A derrota parlamentaria do Goberno de España no pleno do Congreso deste pasado 22 de xaneiro ten unha inmensa repercusión. Tena, sobre todo, porque o gabinete do PSOE e Sumar aglutinou nun único Real Decreto-lei de "medidas urxentes en materia económica, tributaria, de transporte e de Seguridad Social e se prorrogan determinadas medidas para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social" multitude de accións que van da suba das pensións ás axudas ao transporte público pasando pola suspensión de desafiuzamentos e cortes de luz a poboación pobre ou o financiamento das comunidades autónomas.
O Goberno de España aglutinou multitude de medidas nun único decreto coa esperanza de que elementos con fortísima repercusión social facilitasen o "si" ao lote completo de grupos como Junts, que transitou ao "non" canda os de Feijóo e Abascal
O Executivo de Pedro Sánchez remitiu ao Congreso estas medidas en bloque procurando que, tendo como bandeira elementos con fortísima repercusión social para a cidadanía, os grupos parlamentarios non se atrevesen a emitir un "non" aínda que discrepasen dalgúns dos preceptos incluídos no lote. O albo da operación era especialmente Junts per Catalunya, pero a formación independentista catalá transitou á negativa na que xa estaban o PP e Vox e, conxuntamente, propiciaron a derrogación dun decreto "ómnibus" que, no caso galego, ten un impacto inmediato de máis de 700 millóns de euros nas contas da Xunta, segundo as estimacións elaboradas polo Ministerio de Facenda.
A razón fundamental dese impacto ten que ver co artigo 15 do decreto caído, no que o Goberno de España incluíu a actualización das denominadas entregas a conta. Trátase dos fondos do sistema de financiamento que o Ministerio de Facenda adianta a cada autonomía cada ano baseándose nas súas previsións de ingresos por impostos -posteriormente, se as previsións quedan curtas achega máis fondos e en caso contrario, retira a diferenza.
Un dos artigos que decaen actualizaba o sistema de financiamento autonómico incrementando nuns 702 millóns os fondos para a Xunta por mor da suba da recadación do Estado. Outro achegaba 17 millóns ao Goberno galego e 7,9 aos concellos para os descontos no transporte
Ese artigo indicaba que, ao estar prorrogados os Orzamentos Xerais do Estado, para calcular esas entregas habería que atender ás previsións de ingresos doutro real decreto aprobado en 2024 e achegar unha determinada cantidade para cada autonomía, (82,7 millóns para Galicia). Desta maneira, segundo o Ministerio, o total das comunidades recibirían 9.665 millóns máis (9.675, contando Ceuta e Melilla) que en 2023, cifra de referencia por ser os últimos Orzamentos Xerais do Estado que foron aprobados.
Dentro deste montante, sempre segundo os cálculos de Facenda, a Xunta perde 702,8 millóns de euros para financiar as súas competencias. A eses fondos, especifica o Ministerio de Transportes, engádese a perda doutros 17,6 millóns de euros para bonificacións ao transporte público de competencia autonómica -os autobuses- e 7,9 máis para o transporte urbano dependente dos concellos.
En total, daquela, a derrogación dos decretos rexeitados polo PP, Vox e Junts supoñen uns 728 millóns de euros de perda para Galicia, o groso para os Orzamentos da Xunta. Aínda que o Goberno de España ten na súa man a posibilidade de tentar reactivar estas medidas a través de novos decretos que impulsen cada acción por separado, que esa opción chegue a concretarse é aínda unha incógnita. De entrada, todo apunta a que esa eventual reactivación non será inmediata.
Mentres todo isto sucede, as diferentes formacións políticas continúan resaltando cadansúas interpretacións do sucedido. Goberno de España e PSOE poñen o foco en que "polo voto en contra do PP as comunidades autónomas deixarán de recibir millóns de euros", "os nosos maiores non verán a súa pensión revalorizada" ou decaen as axudas ao transporte. Trátase, a xuízo do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dun "castigo irracional de Feijóo e Rueda a todos os galegos e galegas" ao votaren "en contra do paraugas social que atinxe a centos de milleiros de persoas" no noso país.
O PP pon o foco nos "okupas" e o "palacete do PNV"
Besteiro ve "un castigo irracional de Feijóo e Rueda a milleros de galegos". O BNG censura que os populares prexudiquen o financiamento de Galicia, a poboación pensionista e as bonificacións do transporte e reclama de "inmediato" un novo decreto para repoñelas
Os conservadores, pola súa banda, insisten en que o seu "non" se baseou en que "o Goberno quería coar no decreto" medidas como "protección aos okupas", en referencia á suspensión de desafiuzamentos para familias vulnerables, ou "agasallar o PNV cun palacete en París", en referencia á devolución á formación vasca dunha propiedade que mercaron en 1937, que os nazis lles incautaron durante a ocupación e que despois, en 1951, foi transferido ao Goberno español da ditadura franquista. Aseguran estar dispostos a aprobar por separado a suba das pensións, algo ao que tamén se abre Junts coas medidas para pensionistas e transporte público. Ambas formacións deixan fóra do posible "si" as suspensións de desafiuzamentos e cortes de subministros para a poboación con menos recursos, entre outras.
Neste contexto, dende Galicia o BNG reprocha aos populares que co seu voto "Galiza deixe de ingresar 702,8 millóns", "máis de 689.000 galegos e galegas" cobren menos nas súas pensións ou "máis e 80.000 galegos e galegas se vexan gravemente prexudicadas" pola fin dos descontos no transporte. A formación soberanista destaca que estes foron os motivos que levaron o seu deputado, Néstor Rego, a votar "si" e por esa razón, agregan, reclaman que o Goberno de España dite "de inmediato" un novo decreto que, como mínimo, repoña "as bonificacións ao transporte ferroviario e garanta a suba das pensións".