Sánchez pacta con Junts recuperar as medidas sociais que derrogaron canda PP e Vox

Pedro Sánchez, presidindo a Executiva do PSOE este pasado luns CC-BY-NC-ND Eva Ercolanese / PSOE

A suba das pensións, os abonos gratuítos e demais axudas ao transporte público ou a suspensión de desafiuzamentos volverán estar en vigor

Unha negociación tan ao límite con Junts per Catalunya que mesmo provocou o atraso do Consello de Ministros deste martes. E cun peso político e social tan relevante que o resultado non o comunicou a voceira do Goberno de España nin ningunha outra ministra ou ministro, senón o propio presidente.

Foi así Pedro Sánchez quen puxo voz este martes ao resultado das discretas negociacións que, como informa Antonio Ruiz Valdivia en infoLibre, mantiveron os socialistas co partido de Carles Puigdemont. Tratábase de tentar reactivar todas as medidas posibles que quedaron derrogadas a pasada semana tras sumaren os seus votos no Congreso cos do PP e Vox no "non" ao coñecido como decreto ómnibus, por incluír múltiplas decisións moi dispares entre si. 

Pedro Sánchez anuncia as medidas sociais que volverán estar en vigor, este 28 de xaneiro tras o Consello de Ministros

Á espera do que fique reflectido no Boletín Oficial do Estado, segundo avanza Sánchez o pactado inclúe 29 medidas concretas, a comezar polos emblemas do anterior decreto: a revalorización das pensións (cunha suba xeral do 2,8%, en liña co incremento dos prezos). Tamén volve quedar como estaban as subvencións ao transporte público -abonos gratuítos incluídos- ou o incremento do ingreso mínimo vital -non así o do salario mínimo, como inicialmente transcendeu-.

A formación catalá consegue deixar fóra as medidas económicas, incluíndo as achegas do financiamento autonómico que supuñan uns 700 millóns para Galicia, e que o Congreso vote a súa petición de que Sánchez se someta a unha cuestión de confianza, que non terá efectos prácticos

Do mesmo xeito, sempre segundo o explicado polo presidente do Goberno de España ante os medios, volverán estar activas as suspensións dos desafiuzamentos para persoas vulnerables sen alternativa habitacional. Neste punto, non obstante, o acordo con Junts inclúe activar xa o "sistema de garantías públicas" que xa anunciara o propio Sánchez a mediados de mes para, explicara, asegurar á propiedade o cobro do alugueiro no caso de impagamentos por parte de persoas nesa situación.

Á marxe das medidas sociais, o novo decreto -que entrará en vigor en canto estea publicado no BOE e que deberá ser convalidado no Congreso, desta volta a priori sen problemas dado o pacto con Junts- non inclúe outras en materia económica, segundo explica Junts nun comunicado. Así, todas as modificacións en materia de impostos fican para outras negociacións e tampouco vai neste paquete a actualización das chamadas entregas a conta, un mecanismo do -caducado- sistema de financiamento autonómico que, segundo os cálculos do Ministerio de Facenda, implicaba para Galicia uns 700 millóns adicionais este ano.

A recuperación das medidas sociais inclúe as subvencións ao transporte público CC-BY-SA Xunta

Xunto con estes acordos máis tanxibles, Junts consegue outro tanto máis político ou simbólico. O PSOE deixará de impedir que o Congreso dos Deputados tramite unha proposición non de lei na que os de Puigdemont reclaman a Sánchez se someta a unha cuestión de confianza. Como tal proposición non de lei, mesmo no caso de que chegue a aprobarse non é vinculante, isto é, non obriga o Goberno de España a aplicala, polo que Sánchez non someterá a súa continuidade no cargo a unha votación específica.

"Negociamos até a extenuación para seguir avanzando no benestar fronte ao negacionismo dos de sempre. Ao final, as cousas saen", afirma Sánchez

Afirma o presidente do Goberno de España que o acordo pechado agora é mostra de que "negociamos até a extenuación, buscamos o apoio en todas partes para seguir avanzando no benestar fronte ao negacionismo dos de sempre". "Ao final, as cousas saen", remarcou, tras uns días nos que, ao seu xuízo, ficou claro que "o Goberno de coalición progresista é o Goberno dos acordos, da redución das desigualdades e das reformas con paz social".

"Suamos a camiseta, non damos un partido por perdido e ao final as cousas saen e suceden a favor da maioría social", reiterou o socialista antes de transmitir as grazas aos grupos parlamentarios que permitirán sacar adiante as medidas. Neste sentido, coida que PP e Vox deberían saber que "lonxe de afectar ao Goberno de coalición, fannos máis fortes. Lémbrannos do que son capaces e a importancia de que a axenda social de progreso saia adiante, como pasou durante estes sete anos", asegura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.