Nin suba das pensións, nin axudas ao transporte público: Junts únese ao PP para facer caer varias medidas sociais

Miriam Nogueras, portavoz de Junts no Congreso CC-BY-SA Congreso

O voto en contra do PP e de Junts botou abaixo este mércores un decreto que, entre outras moitas cousas, supoñía a revalorización anual das pensións e as axudas ao transporte público. Populares e os deputados da formación liderada por Carles Puigdemont infrinxeron ao Goberno central unha importante derrota parlamentaria, botando abaixo un texto do Executivo cun amplo paquete de medidas que xa están en vigor e que agora son tombadas. 

Foron 177 votos en contra e 171 a favor os que rexeitaron o denominado decreto ómnibus, que incluía, entre outras medidas, axudas para os afectados pola dana, suba do salario mínimo e das pensións ou subvencións ao transporte público. 

Miguel Tellado, do PP, no Congreso dos Deputados CC-BY-SA Congreso

Foron horas de incerteza ante a posición de PP e Junts, que acabaron facendo unha pinza e sumando os seus votos aos de Vox, o que serviu para botar abaixo este escudo social, ademais do decreto de imposto ás enerxéticas, o que suporá 1.000 millóns de euros menos para as arcas públicas. Un terceiro texto, a reforma estrutural das pensións que pactaron os axentes sociais, si saíu adiante. 

As consecuencias son importantes:

Sen bonificacións no transporte público

Co rexeitamento ao decreto ómnibus quedan anuladas as bonificacións ao transporte público que se aprobaron en 2022, as que incluían a subvención do 30% nos abonos multiviaxe, o desconto do 50% no transporte urbano, metropolitano e interurbano ou a gratuidade dos ferrocarrís de media distancia. 

Aquela persoa que adquirise o seu abono de transporte nos últimos días, con bonificación de ata o 100% e validez para o cuadrimestre, poderá seguir utilizándoo sen pago adicional ningún, pero quen queira obter este non a partir deste xoves xa non poderá facelo. 

Os votos de PP, Vox e Junts fan que se anulen a bonificacións ao transporte público, así como as axudas do Goberno central ao transporte autonómico e municipal

Ao non validarse este decreto, caen tamén as axudas do Goberno central ao transporte de titularidade autonómica e municipal, que eran completadas polos executivos de cada comunidade. O Goberno central comprometérase a subvencionar durante seis meses máis, ata xuño, a rebaixa do 30% do transporte ás comunidades autónomas e concellos que completaran esta baixada ata, mínimo, o 50%. Agora, estas subvencións non chegarán ás administracións locais e das comunidades autónomas. 

Persoas usuarias dun autobús do sistema de transporte público da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta, o pasado mes de decembro, advertira que mantería bonificacións ao transporte independentemente da decisión do Goberno central, pero queda por ver agora a decisión tras esta derrota parlamentaria do Executivo. Tamén queda por saber se o Estado acabará por tomar unha medida extraordinaria para manter as axudas á mobilidade tras o decaemento do decreto. 

A derrota parlamentaria do Executivo central deixa en suspenso tamén a revalorización das pensións contrinbutivas do 2,8% e no aire o SMI

Adeus á revalorización das pensións

A revalorización das pensións contributivas do 2,8%, en liña coa suba do IPC, e do 9% para as no contributivas queda tamén en suspenso. "A algún votáronlle para baixar as pensións ou suprimir as axudas ao transporte público?", preguntou o ministro de Xustiza, Presidencia e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, nun Congreso que, ao contrario que noutras ocasións, asistiu en silencio á vitoria parlamentaria da dereita e a ultradereita, que evitou aplaudir e armar balbordo como tantas outras veces ante unha derrota parlamentaria do Goberno. 

Ao tempo, o PP anunciou o rexistro doutra proposición de lei para revalorizar as pensións e dixeron estar abertos, como Junts, a aprobar esa suba se a iniciativa só leva esa medida. 

As pensións mínimas ía subir o 6% en 2025 e o Ingreso Mínimo Vital, un 9%, ademais das de viuvez con cargas familiares, que se incrementaban tamén un 9,1%. 

O ministro Félix Bolaños intervén no Congreso dos Deputados © Congreso

No aire o SMI

O que tamén queda no aire é o Salario Mínimo Interprofesional (SMI). O decreto ómnibus prorrogaba o incremento de 2024 para situalo nos 1.134 euros ao mes en 14 pagas, unha contía que sería modificada no caso de que as conversas entre o Executivo central e os axentes sociais acordasen un novo incremento. 

Agora, o Ministerio de Traballo busca unha vía para evitar os efectos da caída do decreto que supón a suspensión do SMI.

Axudas pola dana

Entre as medidas que caen pola non aprobación do decreto está tamén a ampliación dos préstamos aos afectados pola dana no leste peninsular, así como a compensación en 4,5 millóns a Ceuta polo esforzo de acollida cos menores migrantes. 

Tamén queda sen efecto a suspensión dos desafiuzamentos e lanzamentos para fogares vulnerables sen alternativa habitacional ata o 31 de decembro de 2025, así como a prórroga da prohibición de cortes de subministro aos consumidores vulnerables ata finais de ano. 

"Entre elixir melloras para a vida da xente ou causar dano, sempre queda co segundo: causar dano", di Yolanda Díaz sobre o PP

A pinza de PP e Junts, xunto cos votos de Vox, bota abaixo tamén as deducións do IRPF por compra de vehículos eléctricos, a axuda á compra de bicicletas eléctricas ou o novo imposto aos cigarros electrónicos. 

Desde o Goberno central, Félix Bolaños asegura que serán "o PP e outros partidos" os que deberán "explicar" á cidadanía por que botan abaixo todas estas medidas. En Junts, a súa portavoz no Congreso, Miriam Nogueras, cualificou o Executivo de Sánchez de "trileiro" e "pirata". 

Pola súa banda, Yolanda Díaz, ministra de Traballo, sinalou o PP: "Entre elixir melloras para a vida da xente ou causar dano, sempre queda co segundo: causar dano". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.