50.000 familias galegas dedican ao alugueiro máis do 30% dos seus ingresos

Unha de cada catro familias que viven de alugueiro deben dedicar ao pagamento máis do 30% dos seus ingresos © Montaxe: Praza.gal

Unha de cada catro familias que viven de alugueiro deben destinar a este pagamento unha porcentaxe dos seus ingresos por riba do máximo recomendable

Case 200.000 familias galegas viven de alugueiro, o que representa preto do 17% dos fogares totais, unha porcentaxe minoritaria pero en ascenso (duplicouse dende o 2005) e que é moi superior nas zonas urbanas e entre as persoas con menor nivel de renda, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. 

Existe unha regra de saúde financeira que recomenda non destinar ao alugueiro da vivenda ou ao pagamento das cotas dunha hipoteca- máis dun 30% dos ingresos brutos para así manter unha "economía saudable". O limiar é empregado por analistas e institucións para valorar a situación do mercado inmobiliario e a dificultade da poboación para acceder a un inmoble digno. 

Os propios datos do IGE revelan que unha de cada catro persoas que viven de alugueiro estaban pagando xa no ano 2024 -últimas cifras dispoñibles- máis dese 30% recomendado. Preto de 50.000 fogares. O groso das familias (o 42%) destinaba entre o 10% e o 20% e ata un 65% dedicaba menos dun cuarto dos seus ingresos ao pagamento destes alugueiros.

Porén, había outro 25,3%, 46.472 familias, que xa tiña que dedicar máis do 30%, con outros 18 mil fogares que se situaba entre o 25% e o 30%, ao borde do recomendable. Os datos, de 2024, é posible que teñan empeorado dende entón, como xa advertía o Observatorio da Vivenda de Galicia nun informe no que alertaba de que o esforzo para alugar na Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago se situara por riba do recomendado.

Cómpre destacar, iso si, que os datos de 2024, aínda que amosaban unha tendencia de ascenso en relación aos de 2023, non eran diferentes aos rexistrados nas dúas décadas anteriores. Dende o ano 2007 máis de 1 de cada 5 das persoas que viven de alugueiro en Galicia deben destinar ao pagamento deste arrendamento máis do 30% dos seus ingresos. A porcentaxe mesmo chegou a superar o 30% entre o 2013 e o 2015, durante os peores anos da crise económica que seguiu á Gran Recesión. Dende entón, malia unha lixeira mellora, a porcentaxe vén movéndose ao redor do 25%. 

Esta evolución contrasta coa que seguiu o esforzo económico das familias que deben facer fronte aos pagamentos da cotas dun préstamo hipotecario, por debaixo do 10% nos últimos anos

Esta evolución contrasta coa que seguiu o esforzo económico das familias que deben facer fronte aos pagamentos da cotas dun préstamo hipotecario, para o que tamén se recomenda destinar un máximo do 30% dos ingresos. A porcentaxe de fogares galegos que dedican unha porcentaxe maior chegou a superar o 20% (21,5% en 2009) e mantívose por riba do 17% ata o ano 2014. Dende entón descendeu notablemente ata situarse nos últimos anos por debaixo do 9%.

Entre os anos 2009 e 2014 preto da metade das familias galegas que pagaban alugueiro ou hipoteca debían destinar a estes pagamentos máis do 30% dos seus ingresos totais, situándose nunha situación de risco para a súa saúde financeira e para o propio mantemento das súas vivendas. Neses anos disparáronse as cifras de desafiuzamentos hipotecarios, que nos últimos anos descenderon ao mínimo, aínda que se mantiveron os desafiuzamentos polo impago do alugueiro.

No ano 2024 as familias galegas con ingresos mensuais inferiores aos mil euros debían dedicar ao pagamento do alugueiro preto dos 350 euros mensuais, moi por riba do 30%

O esforzo relativo que unha familia debe realizar para facer fronte ao custo dun alugueiro é maior no caso dos fogares con ingresos baixos, que son precisamente os que en maior medida arrendan a súa vivenda (ante a imposibilidade de acceder a unha en propiedade). O IGE achega cifras sobre o diferente gasto medio mensual de cada familia en función do seu poder adquisitivo. 

Os fogares con ingresos altos pagan alugueiros máis caros, pero habitualmente adecuados á súa dispoñibilidade económica (as familias con ingresos superiores aos 2.500 euros mensuais destinan 500 euros de media ao alugueiro). En cambio, as familias con ingresos máis reducidos deben facer fronte a pagamentos que as obrigan a vivir permanentemente no arame. Segundo o IGE, no ano 2024 as familias galegas con ingresos mensuais inferiores aos mil euros debían dedicar ao pagamento do alugueiro preto dos 350 euros mensuais, moi por riba do 30%.

Indicadores de accesibilidade á vivenda

O esforzo financeiro a 20 anos para a adquisición dunha vivenda medra ata o 34,2%, moi por riba dos datos de hai doce meses (31,5%) e no seu nivel máis elevado dende o ano 2012

Este mércores o IGE actualizou a súa información estatística sobre accesibilidade á vivenda, un conxunto de indicadores que amosan a relativa facilidade ou dificultade para acceder a un inmoble en propiedade e que ten en conta a evolución do prezo de compravenda, dos salarios e das condicións para asinar unha hipoteca.

Os datos, correspondentes ao segundo trimestre do ano, amosan un empeoramento de todos os indicadores. Así, o esforzo financeiro a 20 anos para a adquisición dunha vivenda medra ata o 34,2%, moi por riba dos datos de hai doce meses (31,5%) e no seu nivel máis elevado dende o ano 2012.

De igual xeito a exposición ao risco elévase ata o 102,7%, fronte ao 93,8% de hai un ano e, igualmente, no seu nivel máximo dende o ano 2012

De igual xeito a exposición ao risco aumenta por riba do 100%. Este indicador defínese como o cociente entre o prezo medio dunha vivenda estándar e o prezo máximo que se pode permitir pagar o asalariado medio por unha vivenda estándar sen incorrer nun risco financeiro excesivo, expresado en tanto por cento. No segundo trimestre do ano elévase ata o 102,7%, fronte ao 93,8% de hai un ano e, igualmente, no seu nivel máximo dende o ano 2012.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.