O segundo mandato de Donald Trump e Galicia

  • Editorial
Prensa internacional reflectindo a segunda vitoria de Trump en novembro de 2024 CC-BY-SA The Now Time / Unsplash

Ficará nas crónicas xornalísticas que o tempo que acompañou este 20 de xaneiro de 2025 a segunda toma de posesión de Donald Trump foi glacial. 

As temperaturas debalan por baixo do punto de conxelación ao tempo que Donald Trump ascende de novo á presidencia do país máis poderoso do mundo: se cadra esta sexa a metáfora do que vai acontecer durante os vindeiros catro anos co clima democrático do xigante estadounidense. 

Se algo demostra o comeback de Trump á Casa Branca é a hexemonía da maquinaria de guerra construída pola oligarquía capitalista branca dos EUA na defensa dos seus intereses

Catro anos non foron suficientes para encausar Trump polo golpe de Estado intentado co asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro do 2021. Se algo demostra o comeback de Trump á Casa Branca é a hexemonía da maquinaria de guerra construída pola oligarquía capitalista branca dos EUA na defensa dos seus intereses; esa capacidade para convencer a gran parte da poboación estadounidense pobre e aldraxada de que a súa oferta política –autocracia no plano político e turbocapitalismo imperialista no económico– é a necesaria neste momento histórico no que o conxunto da civilización actual debería afrontar decididamente o colapso climático e debería facelo en termos de tránsito a outro sistema económico de produción e consumo. 

Donald Trump, nun cumio da OTAN na súa anterior etapa como presidente dos Estados Unidos CC-BY-NC-SA NATO

A aleación de mesianismo nacionalista, crispación contra o adversario político, feroz neoliberalismo interno, proteccionismo económico e imperialismo externo vai camiño de converter este momento histórico no preludio dun longo momento histérico para o conxunto do planeta. O decisionismo político-empresarial do Partido Republicano reforzará a presidencia fronte aos poderes lexislativos (Senado e Cámara de Representantes); o poder xudicial xa foi controlado cos nomeamentos do anterior mandato 2016-2020; e o cuarto poder fica desactivado pola penetración da plutocracia económica na dirección dos grupos de comunicación e as redes sociais. Neste segundo mandato, os EUA serán para Trump, Elon Musk e todos os doadores do Partido Republicano, a grande empresa MAGA (make America great again) que eles gobernarán con man de ferro, pisando as regulacións que faga falta –velaí o desenganche dos tratados internacionais de libre comercio, e o crecente desprezo do Dereito Internacional– para que ofreza resultados certos. 

O correlato da deterioración dos míticos checks and balances da Constitución americana (desde o rule of law até a liberdade de prensa), será, sen dúbida, o agravamento global das dinámicas económicas de explotación dos recursos naturais, da acumulación dos beneficios en poucas mans, da fenda social e territorial que iso provoca e, en definitiva, de agravamento do colapso climático que vivimos. A vitoria de Trump supón neste sentido un novo e decisivo triunfo da Internacional Reaccionaria e da súa axenda imperialista, antidemocrática, xenófoba, machista e negacionista climática. Na Europa, dará azos ás forzas de extrema dereita que en España, Alemania, Francia, Austria ou Holanda pugnan por seguir o camiño de Italia ou Hungría.

Un partido con dirixencia perfectamente integrada na visión da Internacional Reaccionaria leva gobernando Galicia desde hai 16 anos

É por iso que o novo mandato de Donald Trump 2025-2028 afecta moi directamente ao noso país. Un partido con dirixencia perfectamente integrada na visión da Internacional Reaccionaria leva gobernando Galicia desde hai 16 anos, tras lograr unha primeira vitoria seguindo un manual prototrumpista que agora, en pleno 2025, ao ser posto en práctica dende a madrileña rúa de Génova disque provoca abraios a prensa e analistas que, cos cinco sentidos na M-30, só albiscaban moderación, sentidiño e Xacobeo cando lles cadraba ollar aquén Padornelo. En San Caetano continuarán durante o mandato de Trump. 

Tamén cabe a posibilidade de que, durante o período 2025-2028 vexamos caer o goberno do Estado nas mans das sucursais españolas da Internacional Reaccionaria. A abrumadora cantidade de recursos económicos e tecnolóxicos destinados a logralo irá en aumento e os escrúpulos do PP para aproveitar a onda, en sentido inverso.

É responsabilidade de toda a cidadanía demócrata, especialmente da esquerda e das súas múltiples organizacións, federar esforzos para construír contrahexemonía fronte a unha Internacional Reaccionaria dotada dun poder en constante crecemento

A única noticia boa do segundo mandato de Trump é que –agás modificación da 22 Emenda– será o derradeiro. Non sabemos que pasará nestes vindeiros catro anos, nin quen virá despois á fronte do Partido Republicano. Mais é responsabilidade de toda a cidadanía demócrata, especialmente da esquerda e das súas múltiples organizacións (políticas, sindicais, sociais), federar esforzos para construír contrahexemonía fronte a unha Internacional Reaccionaria dotada dun poder en constante crecemento. Aquela vella consigna da nosa tradición histórica, o vello “Groupons-nous, et demain, L’Internationale sera le genre humain” do II Internacional, é cada vez máis necesaria para rearmar un discurso racional de resistencias solidarias fronte ás lóxicas suicidas da axenda reaccionaria. 

Se queremos afrontar os graves problemas da humanidade, o local precisa pensarse neste panorama global, e a resposta global precisa articularse sobre o local. Neste tempo que se abre, Praza Pública seguirá contando contigo para achegar información veraz e independente desde abaixo, cos pés a rentes da nosa Terra, a ese empeño común.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.