Dende o 2019 o INE elabora estatísticas a partir do posicionamento dos teléfonos móbiles. Estes datos permiten coñecer fluxos de mobilidade e, entre outros datos, o número de persoas que visitaron un determinado concello
No ano 2019 o Instituto Nacional de Estatística (INE) comezou a publicar estudos experimentais con datos obtidos a partir do posicionamento dos teléfonos móbiles. Estas entregas centráronse principalmente na mobilidade diaria (con datos moi interesante durante a pandemia de COVID) e tamén no turismo, tanto o interno coma o procedente do estranxeiro. Esta metodoloxía, aínda experimental e que polo tanto presenta numerosas eivas e distorsións, permite afondar nun coñecemento máis exacto destes fluxos, e saber por exemplo o número de persoas que visitaron un determinado concello nun período concreto.
Hai uns días o INE publicou unha nova entrega da súa Medición do turismo a partir de teléfonos móbiles, con datos completos do ano 2024, que achega unha panorámica do turismo recibido por todos os concellos galegos ao longo destes doce meses.
Nunha nota de prensa o INE explica algúns detalles da metodoloxía empregada, que axudan a entender mellor algúns dos datos obtidos. Por exemplo, cómpre ter en conta que o que se contabiliza son todos os desprazamentos dende o lugar de orixe que impliquen cando menos unha pernoita e que teñan unha duración inferior a un ano (para descontar os cambios de residencia máis ou menos permanentes).
A Coruña, Vigo e Santiago, con datos moi semellantes, superaron no ano 2024 os 600 mil turistas internos, mentres que Ourense, Sanxenxo e Lugo roldaron os 300 mil. Tamén superan os 100 mil Pontevedra, O Grove, Vilagarcía, A Estrada e Ferrol
Os datos, cedidos polas compañías telefónicas, refírense ao posicionamento dos terminais móbiles, sempre que estean acesos e que empreguen a tarxeta SIM orixinal (se unha persoa chega do estranxeiro e comeza a usar unha tarxeta española, non aparecería na estatística). Hai que destacar, finalmente, que a exactitude dos datos depende do posicionamento obtido polas antenas de telefonía, polo que en zonas limítrofes entre un concello e outro os datos poden sufrir unha distorsión (asignando un turista a outro concello).
Este tipo de distorsión semella importante no caso dos concellos que fan fronteira con Portugal, que rexistran -como veremos máis adiante- un número anormalmente elevado de visitantes do país veciño. Probablemente unha parte importante destes supostos turistas son simplemente persoas que viven nas localidades lusas da fronteira e cuxos teléfonos móbiles captar as redes españolas, polo que son recollidas de forma incorrecta pola estatística.
Vigo é o concello que recibe máis visitantes do estranxeiro, procedentes especialmente de Portugal. Supera mesmo a Santiago
Mesmo a pesar destas eivas, os datos resultantes son de grande interese. O mapa que recolle o turismo interno (isto é, procedente doutro concello do Estado español) amosa con claridade as zonas máis turísticas do territorio galego, comezando polas grandes cidades -especialmente A Coruña, Santiago e Vigo-, as localidades do litoral -sobre todo das Rías Baixas e a Mariña- ou comarcas como a Ribeira Sacra.
A Coruña, Vigo e Santiago, con datos moi semellantes, superaron no ano 2024 os 600 mil turistas internos, mentres que Ourense, Sanxenxo e Lugo roldaron os 300 mil. Tamén superan os 100 mil Pontevedra, O Grove, Vilagarcía, A Estrada e Ferrol.
Tamén o Camiño de Santiago confirma a súa capacidade de atracción de visitantes de todos os países, con datos moi elevados para Sarria, Arzúa, Palas de Rei, Melide ou Fisterra, Muxía e Cee.
O mapa do turismo estranxeiro presenta probablemente as distorsións comentadas na fronteira con Portugal. Semella pouco probable que Tui rolde o medio millón de turistas estranxeiros e máis aínda que Oímbra supere os 400 mil. Verín, Tomiño, Salvaterra, Lobios, O Porriño, As Neves ou Arbo teñen igualmente datos posiblemente excesivos.
Aínda así, a estatística debuxa no resto de Galicia uns lugares de evidente atracción do turismo estranxeiro, no que destaca unha sorprendente primeira posición para Vigo, con máis dun millón de visitantes doutros países, especialmente de Portugal. A cidade olívica superaría mesmo a Santiago (824 mil). A Coruña supera tamén o medio millón de visitantes do estranxeiro e Pontevedra, Sanxenxo, Ourense e Lugo pasan dos 100 mil.
Tamén o Camiño de Santiago confirma a súa capacidade de atracción de visitantes de todos os países, con datos moi elevados para Sarria, Arzúa, Palas de Rei, Melide ou Fisterra, Muxía e Cee.
Un dos aspectos máis interesantes desta estatística experimental é que permite coñecer o fluxo de visitantes ao longo do ano, cos meses nos que un determinado concello recibiu máis turistas
Un dos aspectos máis interesantes desta estatística experimental é que permite coñecer o fluxo de visitantes ao longo do ano, cos meses nos que un determinado concello recibiu máis e menos turistas. A maior parte das localidades galegas presentan un debuxo semellante, con máximos no verán -sobre todo en agosto- e cifras máis baixas o resto do ano, agás Nadal ou Semana Santa. Porén, observando algúns exemplos concretos, vemos como a estatística do INE reflite comportamentos específicos en moitos lugares.
As luces de Nadal fan que Vigo reciba máis visitantes en decembro que en calquera outro mes, mesmo agosto
É o caso de Vigo e as luces de Nadal, que fan que a cidade olívica reciba máis visitantes en decembro que en calquera outro mes, mesmo agosto. Destaca tamén o Entroido (febreiro) en localidades como Xinzo ou Laza. Ou as festas de San Froilán en Lugo (outubro). En Ortigueira é xullo (seguramente axudado polo seu festival) e non agosto o mes con máis visitantes. O que parece claro é que as festas -de todo tipo, dende as patronais ata os festivais de música- disparan as cifras de moitos concellos do país.
Ademais, Silleda recibe un auxe de visitas en outubro. E os concellos polos que pasa o Camiño Francés, como Sarria, Arzúa ou O Pino aumentan os seus visitantes entre marzou e outubro, momento de máis tránsito de peregrinos.
O San Froilán eleva os visitantes de Lugo en outubro, o mesmo que o Festival Celta os de Ortigueira en xullo ou o Entroido os de Xinzo ou Laza en febreiro
Na listaxe de concellos con máis turistas detectados a través do posicionamento dos teléfonos móbiles chama a atención que Vigo (sobre todo grazas á chegada de visitantes procedentes de Portugal) aparece en primeiro lugar, por diante de Santiago e A Coruña. Sanxenxo é o cuarto concello con máis turistas, por diante das restantes cidades e de Vilagarcía de Arousa.
O Grove, Oleiros, Cangas e Nigrán completan as primeiras posicións, nas que se inclúen tamén Padrón e A Estrada. Fóra destes 15 primeiros lugares aparecen Ribeira, Ribadeo, Baiona, Viveiro, Monforte, Boiro ou Marín.