Feijóo xa quixo recortar pensións hai 15 anos e tivo que rectificar

Feijóo coa súa primeira conselleira de Política Social, Beatriz Mato, e diario de sesións do Parlamento coa súa rectificación da decisión de suprimir o complemento autonómico de 200 euros ao ano das pensións non contributivas CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O popular quixo eliminar dos seus primeiros Orzamentos na Xunta, os de 2010, o complemento de 200 euros ao ano das pensións non contributivas que implantaran PSdeG e BNG pero acabou rectificando tras o debate xerado

O 1 de xaneiro de 2010, hai agora dez anos, as persoas que en Galicia cobraban unha pensión non contributiva ían ver reducidos os seus ingresos en 200 euros ao ano. Así o decidira o Goberno de Alberto Núñez Feijóo aos poucos meses de chegar á presidencia da Xunta, que quería prescindir dese complemento autonómico ás pensións non contributivas creado polo executivo previo de coalición de PSdeG e BNG. O debate político e social xerado cando se coñeceu ese recorte obrigouno a rectificar e ese complemento mantense aínda hoxe.

Década e media despois outra decisión de Feijóo vén de recortar as pensións, neste caso con efectos sobre moitas máis persoas en todo o Estado, ao votar con Vox e Junts en contra do decreto ómnibus no que o Goberno de Pedro Sánchez incluíra a revalorización dos subsidios xunto con outras moitas medidas de todo tipo. A suba xa fora aplicada ás primeiras pensións deste ano así que agora os receptores das mesmas verán como en seguintes pagamentos o seu importe volve reducirse, a non ser que o PP rectifique ou o Goberno volva impulsar a medida de xeito illado como lle reclaman os populares para apoiala.

A disposición adicional que PSdeG e BNG incluíran nos orzamentos de 2009 para continuar o complemento das pensións non contributivas creado en 2008, diario de sesións coa rectificación de Feijóo da súa decisión de suprimir a medida e disposición adicional co complemento que se mantén nos orzamentos deste 2025 CC-BY-SA Praza Pública

En 2009 o que fixo Feijóo foi rectificar. Tras uns primeiros meses na Xunta nos que tombou todo tipo de medidas dos seus antecesores -desde a planificación eólica aos consensos previos sobre a lingua-, o 19 de outubro daquel ano, xusto medio ano despois da súa toma de posesión como presidente o 18 de abril, entraban no Parlamento os primeiros Orzamentos do novo Goberno. Nas disposicións adicionais daquelas contas para 2010, ao contrario que en anos anteriores e posteriores, non aparecía a que incluíran PSdeG e BNG nos orzamentos de 2008 e 2009 para que a Xunta pagase 200 euros ao ano como complemento autonómico ás persoas con pensións non contributivas.

Cando se coñeceu a intención de suprimir os 200 euros de complemento das pensións a Xunta dixo que eran un "parche", pero só tres días despois o debate xerado levou a Feijóo a rectificar no Parlamento e mesmo anunciar un aumento segundo a inflación

Cando se coñeceu esa supresión, uns 10 millóns de euros para unhas 50.000 persoas beneficiadas, a daquela conselleira de Política Social, Beatriz Mato, xustificou o recorte cualificando eses 200 euros ao ano por pensionista como un "parche" e mesmo dubidou da súa legalidade.

O debate político e social que estourou fixo que só tres días despois o propio Feijóo tivese que rectificar no Parlamento. Nun debate co daquela portavoz do BNG, Carlos Aymerich, o popular asegurou que os orzamentos que entregara á Cámara uns días antes co recorte das pensións "son nada máis e menos para melloralos". E en liña coas súas despois habituais estratexias comunicativas presentouse como salvador e mesmo impulsor dese complemento das pensións fronte a oposición, á que acusou de non colaborar para mellorar esas contas públicas que el mesmo presentada recortadas. Incluso foi máis aló e pasou a anunciar un aumento do complemento segundo a inflación, o que o faría pasar a 206 euros ao ano.

Manifestación polas pensións no ano 2018 en Vigo CC-BY-SA

Así que os orzamentos para 2010 finalmente aprobados uns días despois volveron incluír a disposición adicional que introduciran PSdeG e BNG, que Feijóo borrara inicialmente e que despois mantiveron ata agora os sucesivos gobernos populares. Aí segue ese complemento nas contas deste ano, agora cunha contía de 218 euros ao ano por persoa tras deixalo Feijóo conxelado en 206 euros durante máis dunha década ata que en 2023 Rueda o volveu revalorizar.

Un complemento que tras intentar suprimir hai agora 15 anos tanto Feijóo como Rueda veñen presentando como exemplo das súas políticas sociais e empregando como recurso electoral.

Porén, tras votar a pasada semana en contra do decreto ómnibus que convalidaría o aumento das pensións xa aplicado polo Goberno de Sánchez, que agora decae, Feijóo acusou o presidente do Goberno de España de usar como "reféns" os pensionistas. Estes, que agora son cualificados polo popular como "sagrados", estiveron a piques de quedarse con 200 euros menos nas súas pensións non contributivas hai agora 15 anos.

Publicacións de PSOE e PP nas redes sociais tras o decaemento do decreto 'ómnibus' no Congreso CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.