O Goberno de España mantén os descontos en transporte e alimentos e o imposto á banca

Mozas agardan un tren nunha estación galega CC-BY-SA Xunta

O Goberno de España mantén a maioría das axudas sociais aos fogares aínda que recupera algúns impostos enerxéticos que foran suprimidos. O novo paquete de medidas para combater os efectos da inflación, a crise enerxética e a guerra de Ucraína que foi aprobado este mércores no último Consello de Ministros do ano tiña que cadrar o mantemento da protección aos colectivos máis vulnerables co cumprimento das regras fiscais europeas que, ademais, foron aprobadas durante a Presidencia española da UE. 

PSOE e Sumar negociaron ata o último minuto no seo dun goberno de coalición que fai un pequeno axuste do denominado escudo social, eliminando descontos para luz ou gas pero mantendo os do transporte —para toda a poboación e non só para xente moza e desempregada, como se formulara nun principio— e prorrogando os impostos extraordinarios á banca e ás enerxéticas. 

Usuario dun autobús interurbano en Galicia CC-BY-SA Xunta

O Goberno de España prorroga o desconto aos abonos do transporte público e a gratuidade nos trens para as persoas usuarias habituais

Así, prorrógase o desconto do 30% para os abonos do transporte público que dependen das comunidades autónomas ou dos concellos sempre que estas administracións sigan achegando o 20% ata alcanzar unha rebaixa do 50%. Ademais, mantense tamén a gratuidade nos trens de proximidade, media distancia e liñas estatais de autobuses para persoas usuarias habituais. 

O IVE da electricidade subirase, do 5% ao 10%, pero manterase aínda lonxe do 21% no que se atopaba antes de que estoupase a crise de prezos. Será un aumento progresivo durante os vindeiros seis meses. Ademais, o Executivo central decidiu retirar tamén as baixadas vinculadas ao imposto sobre o valor da produción eléctrica e ao imposto especial de electricidade, mentres que o IVE do gas recuperará os valores normais a partir de febreiro, así que pase o inverno. Será, xa que logo, unha retirada de "maneira gradual" das rebaixas aos impostos da electricidade e do gas

O Executivo acorda  unha retirada "gradual" das rebaixas aos impostos da electricidade e do gas

Foi o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, que confirmou que durante o primeiro semestre deste ano estenderase o IVE ao 0% dos alimentos básicos e ao 5% das pastas e dos aceites, así como a suspensións dos desafiuzamentos e lanzamentos para fogares vulnerables sen alternativa habitacional, unha medida acordada con EH Bildu, que aclara que abranguerá 2024 e 2025. 

Tamén se prorrogará o máximo desconto do bono social para familias en situación de vulnerabilidade e limitaranse as subas do prezo da tarifa regulada do gas e da bombona de butano. Segundo explicou Sánchez, e tal e como informa infoLibre, o Goberno central decidiu tamén manter durante todo o vindeiro ano os impostos extraordinarios ás entidades bancarias e ás enerxéticas, aínda que cunha modificación normativa: a partir do vindeiro 1 de xaneiro poderanse deducir os investimentos estratéxicos relacionados coa transición verde e incluirase un compromiso de revisión en 2024 como figura de carácter permanente. 

Pedro Sánchez presenta na Moncloa as medidas do escudo social © Goberno de España

Mantéñense os impostos extraordinarios á banca e ás enerxéticas, aínda que a dedución aos investimentos destas últimas amolou a Sumar: "É un regalo fiscal"

Sobre esa posibilidade de dedución de investimentos enerxéticos, a líder de Sumar e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, deixou claro o seu desacordo e cualificou a medida de "rebaixa" e "regalo fiscal" para as grandes compañías do sector. "Non compartimos unha rebaixa fiscal ao imposto das grandes enerxéticas cando estas empresas teñen beneficios moito maiores que no resto de Europa e a xente o está pasando mal", asegurou. 

O Real Decreto-Lei negociado ata última hora entre PSOE e Sumar inclúe tamén acordos con outras forzas que apoian o Executivo, como o alcanzado co PNV para incluír os impostos á banca e ás enerxéticas no réxime foral do País Vasco.

Por outra banda, entre as medidas do denominado escudo social Sánchez destacou a revalorización das pensións de xubilación ao 3,8%, conforme ao IPC, "unha das principais conquistas consolidadas durante os últimos catro anos". E anunciou tamén que se eliminarán as comisións por retirada de efectivo nas oficinas bancarias para as persoas maiores e con discapacidade, así como as comisións ou compensacións bancarias por amortización anticipada de créditos a tipo variable.

A ministra Yolanda Díaz, durante unha rolda de prensa, nunha foto de arquivo © Ministerio de Traballo

O Goberno central cederá a xestión do IMV á Xunta

Entre as medidas anunciadas polo Goberno, Pedro Sánchez anunciou tamén a cesión da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV) ás comunidades autónomas que o soliciten, unha demanda que a Xunta leva realizando anos. Tamén o mantemento de iniciativas de apoio á industria como a redución ao 80% das peaxes eléctricas para a industria electrointensiva —unha medida fundamental para empresas como Alcoa na Mariña— e flexibilidade nos cambios de contratos de subministro eléctrico. 

Ademais, Pedro Sánchez anunciou unha crise de Goberno para este venres, que se supón que suporán os cambios que provoca a marcha da ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, á presidencia do Banco Europeo de Investimentos. 

Na súa intervención, na que fixo balance do ano que remata, Sánchez amosouse optimista sobre a situación económica e preocupado pola polarización política "asimétrica": "Hai xente que insulta e xente que somos insultados; hai partidos asediados e líderes que instan ao asedio destas forzas políticas". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.