A Xunta volve conxelar o complemento das pensións non contributivas en 18 euros ao mes

Manifestación en defensa das pensións en Vigo nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA

A axuda foi creada en 2008 por PSdeG e BNG, Feijóo tivo que rectificar o seu intento de eliminala en 2010 e Rueda só a subiu en 2023

Este ano 2025 unhas 36.000 persoas cobraron en Galicia unha pensión non contributiva de entre 141 e 564 euros ao mes, en 14 pagas. Ante contías tan reducidas, en 2008 o goberno de PSdeG e BNG implantou un complemento autonómico daquela de 200 euros ao ano que neste 2025 foi 218 euros, pouco máis de 18 euros ao mes. Nesas cifras seguirá en 2026, segundo uns Orzamentos da Xunta agora presentados que manteñen conxelada esa axuda.

Protesta do Movemento Galego pola Defensa das Pensións © MODEPEN

O complemento das pensións non contributivas que comezou en 2008 tentou ser eliminado por Feijóo nos seus primeiros Orzamentos, os de 2010, en cuxa primeira versión enviada ao Parlamento suprimiu a disposición que contemplaba esa prestación. Cando se coñeceu esa desaparición, durante o trámite parlamentario das contas públicas, a daquela conselleira de Política Social, Beatriz Mato, xustificou o recorte cualificando eses 200 euros ao ano por pensionista como un "parche" e mesmo dubidou da súa legalidade. 

O complemento só subiu un par de veces en case dúas décadas desde a súa creación 

O debate político e social que estourou fixo que só tres días despois o propio Feijóo tivese que rectificar no Parlamento. Mesmo foi máis aló e pasou a anunciar un aumento do complemento segundo a inflación, o que o faría pasar a 206 euros ao ano.

Pero despois o complemento das pensións non contributivas permaneceu conxelado nesa cifra máis dunha década durante a que o Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou máis dun 23%. Ata que en 2023, sendo xa presidente Alfonso Rueda, a Xunta volveu aumentar a prestación, un 6%, ata 218 euros, malia que a Xunta se habilitou legalmente a poder pagar ata 220,50 euros.

A disposición adicional que PSdeG e BNG incluíran nos orzamentos de 2009 para continuar o complemento das pensións non contributivas creado en 2008, diario de sesións coa rectificación de Feijóo da súa decisión de suprimir a medida e disposición adicional que se vén mantendo nos orzamentos desde 2023 CC-BY-SA Praza Pública

Nesa cifra quedou o complemento en 2024 e neste 2025. E agora, nos Orzamentos para 2026, mantense igual tanto o importe máximo anual de cada complemento como a partida global reservada pola Xunta, 8.031.850 euros. Pouco máis de 18 euros ao mes para 36.000 persoas que só subiron un par de veces en 18 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.