800 desafiuzamentos en Galicia entre a incerteza sobre a moratoria

Edificios de vivendas no barrio vigués de Navia © Concello de Vigo

O 31 de decembro expira a última prórroga da suspensión extraordinaria de desaloxos para persoas en situación de vulnerabilidade incursas en xuízos por impagamentos de alugueiro

O escudo social prorrogado o pasado febreiro tras intensas negociacións do Goberno de España con Junts per Catalunya, que canda PP e Vox provocara inicialmente a súa derrogación, incluíu a coñecida como moratoria dos desafiuzamentos. Esa medida permite que as persoas incursas nun proceso xudicial de desafiuzamento por impagamento do alugueiro se poidan acoller a "un incidente de suspensión extraordinaria" do desaloxo se acreditan, a través dos servizos sociais correspondentes, estaren nunha situación de vulnerabilidade económica -segundo os criterios legais- "que imposibilite atopar alternativa habitacional".

O propio Real Decreto-Lei subliñaba que o carácter da suspensión destes desafiuzamentos era "extraordinario e temporal". E que se trataba dunha medida concibida para "deixar de surtir efecto o 31 de decembro de 2025", isto é, en apenas semanas e media tras un ano no que Galicia rexistrou cando menos 800 desafiuzamentos. Unha cifra que, advirten entidades sociais, pode alargarse amplamente se o Goberno de España non decide prorrogar a suspensión ou se o fai pero non acha apoios parlamentarios dabondo para mantela en pé.

Nos últimos días o Consello Xeral do Poder Xudicial actualizou coas cifras do terceiro trimestre do ano a súa serie de estatísticas económicas inaugurada durante a gran recesión -de feito, séguea denominando Efecto da crise nos órganos xudiciais-, que inclúe os datos de lanzamentos, isto é, de desafiuzamentos que chegan a realizarse. E o resultado é que, de xaneiro a setembro, o noso país rexistrara cando menos 812 desaloxos, a súa gran maioría (714, case o 90%) en vivendas alugadas.

Galicia acumula cando menos 812 desafiuzamentos no que vai de ano, o 90% en vivendas alugadas. Entidades sociais reclaman que a moratoria sexa unha medida permanente e, sobre todo, que vaia acompañada de "alternativas de vivenda efectivas" para a poboación afectada

Esta é a suma resultante de agregar os datos do terceiro trimestre: 173 desafiuzamentos por impagamentos de arrendamento e 34 derivados de execución hipotecaria. Son unha vintena máis que no mesmo trimestre do ano previo, incremento que resulta significativo porque as cifras son, neste caso, unha estimación provisional dos servizos estatísticos do Poder Xudicial ao estar, polo momento, incompletos os datos de 64 partidos xudiciais de todo o Estado, entre eles os de Arzúa, Cambados, Monforte, Negreira, Ordes, Ortigueira, Padrón e Xinzo.

Coa devandita moratoria como pano de fondo, entre outras circunstancias, as cifras de desafiuzamentos acumulan un trienio de relativa estabilidade en Galicia, cuns 300 por trimestre. É, a grandes trazos, a metade dos rexistros dos peores anos da gran recesión e tamén dos previos á pandemia da COVID, momento tras o cal o Goberno de España comezou a incorporar medidas paliativas. 

Edificios de vivendas no barrio coruñés de Monte Alto CC-BY-NC-SA Praza.gal

Neste sentido, as entidades sociais asinantes do manifesto Nin un desafiuzamento máis, que reclaman a continuidade e estabilización da moratoria, estiman en case 60.000 os desaloxos parados en catro anos por unha suspensión coa que son críticos por considerárena incompleta, pero cuxa desaparición, advirten, sería moito peor. Cómpre, consideran, virar os mecanismos de suspensión en permanentes, unha "solución estrutural" acompañada "dun orzamento ambicioso" para "garantir e axilizar de maneira efectiva alternativas de vivenda" ás persoas afectadas. Así o trasladaron nas últimas semanas a representantes no Congreso de PSOE, SUmar, ERC, Bildu, PNV, Podemos, BNG e Junts.

Ocupación residual, outra volta

O Poder Xudicial volve acreditar a escaseza das ocupacións ilegais, con 11 demandas en tres meses en Galicia

A devandita serie estatística do Poder Xudicial inclúe, como adoito, información sobre os casos de ocupacións ilegais de vivendas que ingresan nos xulgados. E, como adoito, as cifras son moi baixas. Neste caso, mesmo máis aínda do habitual -este indicador non está afectado pola transmisión incompleta de datos dalgúns partidos xudiciais-.

Entre xullo e setembro deste ano Galicia rexistrou 11 novas demandas por ocupación ilegal de vivendas "en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social". Son catorce menos que no mesmo trimestre do ano previo e catro menos que nos tres meses anteriores. A propia escaseza do fenómeno dá lugar a que as variacións porcentuais sexan especialmente pronunciadas, neste caso dun descenso interanual do 56%.

O propio Poder Xudicial salienta a escasa incidencia dos novos casos de ocupación ilegal en Galicia, tamén en relación co resto do Estado. As cifras do terceiro trimestre déixanos en 0,4 casos por cada cen mil habitantes, tres décimas menos que a media estatal. E o seu volume total, 11 casos, fai que os desafiuzamentos sexan case vinte veces máis no mesmo período.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.