Nos lugares que sexan declarados zonas tensionadas, a cifra superior da estimación marcará o límite do prezo mensual nos novos contratos de alugueiro de vivenda de grandes propietarios e en todos os novos contratos de inmobles que non estiveran arrendadas nos cinco anos anteriores
O Ministerio de Vivenda publicou este martes na súa web o Índice de Referencia de Prezos de Alugueiro, unha ferramenta que ofrece un abano de prezos, a título orientativo, para orientar na fixación da renda nos novos contratos de arrendamento de vivendas. Ademais, nos lugares que sexan declarados zonas de mercado residencial tensionado, de acordo coa Lei polo Dereito á Vivenda do pasado ano, a cifra superior da estimación marcará o límite do prezo mensual nos novos contratos de alugueiro de vivenda de grandes propietarios (con máis de 10 vivendas) e en todos os novos contratos de inmobles que non estiveran arrendadas nos cinco anos anteriores.
O obxectivo é controlar a escalada de prezos do alugueiro, que está a facer cada vez máis difícil o acceso a unha vivenda digna, especialmente para a mocidade, as familias monoparentais e as persoas con menos renda dispoñible. Dende o 2017 o prezo dos alugueiros medrou un 30% en Galicia, con aumentos que chegan ao 40% na Coruña, Vigo, Santiago ou Pontevedra. 2023 foi o ano no que máis se encareceu o prezo medio dos alugueiros nos últimos 15 anos, cun incremento do 8,25% no conxunto de Galicia
Nos últimos meses A Coruña e Compostela solicitaron publicamente que a Xunta accedese á declaración de zonas tensionadas nas dúas cidades. Porén, o Goberno galego vén resistíndose a estudar esta solución ao encarecemento da vivenda
Porén, máis aló de cumprir a primeira función orientativa, para que o Índice teña aplicacións prácticas os Gobernos autonómicos (que teñen as competencias en vivenda) deben primeiro declarar esas zonas tensionadas, algo que de momento só Catalunya baralla facer.
Nos últimos meses A Coruña e Compostela solicitaron publicamente que a Xunta accedese á declaración de zonas tensionadas nas dúas cidades, algo que nun primeiro momento o Goberno galego rexeitou por completo, aínda que posteriormente se abriu a estudar. Con todo, o pasado mes de decembro, pouco antes da convocatoria das eleccións do 18F, a conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, volveu descartar aplicar a figura das zonas tensionadas, malia recoñecer que "entre un 20% e un 30%" dos concellos galegos cumpren cos criterios para ser considerados zonas de mercado residencial tensionado.
A lei establece que unha zona pode ser considerada tensionada se os pagamentos realizados para o alugueiro da vivenda ou o pagamento da hipoteca máis os gastos de subministros básicos superan o 30% da renda media dos fogares nesa zona, ou se os prezos da vivenda subiron máis de 3 puntos do riba da variación do IPC nos cinco anos anteriores.
O Índice de Prezos de Referencia de Alugueiros
Unha proba rápida con varias consultas aleatorias amosa que os prezos indicativos a un alugueiro no centro das cidades galegas están moi por debaixo dos que na actualidade se están a demandar para un inmoble nestes lugares
O Índice presentado este martes (que se pode consultar neste enlace) ofrece un rango de prezos calculado principalmente en función do lugar no que se atope a vivenda, ademais de ter en conta outros factores como o estado do inmoble ou algunhas das súas características (se é un piso alto ou baixo, se ten garaxe...). Así, ofrece un prezo mínimo e un prezo máximo "porque non todas as vivendas son iguais”, en palabras do secretario de Estado de Vivenda, David Lucas.
Unha proba rápida con varias consultas aleatorias amosa que os prezos indicativos a un alugueiro no centro das cidades galegas están moi por debaixo dos que na actualidade se están a demandar para un inmoble nestes lugares. Por exemplo, a estimación de prezos para unha vivenda de dúas habitacións con garaxe nun cuarto andar na zona de Catro Camiños da Coruña duns 18 anos de antigüidade móvese entre os 450 e os 650 euros. A realidade é que este tipo de inmoble se está a ofrecer nesta zona por un prezo que se achega aos 900 euros.