1982, 1989 e 2010: as visitas de papas a Galicia que Francisco non puido repetir

Imaxes das visitas de Xoán Paulo II e Bieito XVI a Santiago en 1989 e 2010, tiradas do arquivo da TVG © CRTVG

Tan só dous papas (Xoán Paulo II en dúas ocasións e Bieito XVI nunha) visitaron oficialmente Compostela. Foi en 1982 (ano santo), 1989 (coincidindo coa Xornada Mundial da Xuventude) e 2010, de novo Ano Xacobeo

A pesar do inevitable fío que une Roma con Santiago, capitais da cristiandade e centros de peregrinación, tan só dous papas (Xoán Paulo II en dúas ocasións e Bieito XVI nunha) visitaron oficialmente Compostela. Foi en 1982 (ano santo), 1989 (coincidindo coa Xornada Mundial da Xuventude) e 2010, de novo Ano Xacobeo. 

A visita do papa Francisco estivo sobre a mesa en varias ocasións, moi especialmente entre os anos 2021 e 2022, despois dun convite formal do daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de visita no Vaticano. Valorouse a posibilidade de realizala en xullo ou en agosto de 2022, como peche ao dobre Ano Xacobeo 2021-22- Porén, a debilitada saúde do pontífice, entre outros motivos, impediu o desprazamento.

As anteriores viaxes apostólicas realizadas polos seus dous predecesores estiveron marcadas pola gran presenza de fieis e peregrinos, aínda que cada unha delas tivo características ben distintas, acorde coas moi diferentes personalidades dos dous pontífices: o populismo do polaco Wojtila contrastou coa sobriedade do alemán Ratzinger. En calquera caso, os tres actos supuxeron un grande acontecemento para Santiago e para toda Galicia.

1982: primeira visita e unha mensaxe re-evanxelizadora para Europa

A visita do papa Francisco estivo sobre a mesa en varias ocasións, moi especialmente entre os anos 2021 e 2022

En novembro de 1982 Xoán Paulo II visitou España e finalizou o seu periplo en Compostela o 9 de novembro. Aterrou ás 10:30 da mañá en Lavacolla e desenvolveu unha intensa axenda, con catro actos: unha Misa do Peregrino no propio aeroporto, unha visita á Catedral ao mediodía, un encontro con mariñeiros no Obradoiro ás 16:30 e un acto europeísta na Catedral ás 18 horas. Ás 19:30 o seu avión despegou do aeroporto, despois de pasar na capital galega apenas nove horas, pero moi ben aproveitadas.

Desta visita é especialmente lembrado o seu discurso no acto europeísta na Catedral, no que arengou os países do continente (especialmente á Europa do Leste aínda comunista) a volver atopar as súas raíces cristiás.

1989: un encontro con centos de milleiros de peregrinos

O populismo do polaco Wojtila contrastou coa sobriedade do alemán Ratzinger. En 1989 Máis de 300.000 persoas agardaban en Compostela por Xoán Paulo II

En 1989 o papa Wojtila regresou a Compostela, desta volta nun encontro moito máis masivo, coincidindo cunha gran peregrinación no marco da Xornada Mundial da Xuventude, celebrada no mes de agosto. Máis de 300.000 persoas agardaban en Compostela polo pontífice, que en Santiago visitou a Catedral, oficiou alí unha misa e foi recibido polo Goberno da Xunta, presidido por Fernando González Laxe. Xoán Paulo II mesmo realizou a pé os últimos metros do Camiño, entre San Francisco e a Catedral.

En 1989 o acto central tivo lugar no Monte do Gozo, expropiado para a ocasión

O acto central tivo lugar no Monte do Gozo, ante decenas de milleiros de persoas, sobre todo mozos e mozas chegados dende moi distintos lugares. O evento incluíu, como se pode ver no vídeo, actuacións musicais e outros actos, no que buscaba ser todo un espectáculo para os asistentes. A visita do Papa obrigou á expropiación temporal do futuro recinto do Monte do Gozo, 57 hectáreas de terreo imprescindibles para acoller as persoas chegadas a Compostela.

2010: un solemne Ratzinger carga contra o "laicismo" en Compostela

En novembro de 2010 tivo lugar a derradeira visita dun papa a Galicia. Bieito XVI chegou a Lavacolla nun día marcado pola néboa e a friaxe

En novembro de 2010 tivo lugar a derradeira visita dun papa a Galicia. Bieito XVI chegou a Lavacolla nun día marcado pola néboa e a friaxe. Despois de ser recibido no aeroporto polos aínda príncipes Felipe e Letizia, o pontífice dirixiuse ao centro da urbe no papamóbil, para oficiar unha misa na Praza do Obradoiro, nunha cidade tomada por máis de seis mil policías. 

En 2010 Ratzinger aproveitou as súas intervencións para denunciar o laicismo crecente na sociedade española

Houbo moito menos público do esperado e Ratzinger aproveitou as súas intervencións para denunciar o laicismo crecente na sociedade española ("un anticlericalismo, un secularismo forte e agresivo como se viu na década dos anos 30", dixo), nunha crítica directa ao Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero. No seu discurso chamou tamén a "reevanxelizar" Europa. O Goberno central estivo representado polo vicepresidente Alfredo Pérez Rubalcaba e Bieito XVI aproveitou a visita para manter un breve encontro co daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.