Compostela recibiu en 2023 un máximo histórico de peregrinos, un 28% máis que antes da pandemia

Alfonso Rueda inaugura o albergue de peregrinos A Laxe, en Vilasantar, o 21 de marzo de 2022 © Xunta

Trátase da primeira vez nos tempos recentes que a afluencia de peregrinos rexistrada nun ano santo se supera no seguinte ano non santo

O pasado 12 de novembro a Xunta de Galicia celebrou, cun acto público, a chegada a Compostela do peregrino número 438.307 -Juan Manuel, un andaluz de 79 anos-, que supuña a superación do anterior récord histórico de camiñantes chegados a Santiago acreditados coa Compostela. O pasado ano marcou un novo máximo histórico de peregrinos, con 446.035, un 2% máis que no 2022, unha suba cativa, pero moi significativa por non ser o 2023 un ano Xacobeo, a diferenza de 2021 e 2022.

Trátase, de feito, da primeira vez nos tempos recentes que a afluencia de peregrinos rexistrada nun ano santo se supera no seguinte ano non santo. A cifra de compostelas entregadas no 2023 é, ademais, un 28% maior que a de 2019, último ano non Xacobeo (sen ter en conta o 2020 da pandemia).

Estamos, dende logo, ante unha historia de éxito, con cifras de peregrinos que multiplican por catro os datos de hai 15 anos e que, ademais, non se limitan a Compostela ou ao Camiño Francés, grazas ao crecemento experimentado nos últimos anos polos restantes itinerarios de chegada a Santiago. Con todo, neste éxito tamén agroman críticas e preocupacións pola saturación turística que comeza a sufrir a capital de Galicia e por determinadas prácticas dalgúns peregrinos que resultan molestas para a poboación residente.

Rueda destacou que podía haber un 30% de peregrinos realizando o Camiño de Santiago que non aparecen nas estatísticas, porque por distintos motivos non recollen a Compostela. Esta estimación convertería os 446.035 peregrinos e peregrinas rexistradas en case 650.000

É máis: estas cifras poderían ser moi superiores en realidade. Este outono o presidente do Goberno Galego, Alfonso Rueda, comentou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que podía haber un 30% de peregrinos realizando o Camiño de Santiago que non aparecen nas estatísticas, porque por distintos motivos non recollen a Compostela. Este documento só se entrega ás persoas que realizan un mínimo de 100 quilómetros a pé ou 200 en bicicleta ou a cabalo e sempre que vaian recollendo os selos nos establecementos autorizados para o rexistro ao longo do percorrido. 

Esta estimación convertería os 446.035 peregrinos e peregrinas rexistradas en case 650.000. A Xunta traballa xa nos preparativos do seguinte ano Xacobeo, que chegará en 2027, no que de seguro estas cifras serán superadas e é probable que novos máximos históricos cheguen antes.

Por primeira vez o Camiño Francés non chegou ao 50% dos peregrinos e peregrinas chegadas a Santiago, ficando no 49,3%, moi lonxe do 70% de hai unha década

O Goberno galego destaca que nos últimos anos se está a avanzar na desestacionalización das peregrinacións, cun grande aumento dos e das camiñantes fóra da tempada alta do verán. É certo que os catro meses de xuño a setembro seguiron a representar máis do 57% das chegadas a Compostela. Porén, o número de peregrinos e peregrinas en maio (13,9% do total) e novembro (9,4%) supuxeron tamén porcentaxe importantes.

Tamén se diversifican os itinerarios de chegada a Santiago, fronte á anterior preponderancia do Camiño Francés. A vía que entra en Galicia polo Cebreiro e que ten Sarria como principal punto de inicio segue a ser, con diferenza, a máis importante, pero por primeira vez non suma o 50% das compostelas entregadas, ficando no 49,3%, moi lonxe do 70% de hai unha década.

O Camiño Portugués -especialmente o Camiño Portugués da Costa- é o que máis aumentou o seu número de peregrinos en 2023, consolidándose como o segundo itinerario en importancia, por diante do Camiño Inglés, o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo.

No ano 2023 medrou especialmente o número de peregrinos chegados dende fóra do Estado español, que representaron o 55,2% do total, fronte ao 45,4% do ano anterior

No ano 2023 medrou especialmente o número de peregrinos chegados dende fóra do Estado español, que representaron o 55,2% do total, fronte ao 45,4% do ano anterior. Entre 2012 e 2019 sempre houbera máis estranxeiros que españois facendo o Camiño, pero a pandemia de COVID, que limitou as viaxes internacionais, mudou temporalmente a situación, que agora regresou ás tendencias precedentes. Tamén inflúe o feito de que o 2023 non fóra Ano Xacobeo, pois é nestas ocasións sinaladas cando máis se dispara a chegada de camiñantes do resto do Estado, mentres que os estranxeiros manteñen unha afluencia máis estable, sempre crecente.

En canto ás nacionalidades máis comúns dos peregrinos chegados a Compostela, destaca o gran número de italianos e estadounidenses, que superan a alemáns, portugueses, franceses, británicos, irlandeses e mexicanos.

As mulleres recolleron o 53,1% do total de Compostelas, por riba da porcentaxe do pasado ano (52,6%), que xa supuxera un récord

Finalmente, en 2023 tamén se consolidou a tendencia iniciada hai décadas, pola que as mulleres son cada vez máis maioritarias entre os peregrinos. As mulleres recolleron o 53,1% do total de Compostelas, por riba da porcentaxe do pasado ano (52,61%), que xa supuxera un récord. 2018 foi o primeiro ano no que as mulleres foron maioría, unha situación que se repetiu no 2019 e á que só a pandemia deu a volta, devolvendo ao Camiño unha maioría masculina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.