Rueda asina con Feijóo manter a política de vivenda que deixou os pisos protexidos en mínimos

Rueda asina ante Feijóo a 'Declaración de Asturias', o pasado 12 de xaneiro. Por tras, gráfico coa evolución da vivenda protexida en Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal
Publicidade
Publicidade

Dende o inicio da actual lexislatura estatal o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo vén procurando acentuar o seu perfil presidenciable en España apoiándose no amplo poder territorial do que goza o PP dende as eleccións celebradas tamén en 2023 nunha decena de autonomías grazas, en boa medida, aos pactos coa extrema dereita. O actual líder dos populares vén xuntando os titulares das presidencias que controla, así como a outros membros dos seus gobernos, para imitar actos institucionais presididos por el mesmo nos que anuncia diversas medidas simultáneas e enfatiza que serían aínda máis e mellores se el mesmo as dirixise como presidente do Goberno de España.

Todas as autonomías do PP asinan co seu líder aplicar medidas de vivenda que, no caso galego, suporían en boa medida manter os plans da Xunta de Feijóo, os mesmos que o gabinete de Rueda está a emendar

O último destes encontros celebrouse a pasada fin de semana en Asturias e puxo o foco, entre outros asuntos, nas políticas de vivenda. Nesta materia os presidentes autonómicos do PP, Alfonso Rueda incluído, asinaron ante o líder do partido un documento comprometéndose a aplicar accións que, en boa medida, no caso galego suporían manter os plans aplicados pola Xunta mentres Feijóo foi o seu presidente. Os mesmos que reduciron a nova vivenda protexida á mínima expresión e que na actual lexislatura galega o gabinete de Rueda está, cando menos parcialmente, a emendar proxectando máis vivenda pública e protexida.

Nun contexto no que os populares circunscriben as "dificultades crecentes" no acceso á vivenda aos últimos "case sete anos" -os que leva Pedro Sánchez no Goberno-, o devandito documento centra en boa medida as promesas en rebaixas de impostos, como sucedeu en Galicia dende 2009. Xunto á recuperación das controvertidas deducións na declaración da renda por compra de vivenda, inclúen outras que paradoxalmente, se fosen aplicadas, obrigarían o Goberno de Rueda a subir o imposto de transmisións patrimoniais.

Publicidade
Publicidade

Se o actual Goberno galego aplicase integramente o asinado con Feijóo tería que subir un punto o imposto de transmisións patrimoniais na compra de primeira vivenda para mocidade

Así, o plan de Feijóo promete para este tributo un "tipo reducido ao 4% na adquisición de vivenda habitual para mocidade", "cos límites máximos" de renda que "determine" cada autonomía . En Galicia, como consta na memoria de beneficios fiscais dos Orzamentos Xerais deste 2025, a poboación menor de 36 xa pode acollerse a "un tipo de gravame reducido do 3%" neste imposto cando compra un piso destinado a ser vivenda habitual.

Alén das reducións de impostos, o asinado por Rueda ante Feijóo menciona plans como usar solos públicos de diverso tipo para "promocións de vivenda pública" ou de "vivendas protexidas de titularidade privada". Tamén "ofrecer incentivos a promotores e construtores" para que constrúan este tipo de edificios, "recuperando o modelo de éxito que permitiu facer unha España de propietarios nos anos 80 e 90", di a declaración do PP.

Década e media en mínimos e unha difícil recuperación

Esas promesas de facilitar a construción de vivenda pública en particular e protexida en xeral non van acompañadas no documento do PP por cifra ningunha. Isto é, non especifica cantos novos pisos coa protección dos gobernos poderían xurdir destes plans. As cifras que si están dispoñibles son as das vivendas protexidas efectivamente construídas nos últimos anos e o certo é que todos os indicadores falan dunha última década e media en mínimos, no caso galego.

Publicidade
Publicidade

Unha vez pasado o efecto da 'herdanza recibida' de PSdeG e BNG, a Xunta de Feijóo pasou varios anos con menos dunha decena de novos pisos protexidos cada ano. Entre 2015 e 2018 comezou a construción dun total de 16

Nesa profunda caída tivo unha obvia repercusión a crise financeira internacional, que a partir de 2008 deu lugar á gran recesión e, nomeadamente, a unha enorme contracción no financiamento por parte do sector bancario. Pero as cifras acreditan que, cando a construción de vivenda no mercado privado comezou a reactivarse -sen chegar, nin de lonxe, a niveis dos anos da burbulla inmobiliaria-, a vivenda protexida galega o fixo nunha medida moi inferior.

Dende o primeiro ano completo con Feijóo na presidencia (2010) e ata a súa dimisión (2022) en Galicia iniciouse a construción de 5.462 vivendas protexidas e finalizáronse 5.855, segundo os datos oficiais dispoñibles no Instituto Galego de Estatística e no Ministerio de Vivenda. Nese cómputo entran, como é obvio, promocións herdadas do Goberno anterior, isto é, pisos que decidiu construír o Executivo de coalición de PSdeG e BNG pero que non chegou a rematar e entregar.

No mandato de socialistas e nacionalistas -dende o seu primeiro ano completo, 2006, ata que perderon a Xunta en 2009- comezou a construción de 10.556 vivendas protexidas e rematáronse 11.602. Gran parte das finalizadas, tamén neste caso, proviñan dos gobernos de Fraga, con máis de 42.000 vivendas protexidas iniciadas e máis de 44.000 rematadas entre 1991 e 2005.

Publicidade
Publicidade

Dende o primeiro ano completo con Feijóo na presidencia (2010) e ata a súa dimisión en 2002 iniciouse en Galicia a construción de 5.462 vivendas protexidas. O goberno de Rueda promete 3.500 en catro anos 

A redución da vivenda protexida dispoñible en Galicia agudizouse cando desapareceron de todo os efectos da herdanza recibida. Así, durante catro anos -de 2015 a 2018- en Galicia comezáronse menos dunha decena de novas vivendas protexidas por exercicio (foron 16 en todo ese cuatrienio). Os números comezaron a remontar en 2020 e dende ese ano e ata setembro de 2024 -ata onde chegan os datos dispoñibles- iniciouse a construción de 1.086 vivendas protexidas.

Este milleiro de novos pisos encádrase en plans aguilloados pola chegada de fondos europeos de recuperación. Mais tamén, cando menos segundo o expresado polo actual Goberno galego, pola vontade de dar máis vigor á construción de vivenda protexida, o que na práctica supón emendar as políticas de Feijóo. O prometido pasa, concretamente, por rematar a lexislatura con 3.500 novas vivendas protexidas, o que supón cubrir apenas un 20% da demanda pero tamén dar lugar a significativos fitos como que, por exemplo, nunha cidade como Lugo a Xunta vaia construír pisos de protección por primeira vez dende a fin do Goberno de PSdeG e BNG.

Despece

Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.