Malia que o IMV chega a máis xente que a Risga da Xunta, a Seguridade Social vén sendo condenada de xeito reiterado por denegar ou retirar axudas amparándose en erros de empadroamento que a xustiza acaba corrixindo anos despois
Catro anos despois da creación por parte do Goberno de España do Ingreso Mínimo Vital (IMV) esta axuda só chega en Galicia ao 11% da poboación en risco de pobreza, unhas 72.000 persoas. Aínda así, son sete veces máis que as 10.000 persoas que chegou a cubrir no seu mellor ano a Renda de Integración Social de Galicia (Risga), que desde a creación do IMV vén retrocedendo.
Porén, a Seguridade Social vén sendo condenada de xeito reiterado por denegar ou retirar ducias de axudas do IMV en Galicia amparándose en erros de empadroamento que a xustiza acaba corrixindo anos despois.
Os requisitos para recibir o IMV teñen en conta se a persoa solicitante vive soa ou nunha denominada "unidade de convivencia", e en función das súas características o importe varía. É a propia persoa solicitante quen debe identificar ao resto de persoas da unidade de convivencia e a Seguridade Social contrasta esa información co padrón municipal. E se os datos non coinciden, aínda que o erro ou a falta de actualización dos empadroamentos poidan ir en beneficio da persoa solicitante, a Seguridade Social denega a axuda ou solicita a súa devolución.
Ante esa denegación ou petición de devolución do IMV, sucesivas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) veñen relatando o longo e complexo proceso ao que se enfrontan as persoas solicitantes para reverter a situación, con recursos administrativos primeiro ante a propia Seguridade Social que esta volve rexeitar e abocando a unha vía xudicial na que o Estado teima en recorrer as súas condenas prolongando os procesos varios anos.
O TSXG vén dicindo, fronte ao criterio da Seguridade Social, que a información do padrón municipal "pode resultar desvirtuada e contradita por outros medios probatorios que evidencien a realidade dun domicilio habitual distinto"
O 15 de marzo o TSXG emitiu unha sentenza que condenou a Seguridade Social a recoñecer a unha muller o dereito ao IMV que solicitara en xaneiro de 2021, hai máis de tres anos. O Estado denegárallo porque a unidade de convivencia que ela consignara na súa solicitude non se correspondía cos datos do padrón municipal. A xustiza acabou constatando que unha das persoas empadroadas no seu domicilio marchara do país sen darse de baixa do padrón, que quedara desactualizado. Á Seguridade Social non lle valeu que os servizos sociais do Concello no que reside a muller certificasen a realidade da súa unidade de convivencia, pero o TSXG sentenciou que a información do padrón "pode resultar desvirtuada e contradita por outros medios probatorios que evidencien a realidade dun domicilio habitual distinto".
Unha semana antes, o 7 de marzo, outra sentenza do TSXG condenaba igualmente a Seguridade Social a outorgar o IMV a un solicitante ao que llo denegara en decembro de 2020, máis de tres anos antes. O motivo de denegación era que pedira a axuda para el e a súa filla pero no seu domicilio había unha terceira persoa empadroada malia que xa non residía alí desde tres anos antes, en decembro de 2017. O afectado tivo que recorrer á xustiza e un xulgado do Social deulle a razón tras escoitar a testemuñas do edificio que certificaron que no lugar só vivían o solicitante e a súa filla.
Porén, a Seguridade Social recorreu e o caso chegou ao TSXG, quen insistiu en que "o padrón municipal non reflicte os datos reais da situación" e no momento da solicitude "o demandante e a súa filla eran os únicos convivintes do domicilio".
As sentenzas do TSXG chegan tres ou catro anos despois de que a Seguridade Social denegase aos afectados o Ingreso Mínimo Vital
Uns días antes, o 5 de marzo, outra sentenza do TSXG reflectía unha situación similar. Unha muller con marido e dous fillos pedira o IMV en xullo de 2020 e a Seguridade Social denegárallo por "formar parte doutra unidade familiar" distinta da declarada porque supostamente a súa sogra tamén vivía con eles. Estaba empadroada nese domicilio pero residía fóra de Galicia desde 2017, segundo certificou o Concello, e malia que un xulgado do Social deu a razón en primeira instancia á afectada, a Seguridade Social recorreu igualmente ao TSXG.
O tribunal, como noutros casos, insiste en que "a acreditación do requisito de convivencia do beneficiario dunha prestación non contributiva da Seguridade Social pode obterse por diversos medios probatorios, sendo un deles a certificación de empadroamento expedida polo Secretario do Concello, pero non único e excluínte". A sentenza que acabou dando a razón á afectada chegou case catro anos despois da súa solicitude.
O 20 de febreiro, outra sentenza do TSXG pronunciábase en similares termos. A Seguridade Social denegara en maio de 2021 o IMV que solicitara unha muller a título individual porque supostamente vivía tamén con ela un fillo. Así constaba no padrón municipal, malia que o fillo levaba dous anos traballando en Suíza. A muller así o probou achegando o contrato de traballo do seu fillo, as súas nóminas sucesivas e a súa inscrición no consulado de Zurich. "Se o seu fillo estaba traballando en Suíza dificilmente podía residir na Coruña, por moito que seguise empadroado nesta cidade", concluíu o TSXG, condenando a Seguridade Social a recoñecerlle o dereito ao IMV tres anos despois de solicitalo.
Outro tipo de condenas do TSXG revelan como o Estado rexeita conceder o IMV a persoas que teñen dereito a el amparándose en formalismos que a xustiza desbota
Ademais deste tipo de sentenzas sobre como a Seguridade Social se aferra a erros no padrón para denegar axudas, o TSXG tamén vén emitindo outro tipo de condenas que revelan como o Estado rexeita conceder o IMV a persoas que teñen dereito a el amparándose en formalismos que a xustiza desbota.
O 21 de febreiro o TSXG condenou a Seguridade Social a outorgar o IMV a un home ao que llo denegara co argumento de que non se atopaba en risco de exclusión malia que xa tiña unha Risga da Xunta que así o certificaba e os servizos sociais do seu concello lle tramitaran a nova axuda "por atoparse en situación de vulnerabilidade". Así llo tivo que acabar recoñecendo a xustiza case catro anos despois de presentar a súa solicitude en xuño de 2020.
Noutro caso resolto tamén en febreiro o TSXG reprochou á Seguridade Social que retirara o IMV que xa tiña concedido unha muller por ingresar máis do previsto na normativa destas axudas. A Seguridade Social contara para iso dúas axudas que a muller recibira pola pandemia da COVID, unha de 1.200 euros do rescate a autónomos da Xunta e outra de 2.000 euros do seu Concello. Fíxoo malia que a xustiza lembra que ese tipo de axudas "están excluídas do cómputo de rendas, e é por iso que excluíndo as mesmas, os ingresos da actora non superan o límite de patrimonio aplicable". "A beneficiar merecía continuar percibindo o ingreso mínimo vital", dixo o TSXG o pasado 22 de febreiro, máis de dous anos despois de que a Seguridade social lle retirase a axuda en decembro de 2021.