Política Social aforra 20 millóns anuais na Risga dende a implantación do Ingreso Mínimo estatal

Unha muller camiña por unha rúa de Viveiro con máscara durante a pandemia da COVID, período no que entrou en vigor o Ingreso Mínimo Vital CC-BY Andrés Rodríguez / Unsplash

A Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) é unha prestación de "subsistencia" para persoas sen recursos económicos. Depende da Xunta, que a ofrece dende principios dos anos 90 do século pasado, e ata hai un cuatrienio apenas existiran no ámbito galego outras axudas semellantes, coa excepción dalgunhas rendas municipais implantadas polos gobernos das mareas no mandato 2015-19 en concellos como A Coruña ou Santiago.

Antes da creación da prestación estatal a Xunta destinaba 64 millóns anuais á súa renda de inclusión. Agora achega apenas 40

A mediados de 2020, no inicio da pandemia da COVID-19, o Goberno de España acelerou a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital (IMV). A nova prestación ía destinada, como a Risga e as súas equivalentes nas demais autonomías, a persoas en situación de pobreza ou exclusión. Pero entre as súas novidades estaba, alén da contía e outras condicións, que fora concibido para ser compatible coas rendas autonómicas, de xeito que a suma de ambas permitise ás persoas receptoras achegárense a cantidades semellantes ao salario mínimo.

Esa compatibilidade non era posible en Galicia daquela e ségueo sendo catro anos máis tarde. A razón é o réxime de incompatibilidades da Risga estipulado na Lei de Inclusión do ano 2013, norma que o Goberno galego se comprometeu reiteradamente a modificar mediante unha reforma que mantén conxelada. Mentres, o número de persoas beneficiarias da Risga non deixa de minguar, en boa medida por optaren -tanto as propias solicitantes como profesionais do traballo social ou entidades do terceiro sector- polo IMV, dada a súa maior contía e flexibilidade malia ao "labirinto burocrático" e eivas de xestión

O orzamento da Xunta para a Risga será en 2025 un 40% inferior ao destinado antes da entrada en vigor do IMV e a estimación de persoas beneficiarias está un 30% por baixo 

Esta redución vén permitindo á Xunta aforrarse uns vinte millóns de euros anuais no orzamento destinado á Risga dende a posta en marcha do IMV. En 2020, cando o Estado lanzou a súa prestación, a Consellería de Política Social orzamentara para a renda galega algo máis de 64 millóns de euros. Tratábase dun montante récord tras anos nos que as persoas que precisaran da prestación pola súa situación de pobreza tamén bateran sucesivas marcas, mesmo dando lugar a situacións nos que a consellería tivera que realizar inxeccións económicas extra alén das previstas nas contas públicas de cada ano.

En 2021, o primeiro ano completo co IMV en vigor, o orzamento da Risga diminuíu case un 22%, cunha redución de 14 millóns. E neste 2024 xa foi case un 40% menos que en 2020, un montante de 40,7 millóns de euros que Política Social repite no seu orzamento para 2025, actualmente en plena tramitación parlamentaria. Son case tres millóns de euros menos que os reservados para a Risga en 2023, cando a consellería asignou 44 millóns aínda que, segundo o informe oficial da prestación correspondente a ese ano, o gasto real quedou en 34,49 millóns.

Xunto coa previsión económica, os Orzamentos Xerais da Xunta tamén inclúen unha estimación de cantas persoas recibirán a Risga no ano seguinte. Dende o ano 2022 esa estimación sempre é a mesma, 7.200. Non obstante, as sucesivas edicións do devandito informe de xestión da Consellería de Política Social indican que a tendencia no total de persoas que cobran a renda dependente da Xunta é claramente descendente: a 31 de decembro de 2023 eran pouco máis de 5.500, case un milleiro menos que doce meses antes e un 43% menos que no remate de 2019, derradeiro ano completo sen Ingreso Mínimo Vital.

A Risga pasou en catro anos de máis de 9.000 persoas beneficiarias a apenas 5.000. Para que ambas axudas sexan compatibles cómpre unha reforma legal que a Xunta ten conxelada dende hai un cuatrienio

O número estimado de persoas receptoras da Risga proxectado por Política Social nos orzamentos de cada ano vén sendo superior ao total real de beneficiarias no remate de cada exercicio dende 2016. Non obstante, a fenda alárgase dende a posta en marcha do IMV ata chegar á mencionada diferenza de 2023, con 7.200 estimadas 5.500 reais no remate dun ano no que, indica a consellería no seu informe, chegaron a cobrar a Renda de Inclusión Social de Galicia 8.989 persoas diferentes nun períoo con 2.742 altas, 1.978 extincións e 2.303 suspensións.

A Xunta condiciona a reforma ao traspaso

Mentres os datos oficiais continúan acreditando un proceso de substitución da Risga polo Ingreso Mínimo Vital que tende a acelerarse, a reforma da Lei de Inclusión que permitiría a compatibilidade das dúas axudas segue parada. O pasado verán, o departamento que dirixe Fabiola García respondeu ao BNG no Parlamento que se propuña "traballará na redacción" da nova lei mentres negocia co Estado a transferencia do IMV para "activala en canto culmine". 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a ministra de Seguridade Social, Elma Saiz, reunidas xunto a membros de cadanseus gabinetes o pasado xuño en Madrid © Ministerio de Seguridade Social

Fíxoo no marco dunhas negociacións co Ministerio de Inclusión durante as que o Goberno de España subliñou que, á altura de xuño deste 2024, "a cobertura da renda autonómica" equivalía "ao 19% dos fogares cubertos polo IMV en Galicia. Con datos do pasado outubro, o Ingreso Mínimo Vital ten de alta en Galicia 29.296 nóminas que, contando beneficiarias (familias das persoas titulares da prestación) chegaban a 78.884 persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.