A crise da vivenda é calquera cousa menos nova. Se acaso, as súas características foron mudando. Dende o estoupido da burbulla inmobiliaria e hipotecaria hai case dúas décadas e as posteriores crises financeira internacional e de débeda, ata o actual escenario, no que conviven cuestións estruturais e outras máis conxunturais, da inflación arrastrada dende a pandemia ata o lastre da parálise na construción de vivenda pública, precisamente dende a gran recesión.
A crise da vivenda é calquera cousa menos nova. Nin para o actual Goberno de España nin para quen aspira a encabezar unha alternativa pola dereita que o remude
Un problema multifactorial e complexo, que vén de regresar ao primeiro plano político e social en dupla vía: mobilizacións cidadás -co desafiuzamento dunha anciá en Madrid como primeira isca- e conflito político en torno aos Reais Decretos-Lei derrogados o pasado venres no Congreso por PP, Vox e Junts. Pero en ningún caso novo. Nin para o actual Goberno de España, cuxas medidas ao respecto a realidade evidencia como insuficientes -na etapa en que contou con maioría parlamentaria orientada cara á esquerda e tamén agora- nin para quen opta a encabezar unha alternativa pola dereita que o remude, o PP dun Alberto Núñez Feijóo que como presidente da Xunta deu nunha ocasión en responder á cuestión sinalando a existencia de prazas libres "nos albergues" para a poboación que carecía dun fogar adecuado.
Ao contrario que noutros escenarios políticos, no que as credenciais de quen aspira a gobernar comezan e rematan no seu programa electoral por carecer de experiencia executiva, no caso de Feijóo é posible avaliar o seu currículo político con fogo real. Tamén na vivenda; tanto polo breve período no que foi conselleiro con competencias na materia no derradeiro Executivo de Fraga (2003-2005) como, sobre todo, polos trece anos en que foi presidente, de abril de 2009 ao mesmo mes de 2022.
En 2014, mentres o paro batía récords, Cáritas mobilizouse tamén en Galicia reclamando "política de vivenda que garanta o dereito" e medidas concretas como "alugueiro social e ocupar vivendas baleiras". O actual líder do PP retrucara como presidente que "os albergues" tiñan "todas as noites, prazas que non se utilizan"
Esa avaliación de quen agora asegura estar en condicións de impulsar a construción de "un millón" de vivendas se chega ao Goberno de España ten unha vertente cuantitativa e medible: a práctica desaparición en Galicia da nova vivenda protexida en xeral de de promoción pública en particular durante os seus anos de presidente. Nos tempos da gran recesión, pero tamén despois. E outra cualitativa: o xeito en que Feijóo respondía politicamente a cuestión e as alertas a prol do dereito a vivenda se produciron no noso país durante os seus mandatos, especialmente no período económica e socialmente máis duro.
No ano 2014, cando Galicia viña de marcar o seu récord histórico de desemprego, Cáritas lanzou unha campaña a prol dunha "vivenda digna para todo o mundo". Ilustrada con abondosos datos, a entidade social da Igrexa católica explicaba que Galicia era daquela a segunda autonomía con máis persoas sen fogar por cada cen mil habitantes. "133 fronte á media de España, que é de 71", resumían, unha cifra "aterradora" que cumpría abordar non con asistencialismo, senón cunha "política de vivenda que garanta o dereito e preveña e combata a vulnerabilidade e a exclusión".
Cáritas, que entre outras medidas para espallar a mensaxe organizara unha acción reivindicativa fronte á sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) apuntaba vías para paliar o problema, tamén en Galicia. Baseándose en principios da Carta Social Europea reclamaba, por exemplo, "realizar, de forma urxente, unha reforma xurídica no ámbito do alugueiro e dos procedementos de execución hipotecaria, así como a "fomentar o alugueiro social e a ocupación de vivendas baleiras".
Naquel ano en Galicia comezou a construción de 139 pisos públicos. Nos oito seguintes, ata que Feijóo dimitiu da presidencia, apenas unha vintena
Con estas reclamacións sobre a mesa, Feijóo fora cuestionado tras un Consello da Xunta, o do 27 de novembro de 2014, sobre a súa visión dos datos expostos por Cáritas e a súa petición de "vivenda digna para todo o mundo". O daquela presidente, dende o "respecto" á entidade católica, esgrimira que "Cáritas sabe" que en Galicia "os albergues teñen, todas as noites, prazas que non se utilizan". Cumpría, subliñara o actual líder estatal do PP, "traballar" ao respecto, pero "para saber por que se hai albergues que non se utilizan, hai xente que dorme nas rúas en Galicia".
Feijóo tamén cuestionara os datos de persoas sen fogar en Galicia que acreditara Cáritas. "Nos sorprenden", indicara, porque "non se compadecen cos cartos que se destinan aos gastos sociais" e "de emerxencia", que "están moi por riba do conxunto do Estado". Naquel ano 2014 en Galicia comezou a construción de 141 vivendas protexidas, 139 delas de promoción pública. Ao ano seguinte as de promoción pública quedaron a cero; en 2016 foi unha; en 2017, dúas; en 2018 e 2019 volveu o cero; en 2020 a Xunta impulsou 11; en 2021 ningunha e en 2022, ano no que Feijóo renunciou á presidencia, os novos pisos de promoción pública iniciados foron 8.