Donald Trump en San Simón

A Illa de San Simón a comezos do século XX, nunha imaxe do arquivo Otto Wunderlich, e un intre dos actos da toma de posesión de Trump CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: Arquivo Wunderlich e Casa Branca

Este pasado xoves, 23 de xaneiro, o deputado do PP que negou ter "constancia" de que "houbese mortes" de presos políticos da ditadura na Illa de San Simón pediu "sinceras desculpas". Mediante un artigo de opinión no xornal La Región José Luis Ferro asegurou que todo se debeu a un "malentendido", porque o que quería negar era a existencia de "fusilamentos masivos" no marco dun debate co PSdeG. "Sei e recoñezo publicamente que na Illa de San Simón morreron moitos represaliados, uns por fusilamentos, outros por falta de alimentos e outros por enfermidade", afirma agora, en liña co acreditado por abondosas investigacións históricas.

As teses dominantes na dirixencia popular procuran pescar no caladoiro electoral que periga á súa dereita pola banda extrema de Vox, preferida pola internacional reaccionaria en detrimento da dereita tradicional, como acreditou a toma de posesión de Trump

Entre a afirmación e a desculpa transcorreu unha semana. Sete días nos que Ferro -que no propio debate non pediu aclarar o que agora sinala como "malentendido"- non se pronunciou ao respecto pero durante os cales o presidente da Xunta e do PPdeG si se viu obrigado a abordar a polémica para responder preguntas dos medios. E fíxoo evitando corrixir o seu deputado porque "este tipo de debates hai que deixárllelo aos historiadores". Segundo Alfonso Rueda, o único que estivera en cuestión no Parlamento foi o "debate concreto do número de vítimas", non que "en San Simón houbo represión".

Os sete días de silencio de Ferro e, sobre todo, a relativización de Rueda -que, ao contrario que o deputado, non achegou desculpa ou matiz posterior- encadraron medática, política e simbolicamente os populares galegos nas teses dominantes na dirección estatal do partido-. A mesma dende a que Alberto Núñez Feijóo asegura sentir "preguiza" ante os actos impulsados polo Goberno de España para conmemorar a fin da ditadura mentres se ausenta das homenaxes a persoeiros represaliados como Alexandre Bóveda

Un maior escoramento á dereita non renxe no alto mando dos populares galegos, pero si colide con outras posicións como as que permitiron nos últimos anos homenaxear no Parlamento a Bóveda ou Castelao

Con esas teses asentadas dende a madrileña rúa de Génova os populares procuran pescar no caladoiro electoral que periga á súa dereita pola banda extrema de Vox, formación preferida pola internacional reaccionaria en detrimento da dereita tradicional. Boa mostra é o convite a Santiago Abascal á toma de posesión de Donald Trump. Mentres, dende Madrid, un Feijóo con arrecendo a fóra de xogo internacional brindaba a súa "colaboración" ao gabinete do vello e novo presidente dos Estados Unidos oito anos despois de preferir, cando menos en aparencia, a vitoria dos Demócratas.

Un maior escoramento á dereita non renxe, en calquera caso, no actual alto mando dos populares galegos, cuxo aparello partidario ten ao cargo, tras Rueda, á secretaria xeral Paula Prado. Pero si colide con outras posicións no propio partido, tales como as agora expresadas por Ferro ou como as do presidente do Parlamento. Baixo o mando de Miguel Santalices o lexislativo galego xa homenaxeou vítimas senlleiras da ditadura como Alexandre Bóveda ou, máis recentemente, a Castelao como presidente do Consello de Galiza, órgano no exilio co que, lembrou o ourensán, "tomou forma a institucionalización da autonomía" referendada en 1936 e truncada polo golpe franquista.

Conmemoración do 80º aniversario do Consello de Galiza, o pasado novembro noParlamento, e mitin de Castelao en Montevideo CC-BY-NC-SA Foto: Parlamento | Montaxe: Praza.gal

O Castelao presidente e o "palacete do PNV"

Aquela homenaxe ao político e artista de Rianxo, o pasado novembro, foi iniciativa dos actuais responsables das siglas do Partido Galeguista, formación extraparlamentaria, e asumida pola Mesa da Cámara que preside Santalices. No pórtico do Ano Castelao, que se celebra este 2025 polos 75 anos do seu pasamento, foi presentado como un recoñecemento oficioso da condición do histórico líder como primeiro presidente galego. Primeiro presidente da autonomía política do país, na altura exiliada.

O recoñecemento oficioso a Castelao como primeiro presidente non será oficial, como propón o BNG, pola negativa do PP na mesma semana na que descualifica como "agasallo" a devolución ao PNV da sede en París do Goberno vasco no exilio, incautada polos nazis

Con estes precedentes, nas primeiras semanas do ano o BNG anunciou a súa intención de volver tratar o asunto no Parlamento pero pola vía "oficial e legal" para así "rescatar" de vez "a nosa memoria democrática e facer xustiza co primeiro presidente deste país", afirmou Ana Pontón. Esta semana, na mesma comparecencia na que relativizou as negacións do deputado Ferro sobre San Simón, Rueda xa advertiu de que a proposta do Bloque sobre Castelao non sairá adiante pola negativa do PP. "O primeiro presidente de Galicia foi o primeiro que puido ser elixido democraticamente e iso foi, por desgraza, moito máis tarde da morte de Castelao", resolveu o titular da Xunta en referencia a Gerardo Fernández Albor, de Alianza Popular, en 1981.

O Consello de Galiza que presidiu Castelao perseguía, como lembrou Santalices en novembro, ser o equivalente galego dos gobernos catalán e vasco no exilio, aínda que o galego era "pobre de solemnidade", a diferenza dos seus homólogos. Os políticos vascos que velaron pola preservación do autogoberno tras o golpe fascista e a fin da II República chegaron a ter unha sede de seu en París, un palacete mercado en 1937 con fondos recadados polo PNV que os nazis incautaron a través da Gestapo durante a invasión de Francia (1940-1944) e entregaron ás autoridades franquistas.

Primeiro acto de Trump tras volver ser investido como presidente dos EUA © Casa Branca / Goberno dos EUA

Tras múltiplos intentos xa en tempos de Aznar e Rajoy e tamén mediante litixios xudiciais, o partido jeltzale acordou co Goberno de España, ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, a devolución do edificio. Foi publicada no BOE o pasado decembro dentro do Real Decreto-lei ómnibus derrogado esta semana no Congreso cos votos do PP, Vox Junts per Catalunya. Como é sabido, o decreto abordaba moitas outras medidas, pero os populares poñen o foco precisamente no que descualifican como un "agasallo" ao PNV, obviando a incautación nazi e a entrega aos franquistas, así como negociacións previas ao respecto entre os nacionalistas vascos e o propio PP.

O PPdeG anti 'woke'

Na Eurocámara os populares galegos chaman a "tomar nota do que pasa nos EUA": "Algúns levamos alertando do efecto péndulo que podería provocar o movemento woke", afirman

Estes diversos retallos da actualidade conforman unha constelación que acompasa cos tempos de ascenso da internacional reaccionaria personificada, aínda máis nos últimos días, por Trump e os seus acólitos no seu novo ascenso ao poder nos EUA. Ao fío desa mudanza política no xigante americano, o Parlamento Europeo acolleu tamén esta semana un debate sobre as repercusións xeopolíticas e económicas que terá para a UE.

Un dos eurodeputados que interveu no debate foi Adrián Vázquez Lázara, ex-dirixente de Ciudadanos fichado polos populares antes das últimas europeas e presentado polo PPdeG como parte da súa cota na lista do partido, dadas as súas orixes en Galicia. No marco desa sesión, tal e como destacou o propio PP galego, Vázquez Lázara chamou a "tomar nota do que pasa nos Estados Unidos" e "abandonar as políticas identitarias".

Paula Prado, secretaria xeral e xefa de campaña do PPdeG, cos referentes do partido na candidatura do PP nas últimas eleccións europeas CC-BY-SA PPdeG

"Algúns levamos anos alertando do efecto péndulo que podería provocar o movemento woke e reclamando unha alternativa política baseada no sentidiño", proclamou Vázquez Lázara, asumindo como propia a tese segundo a cal o ascenso de Trump está ligado a ir demasiado lonxe na defensa do feminismo, do antirracismo ou da diversidade afectivo-sexual. A cancelación de políticas neste ámbito, precisamente, estiveron no albo do presidente estadounidense no seu primeiro día de retorno ao cargo entre o entusiasmo da internacional reaccionaria en cuxa visión do mundo, cando menos aparente e xestualmente, se senten cada vez máis cómodas as dirixencias do PP tanto en Galicia como en Madrid.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.