En marcha Casa47, o buscador de vivenda pública con cen pisos en Galicia

Primeiros concellos galegos con vivendas dispoñibles en Casa47 © Montaxe: Praza.gal

De momento a base de datos inclúe unicamente 638 vivendas en todo o territorio español, das que 96 de atopan en Galicia

Hai uns días o Ministerio de Vivenda presentou o portal de Casa 47, unha ferramenta que busca facilitar o acceso o parque público de vivienda xestionado polo Estado central. A iniciativa nace con cifras moi cativas en relación á necesidade de vivenda accesible, pois de momento a base de datos inclúe unicamente 638 vivendas en todo o territorio español, das que 96 de atopan en Galicia. Na presentación o departamento dirixido por Isabel Rodríguez informou de que proximamente se incorporarán ao buscador outras 1.500 vivendas en todo o Estado.

O buscador presenta un aspecto semellante ao das bases de datos das empresas inmobiliarias ou das webs especializadas de procura de vivenda. O nome -Casa47- fai referencia a artigo 47 da Constitución Española, que di que "todos os españois e españolas teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada", e mandata aos poderes públicos a "promover as condicións necesarias e establecer as normas pertinentes para facer efectivo este dereito". 

As 96 vivendas dispoñibles en Galicia concéntranse sobre todo na provincia da Coruña (89), con outras 7 na cidade de Lugo. Carral (32) e Ribeira (22) son os concellos con máis oferta, existente tamén en Ares (8), Arteixo (3), Boiro (9), Cedeira (9) e Malpica (6)

As 96 vivendas dispoñibles en Galicia concéntranse sobre todo na provincia da Coruña (89), con outras 7 na cidade de Lugo. Carral (32) e Ribeira (22) son os concellos con máis oferta, existente tamén en Ares (8), Arteixo (3), Boiro (9), Cedeira (9) e Malpica (6).

Trátase de vivendas que se ofrecen en alugueiro, con prezos por debaixo do custo medio do mercado actual. Así, os prezos van dende os 705 euros ao mes por dous pisos -de 4 habitacións e 162 e 158 metros cadrados- situados na cidade de Lugo, ata os 350 euros ao mes que se piden por cinco dos apartamentos (de 1 habitación) en Cedeira ou Arteixo.

Trátase de vivendas que se ofrecen en alugueiro, con prezos por debaixo do custo medio do mercado actual. Así, os prezos van dende os 705 euros ao mes por dous pisos -4 habitacións e 162 e 158 metros cadrados- situados na cidade de Lugo, ata os 350 euros ao mes que custan cinco dos inmobles

A convocatoria para acceder a estas vivendas estará aberta ata o 15 de setembro. Para facer o rexistro existe unha ficha individual de cada vivenda con fotografías e localización, o prezo mensual do alugueiro e a renda anual da unidade básica de convivencia que pode acceder á mesma, así como un formulario de solicitude que se pode cumprimentar en liña.

O contrato poderá durar ata 75 anos, contando cun alugueiro inicial de 14 anos, con prórrogas automáticas de 7 anos sempre e cando se manteñan a maior parte das condicións. Para acceder a estas vivendas as unidades de convivencia non poden posuír unha vivenda en propiedade e deben ter uns ingresos conxuntos entre 2 e 7,5 veces o IPREM (600 euros ao mes). As rendas mensuais das vivendas establécense con base no tope fixado pola Comunidade Autónoma e nunca superará o 30% da renda media do municipio.

Captura de pantalla da web de Casa47 © Casa47

A plataforma presentada polo Ministerio ofrece tamén información sobre as distintas convocatorias de vivienda pública existentes neste momento en todas as comunidades autónomas, as xa resoltas ou as que están por abrirse nos vindeiros meses.

O nome -Casa47- fai referencia a artigo 47 da Constitución Española, que di que "todos os españois e españolas teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada"

O Ministerio de Vivenda defende que "CASA47 é a infraestrutura que sustentará o sistema público de vivenda, do mesmo xeito que a rede de hospitais e escolas públicas exercen de base para os sistemas sanitario e educativo, respectivamente" e explica que "o seu nacemento culmina un intenso proceso de reestruturación de Sepes até converterse na Entidade Estatal de Vivenda e Chan que xestionará o parque público de vivenda deste país, que nunca máis se privatizará, e exercerá un papel fundamental en todo o ciclo residencial, desde a adquisición e plan do chan até a entrega final de chaves".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.