O tribunal galego dille ao Estado que o seu requisito para obter a prestación de convivir seis meses seguidos cun menor é equivalente a facelo todo un ano en semanas alternas se así o estableceu unha sentenza dun xulgado de Familia
O Ingreso Mínimo Vital (IMV), con máis de 72.000 persoas beneficiarias en Galicia, cóbrase en función dos integrantes de cada fogar, o que a Seguridade Social denomina unidade de convivencia, de aí o esforzo do Estado en acreditar a estabilidade deses fogares e que non haxa duplicidades de persoas beneficiarias por un mesmo dereito. Por exemplo, que a existencia dun menor de idade, que dá dereito a un maior IMV, non se impute a dúas unidades de convivencia distintas.
Iso é un problema para proxenitores divorciados con custodias compartidas, xa que a Seguridade Social está a denegar prestacións por considerar que a persoa solicitante non ten con ela o suficiente tempo o menor que lle daría dereito ao IMV. Unhas denegacións da axuda que se producen mesmo cando hai probas desa unidade de convivencia, como certifican varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Unha desas sentenzas do tribunal, con data do 9 de xaneiro, relata o caso dun home con 8.200 euros netos de ingresos ao ano e coa custodia compartida dun fillo en semanas alternas ao que a Seguridade Social retirou o IMV. A presenza do fillo daríalle dereito a unha contía á que non podería acceder se vivise só e o argumento do Estado para denegarlla foi "por non constituír a unidade de convivencia durante cando menos seis meses de forma continuada". Para iso esgrimiu que o menor non estaba empadroado no domicilio do pai, malia que a xustiza vén sentenciando que ese rexistro ten erros e pode ser contradito con outras probas, como existían neste caso.
A xustiza vén condenando de xeito reiterado ao Estado por denegar o IMV alegando datos do padrón que non se corresponden coa realidade dos fogares
O home recorreu ante un xulgado do Social que lle deu a razón e o dereito ao IMV, pero a Seguridade Social insistiu na súa postura contraria e recorreu ante o TSXG. Este avala agora a primeira sentenza e a postura do home e salienta que a custodia compartida do menor entre a nai e o pai en semanas alternas foi establecida por sentenza xudicial, que fixou tamén que o neno estaría empadroado nun ou noutro domicilio en anos alternos. Por iso cando o pai pediu o IMV o menor non estaba empadroado no seu domicilio malia que si residía con el cada dúas semanas.
O TSXG salienta que "a finalidade da norma, no caso das custodias compartidas, é que non se produzan situacións fraudulentas que permitan a ambos proxenitores acceder simultaneamente ao Ingreso Mínimo Vital", xa que a lei establece que "en ningún caso unha mesma persoa poderá formar parte de dúas ou máis unidades de convivencia". Un "fraude que non se acreditou que ocorra no presente caso" xa que o solicitante "forma co seu fillo, sobre o que ten recoñecida unha custodia compartida por semanas, unha unidade de convivencia, que dura cando menos seis meses ao ano".
Esta situación no é nova. Hai uns meses o TSXG xa corrixira outra denegación similar do IMV por parte da Seguridade Social. Naquel caso o home solicitante tamén tiña a custodia compartida de dous fillos a partes iguais coa súa ex-muller "alternando a convivencia con cada un dos proxenitores cada semana nos seus respectivos domicilios". Porén, como os fillos estaban empadroados no domicilio da nai, a Seguridade Social tampouco os tivo en conta como parte da unidade de convivencia do pai.
O home tivo que recorrer igualmente a un xulgado do Social, que lle deu a razón, pero o Estado teimou en recorrer e o TSXG acabou ratificando o dereito ao IMV interpretando novamente que o feito de que os fillos vivan co home un total de semanas ao ano equivalentes a medio ano dáballe o dereito a recibir a axuda.
Porén, as sentenzas do TSXG ratificando estes dereitos acaban chegando dous ou tres anos despois de que a Seguridade Social denegase ou retirase o IMV.