"Nós preferimos ladrillo", responde Rueda á petición de Pontón e Besteiro de ir alén de construír vivendas

Pontón e Besteiro axitaron as chaves das súas casas ante Rueda no Parlamento este mércores CC-BY-SA Fotos: BNG, Xunta e PSdeG | Montaxe: Praza.gal

Os líderes de BNG e PSdeG reclaman actuar nos alugueiros, as vivendas baleiras e turísticas, os desafiuzamentos ou a especulación, e o presidente da Xunta anuncia axudas para que os concellos constrúan máis vivenda pública 

O ruído de chaves axitándose que está a protagonizar as protestas nas rúas fronte a crise da vivenda escoitouse este mércores tamén no Parlamento de Galicia. Foron Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro quen, en cadansúa quenda de intervención da sesión de control ao Goberno galego, sacaron as chaves das súas casas para reclamar que a Xunta actúe en todos os ámbitos posibles do sector. 

Control dos prezos dos alugueiros, zonas tensionadas, alugueiros sociais, vivendas baleiras e turísticas, penalización da especulación ou desafiuzamentos foron algunhas das cuestións sobre as que pediron que a Xunta exerza as súas competencias sobre vivenda. A resposta que lles deu o presidente Rueda foi reafirmarse na súa aposta pola construción como principal actuación por riba do resto de problemas. "Nós preferimos ladrillo, construción, promesas cumpridas, vostedes sigan co populismo", dixo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón lembrou que "en Galiza houbo 6.600 desafiuzamentos nos últimos anos, aquí tamén hai moitas Maricarmen", en referencia á anciá madrileña cuxo caso fixo estourar as protestas masivas nas rúas que veñen de levar a un adianto electoral. Pontón dixo que fronte a eses problemas que xa se viñan rexistrando moito antes o PP "leva 17 anos gobernando para que se faga negocio co dereito á vivenda", un "roubo" do que fixo "responsable" a Rueda. 

Pontón tamén criticou que nin cando a vivenda comezou a ser protagonista da axenda política a Xunta foi quen de cumprir as súas promesas. Así, lembrou que "en 2023 prometeu que en 2026 construiría 1.800 vivendas de alugueiro social" das que "só entregou 98".

Pontón facendo soar as chaves da súa casa no Parlamento este mércores 7 de outubro de 2026 CC-BY-SA BNG

Pontón e Besteiro coincidiron en salientar que o PP leva 17 anos gobernando na Xunta e Rueda evitou referirse ao non construído durante os gobernos de Feijóo

Pola súa banda o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo ver que fronte ás promesas da Xunta de construír ata acadar as 10.000 vivendas públicas en 2030 o rexistro de demandantes dunha xa ten na actualidade 36.000 familias inscritas. "Esta situación non apareceu da noite á mañá, levan 17 anos gobernando con todas as competencias en materia de vivenda", criticou Besteiro, que demandou actuar "en todas as frontes, non só na construción de vivenda".

Porén, a resposta que obtiveron do presidente Rueda centrouse en dous puntos: culpar a outras administracións e priorizar a construción de novas vivendas. No primeiro aspecto, asegurou que as zonas tensionadas para controlar alugueiros reclamadas polos concellos da Coruña e Santiago non están a funcionar e criticou que o Goberno de España non estea a realizar tantos investimentos en materia de vivenda como a Xunta, obviando que parte deses investimentos autonómicos son con fondos transferidos polo Estado ás comunidades.

Besteiro amosando un gráfico sobre a renuncia dos gobernos de Feijóo a construír vivenda pública CC-BY-SA PSdeG

Pero fundamentalmente Rueda centrouse en sacar peito da aposta do seu Goberno nos últimos anos por construír máis vivendas despois de máis dunha década de parálise durante os gobernos de Feijóo. "Temos en marcha en 2026 4.470 vivendas públicas, 2.100 licitadas este ano, 600 a licitar antes de que remate o ano e 1.870 en construción", enumerou, para matizar que a súa concreción require un tempo porque "as vivendas hai que construílas". 

Rueda durante a sesión de control á Xunta deste mércores 7 de outubro de 2026 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"A xente está farta de populismo e demagoxia", criticou o presidente da Xunta en suposta referencia aos grupos da oposición e o Goberno de España, e contrapuxo as súas políticas: "Nós preferimos ladrillo, construción, promesas cumpridas, vostedes sigan co populismo", dixo. Tamén criticou que nos decretos impulsados polo Goberno central tras o desafiuzamento de Maricarmen non houbese "absolutamente ningunha" medida para promover a construción. E, nesa liña, lanzou o anuncio de que a Xunta vai facilitar 7 millóns de euros "para que os concellos que queiran facer vivenda pública de titularidade municipal poidan facelo". "Nós imos a seguir construíndo", reiterou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.