Existe unha "regra financeira" que recomenda non destinar ao alugueiro da vivenda máis dun 30% dos ingresos brutos para así manter unha "economía saudable". O limiar é empregado por analistas e institucións para valorar a situación do mercado inmobiliario e a dificultade da poboación para acceder a un inmoble digno. Estes datos sinalan que en Galicia a media do esforzo para acceder a un alugueiro se sitúa por debaixo desa cifra, mesmo a pesar da tendencia de ascenso dos últimos anos.
Nas cidades, especialmente nalgunha delas, os prezos do alugueiro medraron tanto nos últimos anos que a relación entre arrendamento e ingresos supera xa o 30%. É o caso da Coruña (34,9%), Vigo (33,4%), Pontevedra (31,9%), Santiago (31,3%)
O esforzo medio para o alugueiro é en Galicia do 28,4%, resultado da relación entre o prezo medio dos novos contratos de alugueiro asinados no ano 2025 -medido polo Observatorio da Vivenda a través das fianzas presentadas- e o salario bruto medio dun traballador. A poboación que busca unha vivenda de alugueiro debe estar disposta a destinar esa porcentaxe dos seus ingresos. No conxunto do Estado o valor si supera claramente o 30%.
De igual xeito, a exposición ao risco financeiro, é dicir, o risco ao que unha persoa que aluga unha vivenda se somete, sitúase en Galicia xa preto do máximo recomendable (100% de risco), por mor da tendencia de ascenso nos últimos anos. Aínda que de momento o valor segue por debaixo e igualmente lonxe da media do Estado, que si supera o 100% de risco.
O esforzo medio para o alugueiro é en Galicia do 28,4%
Porén, eses son os datos tendo en conta o prezo medio dos alugueiros no conxunto de Galicia. Nas cidades, especialmente nalgunha delas, os prezos do alugueiro medraron tanto nos últimos anos que a relación entre arrendamento e ingresos supera xa o 30%. É o caso da Coruña (34,9%), Vigo (33,4%), Pontevedra (31,9%), Santiago (31,3%). En Lugo (27,4%), Ourense (27%) e Ferrol (26,5%) a porcentaxe é notablemente inferior.
Cómpre destacar que o dato da Coruña corresponde ao ano 2025, sen ter apenas en conta o efecto da declaración de zona tensionada que limitou os prezos do alugueiro na cidade.
Os datos, como se observa no segundo gráfico, levan anos en ascenso e xa no 2020 roldaban o 30% na Coruña e Vigo. Ao igual que o esforzo para o acceso a un alugueiro, a exposición ao risco supera na Coruña e Vigo o 100%, é dicir, o máximo recomendable. En Pontevedra (95,8%) e Santiago (93,9%) o risco é tamén moi alto, mentres que nas restantes urbes presenta valores máis reducidos, semellantes á media galega.
Os galegos e galegas que queiran mercar unha vivenda deben destinar a ela o 27,4% dos seus ingresos a 20 anos e o 32% se o fan a través dunha hipoteca
Este esforzo crecente para acceder a un alugueiro e o risco financeiro consecuencia de destinar ao arrendamento unha proporción excesiva dos ingresos únense ao esforzo e risco ligados á compra dun inmoble. O esforzo para mercar unha vivenda en Galicia mantense en máximos da última década, con valores moi próximos ao máximo recomendable, de novo coa referencia do 30% dos ingresos.
Os galegos e galegas que queiran mercar unha vivenda deben destinar a ela o 27,4% dos seus ingresos a 20 anos e o 32% se o fan a través dunha hipoteca. Os valores levan varios anos preto deste limiar do 30%, debido ao incremento do prezo de compra e ao encarecemento sufrido polas hipotecas dende o ano 2022 por mor da suba do Euríbor. A suba dos tipos de xuro decidida polo Banco Central Europeo esta semana apunta a unha nova suba do esforzo para a adquisición dunha vivenda nos vindeiros meses.
En todo caso, os valores de esforzo e exposición ao risco que se rexistran neste momento seguen moi lonxe dos acadados xusto antes do estoupido da burbulla inmobiliaria
En todo caso, os valores de esforzo e exposición ao risco que se rexistran neste momento seguen moi lonxe dos acadados xusto antes do estoupido da burbulla inmobiliaria. Así, en 2007 a poboación debía destinar case a metade dos seus ingresos a 20 anos, un 55% tendo en conta os custos hipotecarios. A exposición media ao risco en Galicia sitúase no 95%, lonxe do 170% que chegou a acadar en 2007.