O primeiro dos dous Reais Decretos-Lei sobre vivenda aprobados polo Goberno de España elimina a exención da que estes negocios gozaban no IVE e pasarán a tributar coma os hoteis, ao 10%
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este 30 de setembro o primeiro dos dous Reais Decretos-Lei coas medidas e reformas en materia de vivenda aprobadas polo Goberno de España en plena vaga de mobilizacións e que serán sometidos á votación do Congreso o vindeiro venres. Xunto ás accións para frear desafiuzamentos de poboación en situación de pobreza, prorrogar contratos de alugueiro ou axudas á compra, entre outras, o texto trae consigo tamén a obriga de que os pisos turísticos paguen máis impostos, especialmente se funcionan en concellos declarados zona de mercado residencial tensionado ao abeiro da Lei de Vivenda, no caso galego, A Coruña e Santiago.
A primeira gran mudanza para estes negocios é que -se o Real Decreto-Lei pasa o filtro do Congreso- dende o vindeiro 1 de decembro perden a exención da que gozaban no pagamento do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE). De agora en diante terán que tributar IVE ao 10% "coma o negocio que supoñen", xustifica o Real Decreto, isto é, equiparándoos a hoteis, cámpings e restaurantes
Concretamente, este 10% atinxirá aos pisos turísticos cando presten "algún dos servizos complementarios propios da industria hoteleira, tales coma os de restaurante, limpeza, lavado de roupa ou outros análogos". E tamén cando "concorran conxuntamente" as condicións de que a persoa que o contrate se aloxe menos de 30 noites e o piso turístico alugado non sexa "no que o arrendador teña a súa residencia habitual", únicos casos nos que manterían a exención.
[Prórroga de alugueiros e freo a desafiuzamentos de persoas pobres: claves dos decretos de vivenda]
Máis IBI en zonas tensionadas
A reforma permite os concellos con zonas de mercado residencial tensionado, no caso galego só os municipios coruñés e compostelán, subir o Imposto de Bens Inmobles entre un 50% e un 150% en función do número de inmobles que controle cada propietario
Xunto co IVE ao nivel dos hoteis, o Real Decreto-Lei tamén habilita os concellos declarados zonas tensionadas a lles subir o Imposto sobre Bens Inmobles. Así, nos "inmobles de uso residencial que se atopen destinados a aloxamentos de uso turístico identificados de acordo coa normativa de cada comunidade autónoma" -no caso galego, un decreto de 2017- e estean "situados en municipios nunha zona de mercado residencial tensionado", en Galicia unicamente A Coruña e Santiago", "os concellos poderán esixir unha recarga de ata o 50%" do IBI.
Pero a recarga poderá ser maior en certos supostos. Os concellos coruñés e compostelán terán na súa man modificar as ordenanzas correspondentes e duplicaren o IBI que pagan os pisos turísticos (recarga do 100%) "cando se trate de titulares de catro ou máis inmobles de uso residencial destinados a aloxamentos de uso turístico". A suba poderá chegar ata o 150% para persoas ou empresas que teñan catro ou máis pisos turísticos.