A Xunta non dará á Coruña e Santiago os 5 millóns das zonas tensionadas: pagará plans de seu nesas cidades

Edificios de vivendas na Coruña. Setembro 2026 CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Ministerio de Vivenda prevé asignar a Galicia 5 dos 90 millóns de euros que repartirá para "reforzar" a declaración de zonas tensionadas subvencionando actuacións como construción ou compra de vivendas para alugueiro accesible ou axudas para poboación vulnerable que non poida pagar o arrendamento

O Ministerio de Vivenda ultima o reparto de 90 millóns de euros en subvencións para "reforzar as comunidades autónomas con zonas de mercado residencial tensionado". Dentro dese total a Galicia corresponderanlle algo máis de 5 millóns de euros (5,11 millóns, concretamente) para actuacións na Coruña e Santiago, os dous concellos que tramitaron esa declaración ao abeiro da Lei Estatal de Vivenda a través da Xunta, que llela acabou concedendo por ter que cumprir a norma malia opoñerse politicamente á súa aplicación.

Dada a súa aberta oposición ás zonas tensionadas, as alcaldesas da Coruña e Santiago, Inés Rey (PSdeG) e Goretti Sanmartín (BNG) coinciden en reclamar ao Goberno galego que cando o Ministerio lle faga chegar as subvencións, transfira os 5 millóns aos concellos para xestionárenos directamente. Pero isto non vai suceder, tal e como confirmou este luns o presidente, Alfonso Rueda, cuxa previsión pasa por destinalos a plans de vivenda nesas cidades, pero da propia Xunta.

Inés Rey e Goretti Sanmartín, alcaldesas da Coruña e Santiago, en comparecencias recentes CC-BY-NC-SA Concello da Coruña | Concello de Santiago

O Real Decreto co que o Ministerio vai facer efectiva a distribución dos fondos indicará que as autonomías receptoras deberán financiar con eles algunhas das medidas previstas no Plan Estatal de Vivenda vixente ata 2030. Tales como "a promoción e/ou rehabilitación de vivendas" para alugueiro accesible ou social, compra de solo ou vivendas xa construídas para destinalas a estes mesmos fins ou tamén a "cobertura ou aval das rendas" de pisos alugados por persoas vulnerables, entre outras.

Os gobernos coruñés e compostelán defenden que, dada a oposición política do Executivo galego á medida, lles transfira os fondos para aplicaren as subvencións directamente

Fronte ás peticións e críticas da rexedoras, Rueda asegura que os cartos serán investidos "por suposto, na promoción de vivenda pública nos concellos da Coruña e Santiago". Calquera outra hipótese, esgrime o presidente, é un intento de "desviar a atención" por parte dos gobernos municipais socialista e nacionalista porque, segundo o presidente, está a ficar demostrado que as declaracións das zonas tensionadas non son a "panacea" para emendar o problema da vivenda.

A reivindicación de Rey e Sanmartín estará sobre a mesa o vindeiro venres na xuntanza que as dúas alcaldesas teñen previsto manter para compartiren "a experiencia" de ambas cidades na aplicación das zonas tensionadas e coordinaren políticas ao respecto. O concello compostelán, asemade, advertiu xa de que durante o trámite de información pública do decreto que rexerá as subvencións do Ministerio reclamou a xestión directa polos concellos.

Pontón: "O boicot de Rueda fainos perder millóns"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, este 14 de setembro en conferencia de prensa CC-BY-NC-SA BNG

A líder do BNG insta a Rueda a declarar como zona tensionada "de oficio" o cento de concellos que cumpren requisitos para séreno

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentaba este luns que o "boicot" da Xunta á Lei Estatal de Vivenda implica "renunciaren, por ideoloxía, a millóns de euros para facer vivenda pública". Así, ilustra, dos 90 millóns previstos polo Ministerio "Cataluña vai recibir 60 millóns, Euskadi 15,5 e Galiza só cinco" e a razón é que "aquí so hai dous concellos declarados" zonas tensionadas mentres que "máis de cen concellos cumprirían os requisitos" para a mesma declaración.

Por este motivo, a líder do Bloque insta o Goberno galego a "declarar de oficio todos os concellos que cumpran cos requisitos de zona de mercado residencial tensionado". E, ao tempo, considerou "inaceptable que o Executivo do PP, que fixo todo o posible para que non se declarasen as zonas tensionadas, queira quedar cos recursos adicionais que chegan grazas a esa declaración".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.