Francisco, o papa que manchou as mans

O Papa Francisco, despedíndose tras unha visita a México en 2016 CC-BY Presidencia da República Mexicana

O pontificado de Bergoglio foi acollido con esperanza. Abonda observar as reaccións dos sectores máis ultraconservadores ao seu labor para saber que baixou á lama e manchou as mans para tocar asuntos pouco confortables

Cando, o 13 de marzo de 2013, o mundo soubo da elección de Jorge Mario Bergoglio como novo novo papa da Igrexa Católica en substitución do dimisionario Joseph Ratzinger, foron moitas as análises que ollaron a mudanza como un xesto aperturista. Todo o aperturista que pode ser un xesto na estrutura eclesiástica e nos complexos mecanismos de poder do Vaticano que dende este Luns de Pascua de 2025 volven activarse para elixir un sucesor por mor da morte de quen elixiu rexer a Igrexa baixo o nome de Francisco, un xesto en si mesmo.

Francisco faleceu este 21 de abril aos 88 anos. Aconteceu apenas vinte e catro horas despois da que acabou sendo a súa derradeira aparición pública, para impartir a bendición urbi et orbi dende o Vaticano. Paradoxalmente, esa breve intervención, así como a lixeira axenda oficial que desenvolveu nos días previos, insuflou esperanzas na comunidade católica -e alén dela- sobre unha eventual recuperación definitiva da pneumonía bilateral que o mantivo hospitalizado 37 días, ata finais do pasado marzo.

Derradeira aparición pública do papa Francisco, este Domingo de Pascua no Vaticano

Nos días seguintes á elección do xesuíta arxentino, o centro de Bos Aires foi empapelado con carteis coa imaxe do novo papa. "Arxentino e peronista", dicían os carteis nun contexto no que os que o coñecían destacaban o seu labor a prol dos pobres como crego e arcebispo, mais no que tamén xurdiron voces que lle reprochaban "falta de coraxe para acompañar a loita polos dereitos humanos" durante a ditadura no seu país. Tras Bieito XVI podían chegar tempos de relativo progreso á Igrexa, sinalaban algunhas voces entre lembranzas a Xoán XXIII, o papa bo.

Alén dos xestos, Francisco acometeu tarefas como a reforma da Curia ou a introdución de controis económicos no Vaticano, ademais de apoiar investigar os abusos sexuais na Igrexa ou clamar por unha economía ao servizo dos pobres

Cando menos unha parte daquelas "esperanzas" depositadas en Francisco polo cristianismo de base foron atendidas nestes doce anos de pontificado. Francisco baixou á lama, manchou as mans, tocou asuntos pouco confortables. Boa mostra disto son as reaccións de agre, profundo e por veces furibundo rexeitamento que atopou nos sectores máis ultraconservadores da institución, con expoñentes ben próximos ao noso país, caso de Antonio María Rouco Varela. Tamén a antipatía que espertaba na internacional reaccionaria, nas dereitas autoritarias do mundo.

Alén de xestos como renunciar a parte das prebendas e luxos asociados ao cargo os que si gozaron os seus antecesores, Francisco acometeu tarefas como a reforma da Curia romana, os órganos de goberno da Santa Sé. E, sobre todo, introduciu novos controis e rigor económico no Vaticano, o que lle xerou máis inimizades que as súas consideracións en ámbitos doutrinais ou morais, caso de abrirse á bendición a parellas homosexuais ou censurar abertamente a explotación laboral mentres priorizaba as viaxes aos lugares máis desfavorecidos por riba de visitas a países ricos. Entre eles, o noso. Non en van, a Xunta e o Arcebispado de Santiago tentaron, sen éxito, que Francisco viaxase ao Xacobeo 2021, prolongado a 2022 pola COVID.

O Papa Francisco, recibindo en 2021 a Feijóo como presidente da Xunta canda o daquela arcebispo de Santiago, Julián Barrio CC-BY-SA Xunta de Galicia

O apoio ás investigacións sobre os casos de abusos sexuais no seo da Igrexa, as apelacións á acollida ás persoas migrantes ou a reclamación dunha economía "ao servizo non só duns poucos senón de todos, especialmente dos pobres", como manifestou ante a patronal galega, forman parte esencial do legado dun Pontificado que pretendeu transcender. Ir alén do propio Francisco para que as súas reformas e compromisos continuasen no tempo. 

As voces que apuntan a un xiro ultraconservador na institución, indo cos tempos que sopran en boa parte do mundo, non falan da mesma esperanza que acompañou o papado de Francisco. Unha esperanza que non se rexistrou só entre a poboación católica, senón tamén entre as persoas e entidades que ven esencial que a Igrexa católica, polo seu peso global, avance e contribúa ás melloras sociais.

Unha derradeira mensaxe pola paz

Na que serían as horas finais da súa vida, o papa reprochou abertamente o "desprezo" ás persoas migrantes tras recibir o vicepresidente dos EUA

O espírito do pontificado de Francisco quedou marcado tamén na que acabou sendo a súa derradeira mensaxe, a lida polo arcebispo Diego Ravelli este pasado domingo tras a devandita bendición do Domingo de Pascua, dado que as secuelas da pneumonía non lle permitiron pronunciala directamente. Foi unha homilía centrada, en boa medida, en reclamar a paz, especialmente en Gaza. Tamén en reprochar abertamente o "desprezo" ás persoas migrantes tras recibir o vicepresidente dos Estados Unidos, James David Vance.

O papa Francisco, no cumio do G7 en xuño de 2024 © UE

"Chamo unha vez máis a un inmediato cesamento do fogo na Franxa de Gaza, a liberación dos reféns e o acceso da axuda humanitaria", pediu Francisco. A súa apelación puxo o foco na poboación gazatí en risco de morrer de fame, mais tamén lembrou os habitantes do Iemen ou dunha Ucraína "devastada". 

Nese sentido, destacou o Vaticano, o pontífice chamou a "todos os que ocupan cargos de responsabilidade política no noso mundo para que non cedan á lóxica do medo" e "usen os nosos recursos pasara axudar os necesitados", para "combater a fame e fomentar iniciativas que promovan o desenvolvemento". "Estas -concluíu- son armas da paz", as que "constrúen futuro" no canto de "sementar morte".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.