Ourense, mediados de maio de 2019. O goberno en minoría da única cidade con alcaldía do PP, encabezado polo ex-conselleiro Jesús Vázquez, non as ten todas consigo para recuncar. Hai poucas semanas que, nas eleccións xerais, o Partido Popular non logrou ser a forza máis votada en Galicia por primeira vez dende a súa fundación con estas siglas ao ser superado polo PSdeG. O efecto Pedro Sánchez impulsa as candidaturas locais socialistas e ademais, no caso ourensán, a hipótese de que o hiperlocalista e populista Gonzalo Pérez Jácome acabe erguendo o bastón de mando xa non semella tan disparatada como noutrora.
En 2019 o PP de Feijóo pasou en menos dun mes de sinalar a Jácome como "letal" para Ourense a entregarlle a alcaldía da cidade
Con este pano de fondo, o daquela presidente da Xunta e do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, concedía unha unha entrevista ao xornal La Región na que unha das súas principais ideas forza era previr fronte aos supostos perigos de Democracia Ourensana. "Para Ourense sería letal tener a Jácome de alcalde", advertía, instando o electorado da terceira cidade do país a elixir entre "dos opciones: tener un alcalde o tener un show político en cada pleno".

Tras o paso polas urnas os dous ascensos prognosticados cumpríronse. O PSdeG foi a primeira forza en Ourense e o PP, a segunda, con máis votos pero empatando en edís coa terceira, DO. Apenas tres semanas despois, na véspera da constitución da nova corporación, o PP acordaba con Jácome entregarlle a alcaldía, mesmo sacrificando no movemento ao seu propio candidato a cambio de que DO garantise a permanencia de José Manuel Baltar na presidencia da Deputación. Jácome deixaba de ser "letal" para Feijóo, que non obstante culpou da operación -asinada co visto e prace da dirección galega- aos socialistas, por non permitiren a investidura de Baltar.
As posturas actuais do PP a respecto dun eventual acordo con Junts para unha moción de censura contra Pedro Sánchez riman inevitablemente cos sucesos ourensáns de hai media década, avalados pola mesma cúpula partidaria que agora comanda o partido a nivel estatal
Para quen coñeza aqueles sucesos ourensáns de hai case seis anos resulta practicamente inevitable atopar reflexos ou, cando menos, certas rimas históricas nas posicións políticas dos últimos días da actual dirección estatal do PP, comandada polo ex-presidente e a mesma cúpula coa que gobernou Galicia, a respecto de Junts per Catalunya. Feijóo, Miguel Tellado e outros dirixentes abríronse nas últimas semanas a acordos co partido de Carles Puigdemont para propiciar derrotas parlamentarias ao Goberno de España e, nos últimos días, mesmo para unha moción de censura.
Despois de que Santiago Abascal afirmase que estaría disposto a apoiar unha censura a Pedro Sánchez con Feijóo como candidato aínda que isto implicase que os votos da extrema dereita de Vox se sumasen aos de Junts, Feijóo foi cuestionado ao respecto esta semana en Onda Cero. E a súa resposta foi que "sobran razóns" para unha moción de censura pero "faltan votos", pero que se eses votos chegasen pola vía da formación independentista catalá, si estaría disposto a encabezala co obxectivo, afirma, de "convocar eleccións". De chamar a eleccións xerais como presidente do Goberno de España.

Como en Ourense en 2019, a culpa deste acordo cunha formación á que os populares descualificaron durante anos como inimiga de España e mesmo próxima ao terrorismo non sería, no caso de chegar a producirse, cousa do PP. O responsable, outra volta para Feijóo, sería o Partido Socialista. Os de Sánchez, acusa, someten o Estado a un "disparate permanente" e amosan "tics antidemocráticos" que o obrigan, di, a explorar todas as opcións para poñer fin á lexislatura.
Nesa virtual suma estaría tamén a extrema dereita de Vox, que xa perdeu 'letalidade' para Feijóo hai tempo
Nesa virtual suma, daquela, estaría tamén Vox. A formación ultra, en todo caso, xa perdeu para Feijóo letalidade hai máis tempo. Comezou a facelo en 2019, cando considerou que os acordos do PP con Abascal en Andalucía eran "homologables a calquera goberno europeo", e continuou en 2022, cando na súa estrea como líder estatal do partido xustificou como "lexítimo" o pacto para gobernar en bipartito en Castilla y León e culpou, como antes en Ourense, ao PSOE.
Despois, en 2023, sancionaría mesmo con máis normalidade outros bipartitos autonómicos con Vox en Extremadura ou a Comunitat Valenciana. No caso valenciano a contorna de Feijóo alegou como único pero que a alianza chegou rápido de máis, ao anunciarse antes das eleccións xerais de xullo dese ano, propiciando unha imaxe de achegamento á extrema dereita que, consideraron, prexudicou a súa imaxe de moderación e deu argumentos ao PSOE.
Junts, non obstante, segue xogando a varias bandas e acepta seguir negociando co PSOE
Os brazos abertos do PP aos votos de Junts para facer presidente a Feijóo semellan, en calquera caso, cada vez máis obvios. E as rimas co acontecido en Ourense preséntase como máis evidentes mentres, non obstante, diversas análises redactadas en clave madrileña adxectivan con estupefacción o que sinalan como inédita viraxe do anterior titular da Xunta.
Todo isto sucede nun contexto no que, non obstante, a formación catalá segue xogando a varias bandas. Así, este mesmo sábado Junts confirmabana aceptación dunha nova xuntanza co PSOE en Suíza para tentaren reconducir os acordos aos que ambos partidos chegaron para a investidura de Sánchez, os mesmos que tiveron a lei de amnistía como punto principal. Apenas vinte e catro horas antes, Puigdemont anunciaba en conferencia de prensa a suspensión das conversas cos socialistas.