O contrato de patrocinio é a figura pevista pola lei xeral de publicidade -norma estatal, xa que Galicia carece de lei de seu malia ser anunciada en diversas ocasións polo actual presidente mentres foi conselleiro- mediante a cal "o patrocinado, a cambo dunha axuda económica para a realización da súa actividade deportiva, benéfica, cultural, científica ou doutra índole" se "compromete a colaborar na publicidade do patrocinador". Esta é unha das vías máis frecuentemente utilizadas pola Xunta para moitas das súas accións de promoción turística en xeral e do Xacobeo en particular.
O organismo que concentra o groso destes contratos de patrocinio é a Axencia Turismo de Galicia, que dende a remodelación do Goberno tras a dimisión de Alberto Núñez Feijóo e a toma de posesión de Alfonso Rueda volve depender directamente da Presidencia da Xunta. Dende o inicio do actual Xacobeo 2021-2022 -o primeiro dunha duración de dous anos, tras decidir a Igrexa ampliar o Ano Santo Compostelán a este ano por mor da pandemia da COVID-, Turismo de Galicia pechou patrocinios por case 7 millóns de euros.
Os contratos de patrocinio adxudicados e formalizados dende o 1 de xaneiro de 2021 e xa incorporados á súa plataforma de contratación sumaban, este 14 de xuño, un montante total de 6,71 millóns de euros para 46 iniciativas distintas. Esta non será, nin de lonxe, a suma final, toda vez que aínda resta por coñecer oficialmente os importes de diversos grandes eventos deste ano 2022.
Festivais musicais e eventos deportivos, os de maior importe
A suma dos patrocinios ascende aos 10 millóns contando o festival O Son do Camiño, que non se puido celebrar en 2020 pola pandemia e retoma neste 2022 o seu formato habitual
Como amosa a táboa interactiva sobre estas liñas -e sempre tendo en conta que polo momento non figuran no cómputo os principais eventos deste ano-, o patrocinio máis cuantioso foi, con 600.000 euros, o pechado coas empresas promotoras do festival O Son do Camiño para o seu formato "Perseidas", o ciclo de concertos adaptado ás restricións da pandemia que celebraron no verán de 2021. A continuación sitúanse os 400.000 euros que Turismo achegou á empresa promotora da Vuelta Ciclista a España para o seu paso por Galicia no pasado ano. Cerca dese importe (con cadanseus 375.000) figuran dúas competicións de vela.
Na contorna dos 300.000 euros sitúanse tamén outros patrocinios de Turismo coma o do documental El camino interior, da produtora Acca Media (363.000), a versión do Resurrection Fest adaptada á pandemia en 2021 (320.000), a difusión de diversos contidos vinculados ao Xacobeo en Antena 3, La Razón e Onda Cero a través do proxecto denominado Deja tu huella en Galicia (300.000) ou o ciclo Debates en el camino da empresa editora da Cadena COPE e 13 TV (300.000).
Na banda contraria, a dos patrocinios de menor importe, están eventos como a Rapa das Bestas de Sabucedo deste 2022 (21.780 euros), un concerto do grupo Rufus Wainwright (26.620 euros) que se celebra en Vigo o 2 de xullo ou os 30.000 euros do patrocinio ao Hóckey Clubs Liceo da Coruña. Un importe semellante (30.250) foi o destinado ao Ensino de Lugo para a súa participación na Eurocup de baloncesto ou ao Rally da Auga (32.000). Estes patrocinios a equipos deportivos son independentes dos que realiza a Fundación Deporte Galego, xeralmente a través de convenios con cada club.
A estes importes dos patrocinios xa formalizados e incorporados á plataforma de contratación de Turismo de Galicia engadiranse, nos meses vindeiros, os dos grandes eventos que se celebran este verán baixo patrocinio da Xunta co gallo do Xacobeo. Un deles é o festival O Son do Camiño, que para a edición do 2020 -cancelada pola pandemia- tivo adxudicado un patrocinio de 2,5 millóns de euros formalizado en marzo daquel ano, o cal previsiblemente financia a edición deste 2022, que se celebra esta semana. Daquela, aínda que foi asinado antes do inicio do Xacobeo, elevaría o montante dos patrocinios ata a contorna dos 10 millóns.
A estes patrocinios engadiranse, entre outros, os de concertos do Xacobeo cuxos importes aínda non foron ratificados oficialmente. Todo, nun ano no que a área turística da Xunta manexa un orzamento récord de 115 millóns de euros
A esa suma engadiranse os restantes festivais apoiados pola Xunta a través do Xacobeo. Falta tamén por saber cantos dos concertos do Xacobeo que non están incluídos en festivais serán financiados pola vía do patrocinio. Un destes concertos é o dos británicos Muse, anunciado pola Xunta para o 8 de setembro no estadio de Balaídos como o seu gran evento polo Xacobeo en Vigo tras un intenso tirapuxa político co Concello. Segundo informou esta semana en exclusiva elDiario.es, a Xunta si optará polo patrocinio para ese evento e ascenderá a 1,2 millóns. Tamén está na axenda o Morriña Fest da Coruña (o 15 e 16 de xullo no estadio de Riazor), que aínda non consta na plataforma pero para o que a Xunta anunciou xa un apoio duns 300.000 euros.
Turismo de Galicia está a formalizar estes patrocinios nun ano en que a área turística da Xunta manexa un orzamento récord, con 115 millóns de euros. Estes fondos, asignados nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2022, supuxeron un 10% máis que en 2021. O incremento prodúcese, en boa medida, polos fondos asignados á Axencia Turismo de Galicia para o Xacobeo, á promoción turística a través dos concellos e a achegas a empresas do sector dentro do "plan de choque" pola COVID.