O Ministerio de Inclusión e Seguridade Social vén de publicar en detalle o número de persoas que reciben o Ingreso Mínimo Vital (IMV), unha foto fixa do momento e non unicamente o dato acumulado de prestacións outorgadas desde que fora aprobado en 2020. Segundo a estatística, en Galicia benefícianse do IMV na actualidade 25.746 familias compostas por 68.839 persoas.
Case 26.000 familias e unhas 69.000 persoas benefícianse do IMV en Galicia
Son 4.380 prestacións máis que no mes de febreiro do pasado ano, o que supón un incremento do máis do 20%, e 13.441 persoas beneficiarias máis, un aumento do 24,3% con respecto a hai un ano. A contía media da prestación, segundo os datos do Ministerio, é de 494,42 euros mensuais brutos en doce pagas, cunha cantidade media ao mes por persoa beneficiaria de 184,91 euros.
As cifras son moi diferentes dependendo se se a prestación inclúe o apoio á infancia ou non e se este é combinado co ingreso xeral. En Galicia son 9.694 as familias que perciben unicamente o IMV, sen plus ningún, cunha media de 522,48 euros mensuais, mentres que 8.396 perciben o IMV co complemento por menores ao seu cargo, unha cantidade media de 809,68 euros ao mes. O resto son persoas beneficiadas unicamente pola axuda por infancia, unha prestación de 113,14 euros.
Das case 26.000 persoas titulares que solicitaron e están a percibir o IMV en Galicia, máis do 70% son mulleres e pouco máis do 11% cidadáns estranxeiros. A ideade media é de 45,71 anos.
Máis do 70% das persoas titulares do IMV en Galicia son mulleres e o 38% dos fogares que os reciben son de familias sen menores
En canto ao total de persoas beneficiarias, máis de 26.000 (sobre o 38% das 70.000) son menores de idade e o 55% mulleres. Ademais, a media de idade das persoas que se ven beneficiadas polo IMV en Galicia é de 29,7, unha cifra que baixa a pouco máis de 20 anos se excluímos do cálculo aos titulares.
O detalle dos datos facilitados polo Ministerio permite tamén saber a composición dos fogares onde se recibe o IMV. O máis común en Galicia, como no conxunto do Estado, é o dun fogar cun único membro adulto, unha persoa que vive soa (arredor de 7.000 casos), nunha porcentaxe de case o 27%, catro puntos máis elevada que no conxunto de España. Os casos dun adulto e un menor e de dous adultos e un ou dous menores a cargo son os outros máis habituais no país.
No caso de fogares sen menores que perciben o IMV, en Galicia supoñen case 10.000 e o 38% do total, fronte ao 32,7% do conxunto do Estado.
Ademais, e segundo a estatística, desde a posta en marcha do IMV en xuño de 2020, en Galicia foron máis de 37.000 as familias beneficiarias nalgún momento desta prestación, que chegou a abranguer preto de 100.000 persoas (98.168). Polo tanto, arredor de 12.000 persoas deixaron de percibir o Ingreso Mínimo Vital, na maiorái dos casos por ter superado os ingresos mínimos requiridos e, xa que logo, por ter mellorado a súa situación, aínda que hai beneficiarios que entran e saen do paraugas que supón esta axuda segundo a súa situación de vulnerabilidade en cada momento.
As persoas beneficiarias do IMV supoñen o 2,5% da poboación galega
Nesta altura, en Galicia as persoas beneficiarias do IMV supoñen o 2,55% da poboación (un 2,4% na provincia de Pontevedra, 2,5% na de Coruña, 2,7% en Lugo e 3% en Ourense). As cifras sitúanse lonxe de territorios como Melilla, onde ascende ao 11,6%, Ceuta (10%), Jaén (8%) ou Sevilla (7%), pero tamén aínda algo afastadas do 1,6% de Balears ou do 1,8% de Barcelona.
Queda por saber que porcentaxe das potenciais persoas beneficiarias do IMV non solicitan a axuda, unha cifra que no conxunto do Estado a Airef (Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal) situaba en preto do 60%.
Coñecidos os datos sobre o IMV en Galicia, CCOO cre que "demostran que é preciso reformar a Risga". Segundo a Enquisa de condicións de vida do INE en 2022, lembra o sindicato, había en Galicia 182.952 persoas en situación de pobreza extrema. "Os datos de xaneiro de 2024, tres anos e medio despois da creación do IMV, reflicten que o número de persoas beneficiarias non chega á metade da poboación en situación de pobreza extrema", di Comisións, que cre que para "avanzar na erradicación da pobreza e da desigualdade, cómpre estender a cobertura do IMV resolvendo as súas eivas e, xa en Galicia, reformar a Risga, que no último ano do que hai datos deu cobertura a pouco máis de 6.200 persoas".
31.000 familias con Risga ou IMV
En resumo, en Galicia son cae 26.000 as familias que reciben o IMV, que se unen ás 5.600 beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga). Segundo os últimos datos en detalle, de 2022, naquel ano foron 6.247 fogares os beneficiados por esta renda autonómica, unha cifra que, segundo desvelou a Xunta ao anunciar o adianto do pago antes de Nadal, tería descendido a esas 5.600 durante 2023.
Serían, xa que logo, arredor de 15.000 as persoas beneficiarias en total da Risga, tendo en conta a media de residentes nos fogares con esta axuda. Son, xa que logo, uns 95.000 cidadáns e algo máis de 31.000 familias as que en Galicia están sendo beneficiados pola Risga e o IMV. Pero nunca a un tempo.
Porque, a pesar de que o IMV foi concibido para ser "compatible" coas rendas de inclusión que as comunidades autónomas xa tiñan en marcha, como a Risga, no caso galego a Xunta segue sen adaptar a Lei de inclusión social de 2013 que estableceu que a renda autonómica é incompatible con outras prestacións similares.
Ante esta situación, varias sentenzas xudiciais anularan as reclamacións que Política Social fixera a persoas por supostos cobros indebidos de ambas prestacións, indicando estes ditames que a devolución do xa cobrado só pode solicitarse se houbo fraude ou ocultación, pero que se o cidadán avisa de que obtivo outro ingreso, como foi o caso, Política Social só pode compensar a diferenza en futuras prestacións.
Neste panorama, o Colexio de Traballo Social reclamou á Xunta que adaptase xa a Lei de Inclusión para permitir a compatibilidade de Risga e IMV, unha medida que o Goberno galego non chegou a tomar nunca.