Unha investigación do ente fiscalizador revela que 9 das 12 oficinas da provincia coruñesa carecían de citas dispoñibles ou estas tiñan unha "demora significativa"
O Tribunal de Cuentas, ente independente fiscalizador das administracións estatais, vén de facer público un informe sobre a atención á cidadanía por parte da Seguridade Social. A análise incluíu unha investigación con simulacións de peticións de citas para tramitar pensións en oficinas de todo o Estado en dous momentos do pasado ano, os días 28 e 29 de febreiro e 17 e 31 de outubro. E A Coruña situouse como unha das provincias de todo o Estado con maiores dificultades para obter cita.
A fiscalización realizada polo Tribunal de Cuentas parte das actuacións de oficio iniciadas en 2022 polo Defensor de Pueblo ante as dificultades da cidadanía para acceder a todo tipo de servizos públicos polos obstáculos para obter unha cita postos polas administracións. Ás restricións á atención presencial impostas pola pandemia da COVID-19 sumouse no caso da Seguridade Social un aumento da demanda pola implantación a medados de 2020 do Ingreso Mínimo Vital.
No caso da Seguridade Social o Defensor del Pueblo, lembra o Tribunal de Cuentas, "urxiu a necesidade de adoptar un plan de choque" para reforzar persoal, ampliar horarios, atender sen cita e prestar "especial atención ao colectivo de cidadáns afectados pola brecha dixital e en situación de vulnerabilidade social". Para avaliar como se está a mellorar a atención Cuentas realizou diversas actuacións de fiscalización, entre elas simulacións de peticións de citas para a opción "con maior volume potencial de cidadáns interesados que é a de Solicitude de prensións".
A análise do Tribunal de Cuentas non detectou eivas nas oficinas de Lugo e Ourense e reflicte unha melloría no caso de Pontevedra
As posibles incidencias atopadas encadráronse en tres categorías: "non hai dispoñibilidade de cita", "hai dispoñibilidade, pero cunha demora significativa" e "hai dispoñibilidade, pero, exclusivamente, para o día consultado ou o seguinte". No caso da provincia da Coruña, con 12 oficinas da Seguridade Social, en febreiro Cuentas analizou 4 e detectou que non era posible conseguir cita en 3 delas ás que estaba asignado o 33,37% da poboación da provincia. Oito meses despois, en outubro, realizou a mesma proba nas 12 oficinas da provincia e o resultado foi peor, con 3 delas sen posibilidade de obter cita e outras seis cunha "demora significativa", co 93,72% da poboación potencial afectada.

A mesma análise no resto de provincia galegas ofreceu mellores resultados. Segundo o Tribunal de Cuentas en Pontevedra analizáronse nas dúas ocasións as 11 oficinas que hai na provincia e se en febreiro en dúas delas había demoras, en outubro xa non se detectou ningunha incidencia. Cuentas tampouco detectou ningunha incidencia nas 7 oficinas de Lugo e 6 de Ourense que analizou.
O ente fiscalizador non só analizou as oficinas da Seguridade Social senón tamén as do Instituto Social da Mariña, e neste caso o seu informe é favorable no caso das oficinas existentes en Galicia. Así, salienta que das cinco únicas oficinas do ente en todo o Estado con "persoal exclusivo de atención" ao público, tres están en Galicia: A Coruña, Vigo e Vilagarcía de Arousa, mentres que non había esa figura na de Lugo.

O Tribunal de Cuentas recomenda estudar a posibilidade de outorgar de oficio determinadas prestacións para así evitar esperas da cidadanía
Ante as eivas detectadas en todo o Estado, o Tribunal de Cuentas emite diversas recomendacións de mellora á Seguridade Social: estudar a posibilidade de que determinadas prestacións sexan recoñecidas de oficio sen que a cidadanía teña que solicitalas, mellorar a formación do seu persoal, mellorar a información para colectivos vulnerables ou de atención urxente que poden ser atendidos sen cita previa ou actualizar a información dispoñible sobre as posibles canles de atención e trámites dispoñibles en cada unha delas.