O Tribunal Superior de Galicia di que a administración non pode pedirlle "un documento formalmente subscrito, que non se esixe na norma" co alugueiro do cuarto por 50 euros, que a xustiza considera probado
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) segue corrixindo negativas da Seguridade Social a outorgar o Ingreso Mínimo Vital (IMV) a persoas que cumpren os requisitos para recibilo pero que o ven rexeitado co argumento de que os seus lugares de residencia non lles darían dereito a obter a prestación. Así o fai agora co caso dun home que vive de alugueiro en Pontevedra nunha habitación pola que paga 50 euros ao mes e que malia contar con informe favorable dos servizos sociais viu rexeitada o a súa petición da axuda.
Cinco anos despois da súa posta en marcha, hai tempo que os tribunais veñen rexeitando todo tipo de argumentos da Seguridade Social para denegar o IMV por supostas irregularidades nos domicilios nos que residen as persoas que solicitan a axuda, sexa por erros do padrón que non se corresponden coa realidade ou por fillos con custodia compartida que durante o ano residen en distintos domicilios. Agora a sentenza que vén de facer pública o TSXG revela o caso dun home vendedor ambulante que reside nunha vivenda compartida de Pontevedra na que paga un alugueiro de 50 euros por unha habitación.
A Seguridade Social denegoulle o IMV porque na mesma vivenda, segundo a sentenza, "estaban empadroadas varias persoas, polo que se presume que desfruta de todo o domicilio e non cumpre o requisito de domicilio independente do resto de convivintes". Ademais, o contrato de alugueiro da vivenda estaba a nome doutra persoa e non permitía o subarrendamento.
Ante a negativa da Seguridade Social o home recorreu á xustiza e un xulgado do Social de Pontevedra deulle a razón. Pero a Seguridade Social teimou en recorrer e agora é o Tribunal Superior de Galicia o que ratifica que ten dereito á axuda. A sentenza considera "fora da realidade" pretender que o home acredite o alugueiro da súa habitación por 50 euros "mediante un documento formalmente subscrito, que non se esixe na norma, e estimamos suficiente que se entenda probado que o demandante ocupa unha habitación da vivenda arrendada por outra persoa".
Novamente o recoñecemento xudicial da axuda chega moito tempo despois da petición, que o afectado solicitou por primeira vez en novembro de 2020
"Que o contrato de arrendamento prohiba o subarrendamento, como se sinala (non consta nos feitos probados), tampouco supón obstáculo para acadar esta conclusión, pois tal circunstancia nin sequera ten que ser coñecida polo solicitante", engade a sentenza. Unha resolución que reitera que un certificado dos servizos sociais establece "a inexistencia de vínculos de parentesco coas persoas que convive e que ten alugada unha habitación en piso compartido", cuestión que non foi cuestionada na tramitación do expediente, " polo que, de estimarse insuficiente, a Administración debeu solicitar a súa subsanación".
Así que TSXG conclúe considerando "que o demandante reúne os requisitos para o acceso á prestación solicitada". Novamente, como en moitos casos anteriores, o recoñecemento xudicial chega moito tempo despois da petición da axuda, que solicitou por primeira vez en novembro de 2020.