Feijóo identifica pobreza con delincuencia no seu "non" ao decreto 'ómnibus' do Goberno de España

Vídeo divulgado por Feijóo sobre o seu "non" ao decreto 'ómnibus' CC-BY-SA Praza.gal

O ex-presidente sinala as persoas que se seguirían podendo acoller á suspensión de desafiuzamentos como autoras de delitos de usurpación de vivendas, alén de criticar o agrupamento do 'escudo social' coa suba das pensións nun só decreto

Os votos do PP, Vox e Junts e do único escano de Unión del Pueblo Navarro derrogaron este 27 de xaneiro, por 178 "non" fronte a 171"si", o Real Decreto-Lei no que o Goberno de España aglutinara a suba das pensións e do Ingreso Mínimo Vital coa renovación do coñecido como escudo social, entre outras medidas. Co seu rexeitamento, todo o contemplado no coñecido como decreto ómnibus queda sen efecto.

A técnica de agrupar asuntos sen relación directa entre si para seren votados en bloque adoita ser criticada polos grupos da actual oposición no Congreso. En moitas ocasións, en termos semellantes aos empregados en Galicia polas formacións da esquerda ante o recorrente uso por parte da Xunta da figura da lei de acompañamento, coa que cada ano modifica decenas de normas previas dun só golpe aproveitando a tramitación dos Orzamentos.

Vídeo publicado por Feijóo para xustificar o "non" ao decreto 'ómnibus'

Esas críticas foron retomadas este martes polo ex-presidente e actual líder estatal do PP para xustificar o seu "non" ao "decreto paraugas" e con el, o decaemento da sempre sensible suba das pensións, de entre un 2,7% xeral e un 11,4% para as máis baixas. Pero Alberto Núñez Feijóo foi alén e cimentou o seu argumento dando en identificar pobreza con delincuencia a partir dunha das medidas sociais derrogadas: a suspensión dos desafiuzamentos para persoas en situación de vulnerabilidade.

O actual líder estatal do PP apóiase nunha cifra hai lanzada hai tres anos por unha "plataforma de afectados pola ocupación" para afirmar que "hai 80.000 arrendadores, bastante deles pensionistas, que non cobran a renda" por mor da medida agora derrogada

Permitir a renovación da medida, considerou Feijóo a través dun vídeo divulgado nas redes sociais, sería "dar carta de legalidade a miles" do que denomina como "inquiocupacións que se producen cada ano no noso país". "Levamos xa unhas 80.000", afirma citando unha noticia publicada en maio de 2023 polo xornal 20 Minutos, que á súa vez empregaba como fonte a denominada Plataforma de Afectados por la Ocupación, na altura mobilizada contra a nova Lei Estatal de Vivenda, e identificaba como "inquiokupas" a autores de usurpación de vivendas, isto é, dun delito.

Sostén Feijóo a partir desa noticia de hai tres anos que "hai 80.000 arrendadores, bastantes deles pensionistas, que non cobran a renda e o Goberno déixaos sós". "Evidentemente, esa chantaxe non a aceptamos", di antes de resolver "pensións, si; ocupacións, non", identificando desta maneira a poboación potencialmente beneficiaria do Real Decreto agora derrogado con persoas autoras de delitos de usurpación de vivendas.

En realidade, o texto da norma agora decaída daba a posibilidade de que as persoas incursas en xuízos por impagamento do alugueiro puidesen formular un "incidente de suspensión extraordinaria do desafiuzamento". Pero sempre e cando se atopasen "nunha situación de vulnerabilidade económica que imposibilite atopar unha alternativa habitacional" e co límite do 31 de decembro. 

A moratoria requiría acreditar a vulnerabilidade a través dos servizos sociais, estaba condicionada á aprobación xudicial e, para quen habitase un piso sen contrato, só rexía en vivendas propiedade de empresas ou de persoas con máis de dez inmobles

Esa "situación de vulnerabilidade" debía ser acreditada polos servizos sociais. A suspensión dependía, en todo caso, da decisión xudicial, que ademais debía ter en conta se a persoa propietaria do piso estaba en situación de pobreza, caso no que o desafiuzamento seguía adiante.

No caso das persoas que habitasen vivendas "sen ningún título habilitante", isto é, sen contrato ou equivalente, a suspensión dos desafiuzamentos era aínda máis limitada. Só rexía para vivendas propiedade de empresas ou de persoas físicas "titulares de máis de dez inmobles" e, ademais de acreditar a vulnerabilidade a través dos servizos sociais, debían cumprir outros criterios como que na vivenda residisen persoas en situación de dependencia, vítimas de violencia machista ou menores de idade. Adicionalmente, non cabía a suspensión do desaloxo se o piso era vivenda habitual ou segunda residencia dunha persoa física, "cando a entrada ou permanencia no inmoble se producira mediante intimidación ou violencia" ou se o piso era usado para "actividades ilícitas".

As entidades sociais asinantes do manifesto Nin un desafiuzamento máis, que reclamaban a continuidade e estabilización da moratoria, estiman en case 60.000 os desaloxos parados en catro anos por unha suspensión coa que son críticos por considerárena incompleta. Pero a súa desaparición, advertían a finais de 2025, sería moito peor

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.