial e identitario do Camiño de Santiago, como expresión dos valores xacobeos e marco esencial do seu ritualismo, pero fráxil e ameazado". Esta hospitalidade tradicional, e os albergues que a practican, representan "un compendio da esencia relixiosa, cultural e especificamente patrimonial do Camiño de Santiago, aquela que constitúe o elemento humano e inmaterial do Camiño".
Dende Patrimonio alertan de que "a perda dos valores xacobeos xunto co auxe do turismo afastado dos principios da peregrinación están a provocar o peche, estacional ou definitivo, de albergues tradicionais de peregrinos", nos que destacan o altruísmo, o espírito fraterno e ausencia de ánimo de lucro.
Patrimonio alerta de que "a perda dos valores xacobeos xunto co auxe do turismo afastado dos principios da peregrinación están a provocar o peche de albergues tradicionais de peregrinos"
O marco xeográfico desta característica hospitalidade non se limita á Península Ibérica, pois dela forma parte calquera país, rexión ou localidade no que se dea lugar este fenómeno cultural. No Estado español, historicamente ten maior relevancia en Aragón, Navarra, País Vasco, A Rioxa, Asturias, Cantabria, Castela e León e Galicia. Por estas terras, lembra Patrimonio, atravesan o Camiño de Santiago Francés e os Camiños do Norte de España, os dous máis populares, ademais de seren os recoñecidos como Patrimonio Mundial pola UNESCO nos anos 1993 e 2015, respectivamente.
A proposta de salvagardar a acollida tradicional xacobea como manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial, recollida nesta resolución que parte do acordo acadado na reunión do Consejo de Patrimonio Histórico que tivo lugar o pasado marzo en Lanzarote, pretende "paliar, reducir e solucionar" as ameazas en aumento, así como aproveitar e reforzar "as fortalezas e oportunidades" que presenta esta manifestación cultural que logrou chegar aos nosos días.