Contraste político nunha Galicia empatada

Manifestación contra Altri o pasado 15 de decembro e gráfico de apoio electoral ás diversas forzas en Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal

O pasado luns 16 a Galicia política e mediática amenceu coa resaca da enorme manifestación organizada por Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa para rexeitar a instalación en Palas de Rei da fábrica de celulosa e derivados promovida pola portuguesa Altri e a galega Greenalia con impulso da Xunta. Milleiros de persoas -unhas 40.000, segundo cifras da Policía Local compostelá- anegaron o centro de Santiago nunha potente mobilización.

En plena 'resaca' da enorme manifestación contra Altri, a demoscopia apuntou a un mantemento do PP con maioría absoluta

A dimensión da protesta faina equiparable a outras vividas na última década e media contra decisións ou xestións dos gobernos do PP, caso da de xaneiro de 2010 contra o denominado decreto do plurilingüismo -durante unha xornada de folga xeral no ensino-, tamén en Compostela, ou de varias na defensa da sanidade pública. Botando a vista máis atrás no tempo, o éxito da convocatoria tamén lembrou o acadado por manifestacións da Plataforma Nunca Máis durante a crise do Prestige.

Milleiros de persoas ateigan o Obradoiro na manifestación contra Altri, o pasado 15 de decembro CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

Moitas persoas participantes e os colectivos organizadores finalizaron a protesta coa sensación de deixar plasmado un enorme e maioritario rexeitamento ao proxecto de Altri. "Galicia enteira rexeita esa pasteira!", clamou a multitude nun Obradoiro que tivo que baleirarse para volverse encher, sinal inequívoco da gran concorrencia. Así o manifestaban por múltiples vías cando, na devandita mañá de luns, o xornal con máis difusión do país abría a súa edición impresa titulando El PP mantendría hoy su mayoría absoluta en Galicia con los mismos 40 escaños.

O contraste entre a gran mobilización e a radiografía electoral vén marcando a vida política do país e ten moito de real: media Galicia que non logra transformar os seus votos en Goberno dende 2005 e outra media que encadea un récord de cinco maiorías absolutas

O encabezamento de La Voz de Galicia referíase a unha enquisa de Sondaxe, a casa demoscópica do seu grupo editor. Segundo o inquérito, o panorama electoral galego mantén trazos moi semellantes ao do pasado febreiro, co PP mantendo representación (40) e maioría absoluta malia retroceder un punto e o BNG medrando 1,3 puntos pero cedendo un escano (24) a un PSdeG (10) que empeoraría un punto no cómputo total e mantería a fuga de votos cara ao Bloque, pero avanzaría dous puntos en Ourense.

Non foron poucas as interpretacións, plasmadas nas redes sociais e noutros eidos, que manifestaban a súa contrariedade e mesmo incredulidade polo -alén da potencial interpretación editorial da publicación- contraste entre a gran manifestación contra a Xunta do PP e a súa política e a radiografía electoral amosada por Sondaxe. Un contraste que, non obstante e alén dos datos concretos, vén marcando a vida política do país dende hai décadas e ten moito de real.

Na manifestación contra Altri estaba presente boa parte da representación política e social desa, a grandes trazos, media Galicia que non logra que os seus votos cheguen ao Goberno galego dende 2005. En rigor, esa Galicia que só conseguiu unha vez pola vía directa dos sufraxios que a Xunta a dirixa a esquerda: nas eleccións de 2005 que supuxeron a fin do fraguismo, con PSdeG e BNG sumando un 51,9% dos votos fronte ao 45,2% do PP e conseguindo, ademais, que esa diferenza se plasmase en escanos: 37 populares fronte a 25 socialistas máis 13 nacionalistas.

Apenas tres puntos separaron as dúas Galicias nas urnas o pasado febreiro. Pero unha delas volveu demostrar un desempeño electoral infinitamente mellor cá outra

Dende aquela, como é sabido, as sucesivas convocatorias electorais galegas cóntanse por maiorías absolutas do PP ata chegar este 2024 a cinco, superando o récord dos tempos de Fraga. Neste tempo os populares movéronse entre o 45,8% dos votos de 2012 e o 48% de 2020, que o sistema electoral vixente lles permitiu transformar en todos os casos en máis da metade dos escanos en xogo, dos 42 de 2020 á absoluta pola mínima de 2009 con 38 asentos.

Esa é, en trazos grosos, media Galicia electoral que elixe reiteradamente ao PP e que non foi colectivamente á manifestación contra Altri, con obvia independencia de que a mobilización si dese convocado individualmente a algunhas persoas que nalgunha ocasión escolleron a papeleta da gaivota e que haxa electorado da esquerda que, por motivos diversos, non se opón á instalación da fábrica. A outra media, a que aínda en 2009 logrou conxuntamente máis votos que os de Feijóo, situou dende aquela no Parlamento a forzas que concitaran entre o 44,6% (2012) e o 45,41% dos votos neste 2024, cando o PP de Rueda chegou ao 47,39%. 

Apenas dous puntos, daquela, separan electoralmente a Galicia que se viu representada no Obradoiro o pasado domingo e a que se viu mellor reflectida nas cifras demoscópicas publicadas ao día seguinte. Un chisco máis, uns tres puntos, ao incluír na conta os votos obtidos en 2024 por Democracia Ourensana, que lle valeron o seu primeiro deputado. En síntese, ambas Galicias un chisco por baixo do 50%.

Diversas olladas na esquerda ven claro que un eventual cambio pasa por que a media Galicia que se ve representada na oposición á dereita pesque no estremo máis centrista e galeguista do caladoiro no que o PP asenta as súas absolutas. Mentres, os populares afánanse no enganche dalgunhas bandeiras políticas da exitosa campaña do BNG para evitalo

Tan certos son estes números como indubidable resulta que unha das dúas Galicias ten un desempeño electoral infinitamente máis eficiente cá outra nun contexto non unicamente atribuíble ao sistema polo que os votos se transforman en escanos ou á obvia vantaxe que implica concentrar os votos nunha única gran opción, por unha banda, e en varias pola outra. Unha potencia con moitas razóns que propicia un reiterado desempate cara á dereita no devandito equilibrio a ras de urna. Así o observaron algunhas das estratexias por tras da campaña da única forza política que ascendeu o 18F -o BNG- e tamén diversas análises realizadas tras os comicios. 

Esas olladas dende a esquerda ven claro que un eventual cambio de Goberno só pode pasar por que a media Galicia que se ve representada na oposición ás políticas da dereita na Xunta dea pescado electoralmente nos estremo máis centrista e galeguista do enorme caladoiro no que os PP asentas as súas absolutas. E os sempre atentos estrategas populares ven clave para asentar unha nova xeira do poder evitar esa entrada nas súas augas territoriais e afánanse en evitalo por diferentes vías: dende os intentos de desprestixio da figura política de Ana Pontón ata o enganche de bandeiras políticas que foron eixos da súa campaña, dende a construción de vivenda pública aos traspasos de competencias a Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.