Os datos oficiais da Xunta amosan que nos primeiros 12 meses de aplicación da figura, os prezos medios baixaron un 1% na cidade, fronte a aumentos de ata o 9% nas restantes urbes
Dende agosto do pasado ano A Coruña está declarada zona residencial tensionada, unha figura solicitada polo Concello e aprobada polo Goberno central que, alén doutras medidas, impón prezos máximos para os alugueiros buscando conter o encarcemento do acceso á vivenda. Exactamente un ano máis tarde Santiago acadou finalmente a mesma declaración. Aínda é cedo, por suposto, para valorar o impacto da súa aplicación en Compostela, pero a cidade herculina supera xa o ano de vixencia desta ferramenta.
Unha ferramenta que, ademais, converteuse en arma arreboladiza no enfrontamento entre a Xunta e a oposición progresista, máis aínda despois de que o Goberno galego afirmase a súa negativa a ceder ás cidades da Coruña e Santiago os fondos estatais que lles corresponden en base ás senllas declaracións de zona tensionada.
O Goberno galego, seguindo fielmente o argumentario do Partido Popular en todo o Estado nunca ocultou o seu rexeitamento ás declaracións de zonas tensionadas, cualificando a medida de "modelo fracasado", negando que a medida supuxera unha redución de prezos e, ademais, incidindo en que levou a unha importante diminución do parque de alugueiro dispoñible na Coruña, ao levar a moitos propietarios a optar por non poñer as súas vivendas en alugueiro de longa duración ao atopar neste negocio unha menor rendibilidade económica.
A Coruña deixou de ser a cidade galega cos prezos da vivenda máis elevados, unha posición que pasa a ocupar Vigo
Hai uns días nunha visita á Coruña o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, foi aínda máis aló e mesmo afirmou que a zona tensionada provocou un "aumento dos prezos do aluguer" e a "redución da oferta en máis dun 50% no último ano".
Os propios datos oficiais achegados pola Xunta a través do Observatorio da Vivenda de Galicia amosan que Alberto Pazos erra por completo na primeira parte, pois os prezos medios do alugueiro si diminuíron na Coruña fronte aos incrementos xeneralizados nas restantes cidades galegas.
En concreto, tomando os prezos dos contratos de alugueiro asinados nos sete primeiros meses deste ano (xullo é o último mes para o que o Observatorio ofrece datos) e comparándoos cos asinados no mesmo período do ano 2025 (xusto antes da aplicación da zona tensionada), atopamos que a renda media pagada na Coruña descende lixeiramente (un 1,2%, de 731,4 a 722,8 euros).
O PP cualifica as zonas tensionadas de "modelo fracasado" e mesmo chega a afirmar erroneamente que os prezos aumentaron na Coruña
Trátase máis dunha conxelación de prezos, máis que dun descenso, pero en todo caso contrasta coa evolución seguida polas outras cidades galegas, con aumentos entre o 7% e o 9%, agás no caso de Lugo, cun aumento do 4%. Así, mentres que os prezos baixaron oito euros ao mes na Coruña, en Vigo e Pontevedra aumentaron case 50 e en Ourense, Santiago ou Ferrol máis de 40.
A consecuencia, como xa adiantou Praza.gal antes do verán, A Coruña deixou de ser a cidade galega cos prezos da vivenda máis elevados, unha posición que pasa a ocupar Vigo. No inicio de 2025 para alugar unha vivenda na Coruña había que pagar 55 euros máis ao mes que en Vigo; hoxe os prezos medios están máis de dez euros por debaixo.
Fronte á conxelación dos prezos na Coruña, o resto das urbes manteñen unha tendencia de ascenso que levou nos últimos catro anos a un encarecemento da renda media pagada polos inquilinos que se move entre o 33% de Vigo e o 52% de Ferrol.
Menos vivenda de alugueiro dispoñible?
Polo tanto, é innegable que a aplicación da zona residencial tensionada leva a unha redución dos prezos. Fronte a este efecto, as voces críticas contra a medida salientan que tamén leva a aparellada unha redución das vivendas dispoñibles, xa que moitos propietarios dedicen non alugalas -ao obter menos beneficios- ou optar por alugueiros de tempada -inferiores a doce meses-, coma os ofrecidos a estudantes ou a traballadores de paso.
Nos doce primeiros meses de aplicación da figura o número de contratos de alugueiro asinados na Coruña foi un 24% inferior ao mesmo período do ano anterior. Cinco das outras seis cidades tamén rexistran descensos, que chegan ata o 16% en Pontevedra e o 11% en Vigo, pero son inferiores
O Observatorio da Vivenda de Galicia ofrece información detallada sobre o número de contratos de alugueiro asinados cada mes. Se comparamos os datos deste indicador correspondentes á cidade da Coruña cos das restantes cidades galegas si se observa unha diferenza negativa que podería estar provocada pola aplicación da zona tentionada.
Nos doce primeiros meses de aplicación da figura, entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, o número de contratos de alugueiro asinados na Coruña foi un 24% inferior ao mesmo período do ano anterior. Cinco das outras seis cidades tamén rexistran descensos, que chegan ata o 16% en Pontevedra e o 11% en Vigo, pero son inferiores. En Santiago apenas houbo variación no número de contratos asinados.
Se collemos unicamente os datos dos sete primeiros meses deste ano e os comparamos co mesmo período do ano anterior, xusto antes da aplicación da zona tensionada na Coruña, os resultados son semellantes. Na cidade herculina asináronse un 24,9% menos de contratos, fronte a descensos do 10% en Pontevedra, do 9,7% en Vigo ou to 7,8% en Ourense. En Santiago a cifra aumentou un 7%.
A zona tensionada, máis que unha etiqueta
Hai uns días no acto no que as alcaldesas da Coruña, Inés Rey, e Santiago, Goretti SanMartín, lle reclamaron ao Goberno galego a cesión dos fondos achegados polo Estado pola aplicación das respectivas zonas tensionadas, a rexedora herculina subliñou que "a Xunta ten que contribuír a que a Lei sexa efectiva e a solventar eses problemas para milleiros de cidadáns que non poden asumir as constantes subas dos prezos, non facelo é permitir que a especulación teña prioridade sobre un dereito constitucional".
E Rey engadiu que “ser zona tensionada non é poñerlle unha etiqueta a unha cidade. Hai un diagnóstico, un plan de medidas e un traballo que os concellos temos que executar. A zona tensionada é unha ferramenta máis dentro dunha política de vivenda moito máis ampla”.