O TSXG evidencia como a Seguridade Social aproveita as súas propias demoras en tramitar a prestación para denegala se durante ese tempo mudaron os integrantes da unidade de convivencia, aínda que se manteña a situación de necesidade
O pasado maio, ao cumprirse catro anos da creación por parte do Goberno de España do Ingreso Mínimo Vital (IMV), Praza.gal contou como o Estado denegara en Galicia ducias de axudas esgrimindo datos do empadroamento das persoas solicitantes malia seren estes inexactos ou non rexistrar a súa realidade vital.
Esas sentenzas seguen a producirse, con condenas da Seguridade Social por denegar o IMV amparándose en supostas mudanzas das persoas que integraban os domicilios afectados malia que eses cambios non tivesen efecto na situación de necesidade existente. Sentenzas que tamén evidencian como a Seguridade Social aproveita as súas propias demoras en recoñecer a prestación para denegala se durante ese tempo mudaron as familias afectadas.
Os requisitos para recibir o IMV teñen en conta se a persoa solicitante vive soa ou nunha denominada "unidade de convivencia", e en función das súas características o importe varía. É a propia persoa solicitante quen debe identificar ao resto de persoas da unidade de convivencia e a Seguridade Social contrasta esa información co padrón municipal. E se os datos non coinciden, aínda que o erro ou a falta de actualización dos empadroamentos poidan ir en beneficio da persoa solicitante, a Seguridade Social denega a axuda ou solicita a súa devolución.
O Estado teima en recorrer as súas condenas prolongando varios anos casos nos que tiñan razón as persoas solicitantes
Ante esa denegación ou petición de devolución do IMV, sucesivas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) veñen relatando o longo e complexo proceso ao que se enfrontan as persoas solicitantes para reverter a situación, con recursos administrativos primeiro ante a propia Seguridade Social que esta volve rexeitar e abocando a unha vía xudicial na que o Estado teima en recorrer as súas condenas prolongando os procesos varios anos.
Así sucede no caso dunha nova sentenza feita pública nas últimas semanas que dá a razón agora a unha muller con dous fillos que pediu o IMV en setembro de 2020, hai catro anos. A Seguridade Social denegoulle a axuda máis de medio ano despois, en xuño de 2021, co argumento de que durante parte do ano anterior tamén figurara empadroado no mesmo domicilio unha cuarta persoa. A muller reclamou na vía administrativa pero a Seguridade Social non lle respondeu, novamente de xeito negativo, ata un ano máis tarde, en xuño de 2022, o que a obrigou a acudir á xustiza. En xaneiro de 2023 un xulgado do Social de Vigo deu a razón á muller, pero a Seguridade Social recorreu e agora o TSXG ratifica que debe darlle a axuda á que ten dereito.
A sentenza do TSXG constata como cando a muller pediu a axuda, en setembro de 2020, a muller só vivía cos seus dous fillos. Non foi ata decembro daquel ano cando tamén se empadroou no mesmo domicilio, durante menos de seis meses, outra persoa "sen que conste que o mencionado tivera relación algunha de parentesco ou relación sentimental ou de outro tipo coa actora os seus fillos, de modo que é claro que no momento en que presentou a solicitude de ingreso mínimo en setembro de 2020 a unidade de convivencia da demandante cos seus fillos levaba constituída o ano anterior de forma continuada, cumprindo así o requisito legalmente esixido".
O TSXG corrixe á Seguridade Social por denegar o IMV a un pai con custodia compartida co argumento de que non vivía de xeito estable cos seus fillos malia que si o facía en semanas alternas
O tribunal salienta tamén que cando a Seguridade Social resolveu denegar a axuda, en xuño de 2021, a cuarta persoa, da que insiste que non tiña "ningún vínculo" coa solicitante, xa non estaba empadroada no mesmo lugar. Isto é, a demora da Seguridade Social en resolver a axuda permitíralle elixir as datas máis desfavorables para a persoa solicitante.
Noutra sentenza do mesmo TSXG, con data do 17 de xuño, relátase o caso dun home que pediu o IMV en maio de 2022 e ao que a Seguridade Social denegou a axuda porque os seus dous fillos teñen a custodia compartida a partes iguais coa súa ex-muller "alternando a convivencia con cada un dos proxenitores cada semana nos seus respectivos domicilios". Porén, como os fillos están empadroados no domicilio da nai, a Seguridade Social non os tivo en conta como parte da unidade de convivencia do pai.
O TSXG desbota os argumentos da Seguridade Social e salienta ademais que, cunha nova redacción da lei do Ingreso Mínimo Vital, este establece que a unidade de convivencia ten que estar constituída desde medio ano antes da solicitude e non xa desde un ano antes como nos anteriores requisitos. Ante isto, o TSXG interpreta que o feito de que os fillos vivan co home un total de semanas ao ano equivalentes a medio ano dálle o dereito a recibir a axuda. O tribunal tamén lembra que a norma do IMV busca, ante familias separadas, "que non se produzan situacións fraudulentas que permitan a ambos proxenitores acceder simultaneamente ao Ingreso Mínimo Vital, o que non se acredita que ocorra no presente caso".
A sentenza do TSXG chega novamente despois de que un xulgado do Social, neste caso de Ourense, xa dera previamente a razón ao solicitante e logo de que a Seguridade Social optase por recorrer e prolongar o procedemento ata agora, máis de dous anos despois da solicitude inicial da axuda.
Tamén agora chega outra sentenza do TSXG por outra solicitude denegada pola Seguridade Social en decembro de 2020 a unha muller co argumento de que apenas uns días antes da súa solicitude en novembro o padrón rexistrara unha mudanza da súa unidade de convivencia. O TSXG lembra que "a necesidade é de convivencia no mesmo domicilio, aínda que este varíe ao longo do tempo, polo que constando que dita unidade familiar está constituída desde 2018 e a solicitude presentada en novembro de 2020, cúmprense os requisitos necesarios para o acceso á prestación".