Os 'boomers' cobran xubilacións altísimas? O 60% dos pensionistas galegos recibe menos de 15.000 euros ao ano

Unha muller pasea con dous anciáns, nun parque en Galicia CC-BY-SA Xunta

Vén gañando en intensidade un debate que pon o foco nun pretendido exceso de benestar das xeracións de máis idade, fronte aos obstáculos da mocidade, motivada especialmente pola crise da vivenda. Como son as pensións en Galicia? De verdade viven tan ben xubilados e xubiladas? Coma sempre, xa que "dato mata a relato", o mellor é acudir ás cifras

Nos últimos meses vén gañando en intensidade un debate, alimentado por artigos xornalísticos, publicacións en redes sociais e mesmo libros que pon o foco nun pretendido exceso de benestar material do que gozarían as xeracións de máis idade, fronte aos obstáculos que sofren as xeracións máis novas, motivadas principalmente pola dificultade no acceso á vivenda. Este debate, que sobre todo está a impulsar VOX e os sectores máis próximos á formación de ultradereita, alerta dunha presunta insostibilidade do sistema públicos de pensións e alenta un enfrontamento entre xeracións, ao tempo que fomenta o crecemento dos plans privados de pensións.

"A xeración do baby boom é a primeira que vive mellor que os seus fillos", lemos acotío. Esta aseveración, moi subxectiva e dificil de contrastar ao atender a moi diferentes cuestións -nas que a crise do acceso á vivenda é clave-, adoita simplificarse en "os boomers cobran pensións excesivas". A simplificación comeza no propio apelativo de boomer, que no Estado español se aplica ás persoas nacidas entre 1958 e 1975, maioritariamente aínda en idade activa (nos Estados Unidos, en cambio, abrangue os nacidos entre 1946 e 1964). E esténdese a unha lectura reducionista do colectivo de pensionistas, esquecendo fendas de xénero e de clase.

A pensión de xubilación media situouse o pasado ano nos 1.240 euros brutos ao mes, unha cifra que baixa ata os 969 euros ao mes no caso das mulleres. A cifra é de 871 euros para os e as pensionistas de máis de 85 anos (668 euros se son mulleres)

Coma sempre, xa que "dato mata a relato", o mellor é acudir ás cifras. Como son as pensións en Galicia? De verdade viven tan ben xubilados e xubiladas? A pensión de xubilación media situouse o pasado ano nos 1.240 euros brutos ao mes, unha cifra que baixa ata os 969 euros ao mes no caso das mulleres e ata 765 euros se falamos das pensións de viuvez. Uns valores, cómpre lembrar, moi inferiores á media española (a pensión de xubilación media roldaba o pasado ano os 1.441 euros mensuais).

As cifras son tamén moi distintas ao analizar os datos en función da idade das persoas perceptoras. A pensión media dos xubilados e xubiladas galegas entre 65 e 69 anos sitúase nos 1.436 euros ao mes (1.256 para as mulleres), debido ao incremento que nos últimos anos están rexistrando as contías cobradas polas persoas que acceden á xubilación. Porén, o importe medio descende ata os 1.069 euros nos xubilados e xubiladas entre 80 e 84 anos (779 euros mensuais para as mulleres) e baixa ata os 871 euros para os e as pensionistas de máis de 85 anos (668 euros se son mulleres).

O 30,4% das pensións (35,5% no caso das mulleres) non acadan o nivel da Pensión Mínima Interprofesional (PMI), fixada nos 10.406 euros ao ano

Canto cobran, pois, os e as pensionistas galegas cada ano? Se acudimos aos datos fiscais que publica a axencia tributaria vemos que unha maioría das pensións galegas non superan os 15.000 euros brutos anuais, cifras moi afastadas dun suposto exceso ou trato de favor. Os valores, que teñen en conta todo tipo de pensións -xubilación, viuvez, incapacidade permanente, orfandade...- e todos os grupos de idade, amosan que o 30,4% das pensións (35,5% no caso das mulleres) non acadan o nivel da Pensión Mínima Interprofesional (PMI), fixada nos 10.406 euros ao ano.

O 62,5% das pensións non pasan dos 15.609 euros anuais, unha porcentaxe que se eleva ata os 73% se falamos das mulleres

E vemos, igualmente, como o 62,5% das pensións non pasan dos 15.609 euros anuais, unha porcentaxe que se eleva ata os 73% se falamos das mulleres. 

Tan só o 25% das pensións cobradas en Galicia superan os 21.000 euros anuais, unha porcentaxe que é maior nos homes (34,2%) pero que descende no caso das mulleres ata o 17,6%.

É certo é que o importe medio das pensións de xubilación en Galicia leva anos experimentando un ascenso constante. A pensión media pasou de 674 euros no ano 2008 a 1.240 na actualidade, practicamente duplicando a súa contía en 17 anos (+84%). É difícil pensar que isto poida ser visto como algo negativo

O que si é certo é que o importe medio das pensións de xubilación en Galicia leva anos experimentando un ascenso constante, superior ao que tiveron por exemplo os salarios, especialmente na primeira metade da pasada década, cando os soldos ficaron conxelados. A pensión de xubilación media pasou de 674 euros no ano 2008 a 1.240 euros na actualidade, practicamente duplicando a súa contía en 17 anos (+84%). Porcentualmente o incremento foi mesmo superior no caso das mulleres (+91%) que no dos homes (+80,7%). 

A suba débese en parte a un aumento nas contías das novas altas, é dicir, nas pensións que pasaron a cobrar os traballadores e traballadoras que se xubilaron nas últimas dúas décadas, con bases de cotización moi superiores ás das persoas que se xubilaran en anos anteriores, especialmente no caso das mulleres. É difícil entender que isto poida ser visto como algo negativo.

É certo que a estabilidade que se conferiu ás pensións de xubilación e seu progresivo incremento fixo que descendese de forma moi importante a porcentaxe de poboación maior de 65 anos que vive en risco de pobreza. Hoxe a pobreza afecta principalmente a familias máis novas e con fillos menores

En críticas que se poden ler estes días a un suposto exceso nas pensións cobradas polos xubilados e xubiladas adóitase comparar as súas contías cos salarios que cobra os menores de 35 anos, mozos e mozas que veñen de incorporarse ao mercado laboral e que sofre un importante nivel de precariedade. Unha precariedade que ás veces parece que se desexe ver estendida ás pensións cobradas polas persoas de maior idade.

Cómpre lembrar, en calquera caso, que o salario medio en Galicia se sitúa (dato de 2023, último dispoñible) nos 1.806 euros brutos mensuais. E que o salario medio mensual dos traballadores e traballadoras entre 25 e 34 anos rolda os 1.434 euros, claramente por riba hai dous anos da pensión media (1.174 euros) e lixeiramente superior á contía das novas altas (1.302 euros).

A énfase nun enfrontamento xeracional (e de ataque ao sistema público de pensións) está procurando ocultar outros enfoques nos que a clase ten máis importancia

É certo, iso si, que a estabilidade que se conferiu ás pensións de xubilación e seu progresivo incremento fixo que, por exemplo, descendese de forma moi importante a porcentaxe de poboación maior de 65 anos que vive en risco de pobreza, do 21% en 2007 ao 10% na actualidade e que, en cambio, se mantivese estable o peso da poboación nova que sofre esta situación de pobreza ou exclusión social, que afecta principalmente a familias con menores ao seu cargo e monoparentais.

A precariedade laboral, a perda de poder adquisitivo de moitos salarios e sobre todo, as dificultades de acceso a unha vivenda digna -especialmente motivadas pola escalada do prezo dos alugueiros- teñen a culpa. Nunha nova guerra do último contra o penúltimo, a énfase nun enfrontamento xeracional (e de ataque ao sistema público de pensións) está procurando ocultar outros enfoques nos que a clase social ten máis importancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.