"Sentimos a perda da Súa Santidade o Papa. A súa figura deixa unha pegada inesquecible na historia recente e en millóns de persoas en todo o mundo. As miñas condolencias á Igrexa e a quen hoxe sente a súa marcha". Así despediu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Jorge Mario Bergoglio tras o seu falecemento nunha concisa mensaxe en X (antiga Twitter).
A clase política galega despediu o papa Francisco, cos matices propios de cada partido e líder. Así, desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, manifestou tamén nas redes sociais a súa intención de "trasladar" a "solidariedade a todas as persoas que senten a fe católica" polo pasamento da que considera "unha figura singular dentro do Vaticano que apostou pola paz e pola defensa dos dereitos sociais". "Descanse en paz", dixo quen quixo destacar a peculiaridade de quen, desde a Igrexa, puxo a súa ollada nos máis desfavorecidos.

Rueda coincide con Feijóo nunha mensaxe sobria de despedida, mentres Pontón e Besteiro gaban a súa "defensa dos dereitos sociais" ou o "compromiso cos máis vulnerables"
Así o fixo tamén desde o PSdeG o seu líder, José Ramón Gómez Besteiro, que gabou "un home de paz, diálogo e compromiso cos máis vulnerables". "Así o lembraremos: coa súa última mensaxe a favor dos migrantes e dos marxinados", insistiu o secretario xeral dos socialistas galegos, que enviou o "pésame" en nome do partido "nun día de fondo pesar para a Igrexa católica e millóns de persoas no mundo".
Pola súa banda, Pedro Blanco, delegado do Goberno de España en Galicia, destacou a que considera "unha figura imprescindible na defensa dos Dereitos Humanos, exemplo de diálogo, comprensión e solidariedade", insistindo nas diferenzas —paradoxais ou se cadra non tanto— entre as mensaxes que gaban o compromiso social do xefe da Igrexa católica por parte dos dirixentes políticos máis progresistas e as máis frías e convencionais na dereita.
"Utilizou a súa posición para impulsar un mundo mellor. Ensinoume que a esperanza nunca defrauda e os seus ánimos aínda perduran", di Yolanda Díaz
Así, o que fora presidente da Xunta e actual líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, limitouse a "lamentar" o falecemento do Papa, de quen destacou que "falaba español" e que estivo "a piques de peregrinar a Santiago de Compostela". "Serviu ao mundo e á Igrexa dende as súas conviccións e pensamento ata o último instante", asegurou tamén nas redes sociais.
De feito, a vicepresidenta do Goberno de España e líder de Sumar, a ferrolá Yolanda Díaz, foi unha das máis emotivas na despedida de Bergoglio, a quen considera "un grande embaixador do traballo decente, da paz e da xustiza social". "Utilizou a súa posición para impulsar un mundo mellor. Ensinoume que a esperanza nunca defrauda e os seus ánimos aínda perduran. Farémoslle caso: non afrouxaremos. Recordarémolo sempre", escribiu en Bluesky.
Ademais, Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensana, tirou dunha cita do poeta John Doone: "Ningunha persoa é unha illa, calquera morte me afecta, porque me atopo unido a toda a humanidade; por iso, non pregunten por quen dobran as campás; dobran por ti".
Outro alcalde, o socialista Abel Caballero, desde Vigo, lamentou a perda "dun gran home e un gran Papa". "A súa ollada progresista do mundo e o seu traballo en favor dos máis desfavorecidos é o seu gran legado".