O complemento foi creado en 2008 por PSdeG e BNG, en 2010 Feijóo tivo que rectificar o seu intento de eliminalo e agora Rueda gábase de que Galicia é "a única comunidade onde nunca foi interrompido"
O Goberno galego decidiu este luns conxelar por segundo ano consecutivo en 218 euros o complemento das pensións non contributivas creado en 2008 pola Xunta de PSdeG e BNG e que xa estivera conxelado entre 2011 e 2023 despois de que en 2010 Feijóo tentase suprimilo.
Malia os antecedentes da prestación, o presidente Rueda gabouse este luns de que Galicia é "a única comunidade onde nunca foi interrompido" este complemento.
As pensións non contributivas de xubilación ou invalidez son as que cobran ás persoas que non cotizaron o suficiente e que carecen, eles e as súas unidades de convivencia, de recursos para a súa subsistencia. Son pagadas polo Estado e xestionadas pola Xunta, e segundo esta cóbranas 37.000 galegos e galegas e sitúanse este 2025 entre os 141 e os 564 euros ao mes.
Para complementar esas pensións, daquela en cifras moi inferiores, en 2008 PSdeG e BNG crearon o complemento autonómico de 200 euros ao ano (17 euros ao mes). Nos Orzamentos de 2010, os primeiros que presentou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo, a Xunta suprimiu a disposición que contemplaba esa prestación.
Cando se coñeceu a intención de suprimir os daquela 200 euros de complemento das pensións a Xunta dixo que eran un "parche", pero só tres días despois o debate xerado levou a Feijóo a rectificar no Parlamento e mesmo anunciar un aumento segundo a inflación
Cando se coñeceu esa desaparición, durante o trámite parlamentario das contas públicas, a daquela conselleira de Política Social, Beatriz Mato, xustificou o recorte cualificando eses 200 euros ao ano por pensionista como un "parche" e mesmo dubidou da súa legalidade. O debate político e social que estourou fixo que só tres días despois o propio Feijóo tivese que rectificar no Parlamento.
Mesmo foi máis aló e pasou a anunciar un aumento do complemento segundo a inflación, o que o faría pasar a 206 euros ao ano. Pero despois permaneceu conxelado nesa cifra máis dunha década durante a que o Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou máis dun 23%.

Ata que en 2023, xa con Rueda á fronte da Xunta, o complemento foi aumentado un 6%, ata 218 euros -malia que a propia Xunta habilitouse para aumentalo algo máis, un 7% ata os 220,50 euros-. En 218 euros volveu quedar conxelado o complemento en 2024, e o mesmo ocorre neste 2025. Como comparación, as pensións estatais subiron en xeral un 2,8%, en liña coa inflación.
Este luns, ao anunciar que a Xunta manterá o complemento tamén este 2025, Rueda nada dixo da súa conxelación nin do intento de suprimilo hai década e media. Ao contrario, salientou que "temos este complemento desde hai 17 anos", sen indicar que foi o bipartito o que o creou, e gabouse de que "somos a única comunidade autónoma onde nunca foi interrompido". Malia que Feijóo si tentou interrompelo.