Manifestacións e acampada no Obradoiro: a protesta pola vivenda non se detén

Acampada pola vivenda na praza do Obradoiro, o 1 de outubro de 2026 CC-BY-SA Praza Pública

A mobilización polo dereito á vivenda continúa viva en Galicia. En Santiago, decenas de persoas acamparon na noite deste mércores na praza do Obradoiro, logo de que a acampada da madrugada do martes na estación intermodal fose desaloxada ás poucas horas. 

Decenas de persoas acamparon na noite do xoves no Obradoiro nunha protesta impulsada polo Sindicato de Vivenda, que pide "vivenda universal, gratuíta e de calidade"

Foi o Sindicato de Vivenda de Compostela o que chamou a unirse a esta protesta con tendas de campaña, unha mobilización "pola vivenda universal, gratuíta e de calidade, en apoio a Maricarmen e todas as desafiuzadas e en repulsa aos especuladores e aos fondos voitre". A organización acusa a Xunta e Goberno central de non levar a cabo medidas para deter unha crise que leva anos. 

Concentracións pola vivenda en Galicia CC-BY-SA Plataforma Galega Vivenda Xa!

Ademais, o sindicato convocou a unha rolda de prensa este xoves á mañá na que anunciou o seu apoio á acampada, que é "indefinida", e que decidirá en asemblea se continúa nos vindeiros días. "Queremos facer presión para que os dous decretos presentados saian apoiados, como un primeirísimo paso. Sabemso que hai que seguir adiante e imos reclamar máis a todas as institucións", dixo un portavoz dun dos colectivos que mantén a mobilización que tampouco se detén noutras partes do Estado nin en Galicia. 

A Alianza pola Vivenda e o Sindicato de Vivenda convocan manifestacións este sábado en Vigo e na Coruña; reclaman "solucións permanentes" e chaman á "folga xeral"

Así, na Coruña, o Sindicato de Vivenda convocou unha manifestación o vindeiro sábado "contra o rendismo" e "pola folga xeral". Partirá do cruce da Ronda de Outeiro coa Avenida das Conchiñas e finalizará ante a Subdelegación do Goberno. 

"A Xunta e o Concello están instaladas na inacción en materia de vivenda e as medidas tomadas polo Goberno estatal son claramente insuficientes", di a entidade, que denuncia que "continúan predominando os intereses dos propietarios rendistas e dos grandes fondos de investimento fronte ás necesidades das persoas inquilinas". 

O sindicato reclama , entre outras medidas, a suspensión dos desafiuzamentos e desaloxos, a renovación automática dos contratos de alugueiro, unha fiscalización efectiva das zonas tensionadas, medidas reais contra a especulación e a vivenda baleira, o control das vivendas turísticas e a expropiación das vivendas en mans de SOCIMI e fondos voitre.

En Vigo, no mesmo día e á mesma hora, Alianza pola Vivenda —que xunta diversas entidades como Sindicato de Inquilinas, As Ninguéns ou Plataforma Galega Vivenda Xa!, entre outras— convoca tamén unha marcha "contra a especulación e os seus cómplices" e para reclamar "solucións permanentes xa" para o problema habitacional. 

Manifestación pola vivenda, o 28 de setembro en Ferrol CC-BY-NC-SA BNG Ferrol

O Sindicato de Vivenda da Coruña pide medidas máis ambiciosas; Alianza pola Vivenda asegura que son "insuficientes" pero "un comezo acadado grazas á mobilización e a presión social"

A marcha sairá desde Vía Norte, no cruzamento con Urzáiz, e chegará a Porta do Sol. Alianza pola Vivenda convoca a marcha advertindo de que moitas das medidas adoptadas nos dous decretas, a expensas da súa convalidación ou non, "son de carácter temporal, respondendo a unha situación de emerxencia, polo que son insuficientes para resolver o conflito da vivenda". "Pero son un comezo acadado grazas á mobilización e presión social", aclaran. 

Ademais, no resto das cidades tamén se convocaron outras marchas, tal e como anunciou a Plataforma Galega Vivenda Xa!. Tamén o sábado en Santiago desde as 12 do mediodía no Obradoiro, en Ferrol desde as 11:30 na praza Amada García en Ourense ás 12:30 desde a praza Maior. A mobilización en Pontevedra queda para o luns 5 a partir das 20 horas na praza da Peregrina. 

Porque as dúas manifestacións terán lugar un día despois de que se coñeza xa se o Congreso dos Deputados dá o visto e prace aos dous decretos de vivenda aprobados o martes polo Consello de Ministros (ou a un só ou a ningún). 

Podemos votará a favor dos dous decretos

O Sindicato de Inquilinas, que lidera a protesta en Madrid e impulsou a acampada na Porta do Sol, considera que os dous decretos son "un parche" e as medidas insuficientes, pero reclaman a súa convalidación, polo que manteñen tamén a presión na rúa. á. 

Finalmente, segundo avanzou neste xoves, o PNV votará a prol do Real Decreto-Lei que contén o groso das medidas de vivenda aprobadas polo Goberno de España e confirma o seu "non" ao que contempla os alugueiros indefinidos. Isto implica que o segundo decreto será derrogado e que a vixencia do primeiro segue nas mans de Junts per Catalunya, que decide nunha xuntanza interna este serán o sentido do seu voto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.