A rabia pola vivenda desemboca en manifestacións por toda Galicia este sábado

Carteis das diferentes manifestacións sobre unha foto dunha mobilización pola vivenda CC-BY-NC-SA Foto: BNG Vigo / Montaxe: Praza.gal

Tan só un día despois de que a dereita española e catalá rexeitasen apoiar os decretos da vivenda impulsados polo Goberno de España e aprobados polo resto do Congreso, milleiros de galegos e galegas sairán ás rúas de varias cidades este sábado para reclamar "solucións permanentes" á crise habitacional e mesmo para pedir unha "folga xeral" contra a falta de solucións a un problema enquistado desde hai anos. 

Seis cidades galegas acollen manifestacións pola vivenda este sábado, reclamando "solucións permanentes" ou pedindo unha "folga xeral"

O desafiuzamento en Madrid de Maricarmen, con 87 anos e sete décadas pagando o alugueiro, serviu de símbolo e prendeu a mecha dun descontento que levaba tempo larvado. As mobilizacións en Madrid, onde tivo lugar o desaloxo, estendéronse por toda España, tamén en Galicia, con concentracións, acampadas e protestas que desembocarán en varias marchas este sábado. 

Convocadas por diversas entidades en defensa da vivenda, apoiadas por numerosos colectivos, forzas políticas e sindicatos e, ademais, por unha maioría social, as marchas pretenden manter viva a protesta e canalizar a rabia tras a presumible caída dos decretos de vivenda. Unhas medidas que todos os convocantes consideraban "insuficientes" pero necesarios para un primeiro paso que axude a paliar os problemas dos desafiuzamentos, a falta de oferta e alugueiros accesibles ou a ausencia de expectativas de futuro e emancipación en tanta xente moza. 

Mobilización pola vivenda en Vigo CC-BY-NC-SA BNG Vigo

Unha mobilización moi transversal pero que, tras a unión das dereitas española e catalá contra medidas apoiadas polo resto da Cámara baixa, vira aínda máis á esquerda e reforza o marco da loita económica e de clase. 

Haberá manifestacións pola vivenda ás 19 horas en Vigo, A Coruña e Lugo e pola mañá en Santiago e Ourense; o luns terá lugar en Pontevedra

Ademais da acampada "indefinida" que segue na praza do Obradoiro —e á que se sumaron varias tendas máis nas últimas horas—, a maioría das cidades teñen convocadas manifestacións este sábado. En Compostela, precisamente, é o Sindicato de Vivenda quen chama a unha concentración na mesma praza. "Medidas insuficientes, caseiros impunes, cidadanía desprotexida. Abonda!", proclama a entidade. 

Na Coruña, é o Sindicato de Vivenda, co apoio e colaboración doutras entidades, quen convoca unha manifestación que sairá do cruzamento da rolda de Outeiro coa avenida das Conchiñas e que rematará ante a Subdelegación do Goberno de España, baixo o lema "contra o rendismo, pola folga xeral". 

O sindicato coruñés gaba a presión social e o poder da rúa, critica a "inacción" tamén da Xunta e do Concello da Coruña ante a crise de vivenda e asegura que a mobilización e o descontento "só acaba de comezar". 

En Vigo, pola súa banda, é Alianza pola Vivenda —que agrupa diferentes organizacións e colectivos— quen convoca outra marcha con saída ás 19 horas do cruxe de Vía Norte e Urzáiz e con chegada á Porta do Sol. Os convocantes pretenden seguir mobilizando a rúa para "continuar avanzando na materialización do dereito a un teito". 

Mobilización pola vivenda en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

A Plataforma Galega Vivenda Xa!, que apoia e impulsa outras mobilizacións, anunciou tamén manifestacións noutras cidades. En Ferrol, a marcha sairá ás 11:30 horas da praza Amada García, diante do edificio da Xunta, para demandar medidas que permitan facilitar o acceso a unha vivenda pública e accesible. Unha hora despois, ás 12:30, tamén hai convocada protesta na praza Maior de Ourense. 

Apoio do BNG

En Lugo, ademais, anúnciase tamén unha protesta ás 19 horas diante do Concello, mentres que en Pontevedra a mobilización terá lugar o vindeiro luns 5 ás 20 horas na praza da Peregrina. 

Aínda que convocadas por sindicatos ou colectivos pola vivenda, formacións políticas como o BNG amosaron o seu "apoio" ás mobilizacións "diante do grave problema de acceso á vivenda". "Para a especulación, garantir dereitos, vivir dignamente", di o Bloque. 

No ámbito sindical, a CIG chamou tamén a "encher as rúas galegas este sábado nas diferentes mobilizacións", mentres que CCOO ou UGT en Galicia xa amosaron o seu apoio ás concentracións levadas a cabo nos últimos días tras o desafiuzamento de Maricarmen. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.