O arcebispo insiste en que non se perda "o sentido auténtico" do Camiño e a Xunta evita polemizar e salienta o novo récord "extraordinario" de visitantes
"As persoas que fan o Camiño de Santiago, fan unha verdadeira peregrinación? Esta é a pregunta que debemos responder. Ou é outra cousa? Obviamente hai diferentes experiencias, pero a pregunta fainos reflexionar". Así se pronunciou este xoves o papa Francisco nunha recepción a peregrinos xacobeos en Roma a menos de dúas semanas de rematar un novo ano de récord no rexistro oficial de compostelas, con medio millón delas entregadas, 50.000 máis que o ano pasado e 60.000 máis que no último xacobeo, en 2022.
As palabras do papa foron reiteradas este venres en Santiago polo arcebispo en presenza do conselleiro de Cultura, que evitou polemizar, rexeitou valorar "as motivacións de cada persoa" e salientou o novo récord "extraordinario" de peregrinos.
O papa pronunciouse este xoves sobre o Camiño de Santiago nunha audiencia a uns cinco mil fieis italianos que participaron nunha peregrinación organizada por unha entidade dese país que dá apoio espiritual en Santiago e Fisterra. Na súa mensaxe o pontífice pediu aos peregrinos non só facer o camiño senón vivilo como unha experiencia transformadora baseada no silencio, o Evanxeo e a caridade.
Segundo dixo o papa, "o camiño vivido en silencio permite escoitar, escoitar co corazón, e así atopar, camiñando, a través do esforzo, as respostas que o corazón busca, porque o corazón fai preguntas; de feito, Deus fala no silencio". O pontífice tamén pediu aos peregrinos que estean atentos ás necesidades dos demais durante o seu percorrido, especialmente aos máis vulnerables, e que saían de si mesmos "ofrecéndose en servizo aos demais".
E nesa liña incidiu este venres en Compostela o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, que preguntado polas palabras do papa, que escoitou en persoa en Roma, insistiu en "non perder de vista o sentido auténtico, orixinal" da peregrinación a Santiago. "Eu recoñezo que hai outros sentidos", admitiu Prieto, pero asegurou que tamén esas persoas que fan o camiño sen motivación relixiosa acaban "transformadas" cando chegan a Santiago. "Manteñamos as esencias", pide o arcebispo, que asegura que "a Xunta tamén o entende".
"Non entramos nas motivacións que levan a cada persoa", di o conselleiro de Cultura ante as declaracións do pontífice
Porén, desde a Xunta evitouse tanto respaldar as palabras do papa como polemizar sobre a cuestión. "Non entramos nas motivacións que levan a cada persoa", dixo o conselleiro de Cultura, José López Campos, a carón do arcebispo cando os dous foron preguntados polas declaracións do pontífice. Pola contra, o conselleiro incidiu no "extraordinario" que supón o novo récord de medio millón de peregrinos e no obxectivo que o Camiño ten de chegar a Santiago e á súa catedral.
As palabras do papa e o perfil baixo da resposta da Xunta ás mesmas contrastan cos problemas de ruídos e masificación que se veñen rexistrando ao longo dos diversos camiños a Compostela, en especial nos máis transitados e nos últimos quilómetros ata a chegada á catedral de Santiago.
O camiño francés xa supón menos da metade das peregrinacións e as mulleres son maioría, con recentes denuncias de casos de acoso sexual
As cifras oficiais de compostelas entregadas pola Oficina do Peregrino, que só computa as persoas que din facer o camiño por motivos relixiosos, reflicten ano tras ano unha progresiva dispersión dos camiñantes entre os diversos itinerarios existentes. De feito, o camiño francés xa supón menos da metade das peregrinacións (47,4%), mentres seguen en aumento o camiño portugués (19,1%) e sobre todo o portugués da costa (15%).
As cifras oficiais tamén reflicten a consolidación do maior peso das mulleres fronte os homes na peregrinación, cun 54% fronte un 46%. Mulleres entre as que están a producirse casos acoso sexual que veñen de ter eco internacional cunha reportaxe publicada hai unhas semanas polo xornal británico The Guardian.
O Estado quere protexer a acollida tradicional xacobea ante a "mercantilización e turistificación" do Camiño
Os problemas que a "mercantilización e turistificación" están a provocar no Camiño, en particular na acollida tradicional xacobea, tamén veñen de ser criticados polo Estado, que quere protexer o sistema histórico de "hospitalidade e albergue do peregrino a Santiago, caracterizado pola austeridade e a preservación do carácter espiritual e transcendente da peregrinación".