Tras múltiplas xornadas de tensión e encaixe parlamentario a múltiplas bandas, o Goberno de España pode pechar o ano anunciando a prórroga de varias das medidas do "escudo social" activado ao fío da pandemia da COVID e estendido ou adaptado durante a crise de prezos posterior. Así o ratificou este pasado luns o presidente Pedro Sánchez na súa habitual comparecencia ante a prensa contra o remate do ano.
As pensións contributivas máis baixas ascenderán arredor dun 6%
Ese anuncio de medidas máis puntuais vén acompañado por unha das trabes políticas do Executivo do PSOE e Sumar, a vencellada ás pensións de xubilación. Como xa bosquexaran nos últimos días, as pensións contributivas máis baixas subirán na contorna dun 6%, se ben algunhas chegarán ao incremento de ata o 9,1%, caso das que contemplan cónxuxe ao cargo ou viuvez con cargas familiares.
Como detalla infoLibre, a alza do 9% será tamén a que experimenten as pensións non contributivas (PNC). Mentres, o complemento da Xunta a estes subsidios -un pagamento único anual de pouco máis de 200 euros- permanecerá conxelado; non en van, a partida orzamentaria que o financia mesmo descenderá un chisco en 2025 (de 8,09 a 8,03 millóns de euros).
As pensións non contributivas subirán un 9% mentres o complemento da Xunta quedará conxelado
Con estas subas, a a pensión mínima de xubilación para fogares dunha soa persoa quedará fixada en 12.241,6 euros anuais (fronte aos 11.552,8 euros de 2024) e en 15.786,4 euros nos casos con cónxuxe a cargo (en 2024 foi de 14.466,2 euros). O Real Decreto que incluirá as modificacións dos importes tamén inclúe unha revalorización xeral das demais pensións dependentes da Seguridade Social e outras prestación semellantes no 2,8% para compensar a inflación.
Transporte público e desafiuzamentos
As medidas ratificadas por Sánchez inclúen tamén a xa anunciada gratuidade dos abonos de Renfe durante seis meses máis, segundo o pactado no Congreso entre PSOE e Podemos. Seguirán tamén ata mediados do ano vindeiro os servizos de balde nos autobuses estatais e o cofinanciamento das rebaixas do 50% no transporte urbano.
Ademais, o Consello de Ministros deu o seu visto e prace ata o 31 de decembro de 2025 á suspensión de desafiuzamentos na vivenda habitual para familias en situación de vulnerabilidade e sen alternativa de lugar onde residir. Esta medida tamén foi pactada con Podemos no Congreso.
Gravame ás grande enerxéticas
"Somos conscientes de cal é a complexidade do Parlamento pero saímos gañar, non damos un balón por perdido", di Sánchez sobre a posibilidade de que decaia no Congreso o imposto ás enerxéticas pactado con ERC, EH-Bildu e o BNG
O Consello de Ministros tamén aprobou a extensión a 2025 do gravame ás grandes enerxéticas. "O que estamos a facer é demostrar que pode esixirse un esforzo adicional ás empresas enerxéticas, á vez que tamén continuamos coa nosa folla de ruta de descarbonización e de impulso a proxectos industriais tan importantes como a produción de hidróxeno verde", sinalou Sánchez
Esa extensión é un compromiso con ERC, EH-Bildu e BNG ao que se opoñen PNV e Junts por diversos motivos, entre eles que se poidan pór en risco os investimentos destas compañías. É por iso que o Goberno de España ten aínda por diante unha complexa negociación para que non decaia no proceso de convalidación no Congreso. Neste sentido, Sánchez afirma ser "consciente de "cal é a complexidade do Parlamento pero saímos gañar, con humildade, pero saímos gañar e evidentemente non damos un balón por perdido", dixo Sánchez.